Saltar al contenido

¡Síguenos!

Puentes pídelles aos Reis Magos un 2026 con «máis oposición útil» do PSOE para transformar as demandas veciñais «en desexos cumpridos» e corrixe a falta de ambición de Lores: «Pontevedra non precisa que a rematen, senón evolucionar, dar un paso adiante e reivindicar o seu papel como capital e gran cidade»

  • No marco do tradicional Vermú de Nadal cos medios de comunicación, o portavoz socialista expresa o seu anhelo de que, neste novo ano, «a bronca permanente do PP de Rafa Domínguez sexa substituída por solucións para os veciños», e de que os tres partidos políticos «dean exemplo» e pechen «un grande acordo para afrontar os grandes retos do que será a cidade do 2050» en materia de vivenda asequible, infraestruturas, emprego e industria, hostalería e comercio e oportunidades para a mocidade

Pontevedra, mércores 23 de decembro de 2025.- Coa inminente chegada dos días máis máxicos do Nadal, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, aproveitou esta mañá un Vermú de Nadal cos medios de comunicación de Pontevedra para facer balance político deste ano de mandato e proxectar algunhas das liñas políticas prioritarias que o seu partido se marcou de cara ao 2026. A carta aos Reis Magos de Puentes, cuxo contido revelou no marco dun brinde celebrado no bar Carallo 29 e no que estivo acompañado polos concelleiros Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo, e polo secretario local de Xuventudes Socialistas (XSG), David Fraga, pide un novo ano no que o seu partido continúe a desenvolver «máis oposición útil» e transformando as demandas veciñais «en desexos cumpridos». Ademais, recrimínalle ao alcalde, Miguel Anxo Fernández, a absoluta falta de ambición amosada nas súas recentes declaracións, nas que afirmou que «era o tempo rematar Pontevedra»: «Pontevedra non precisa que a rematen; precisa evolucionar, dar un paso adiante e reivindicar o seu papel como capital e gran cidade».

Na comparecencia previa ao petisco de Nadal, ao que tamén asistiu a secretaria de Movementos Sociais do PSOE municipal, Lina Garrido, o líder socialista expresou ademais o seu anhelo de que, neste 2026, «a bronca permanente do PP de Rafa Domínguez sexa substituída por solucións para os problemas dos veciños e veciñas», e de que os tres partidos políticos da Corporación sexan quen de «dar exemplo», de converter Pontevedra «nun oasis» illado da crispación «que nos queren exportar de Madrid» e, sobre todo, de acadar «un grande acordo para afrontar os grandes retos de cidade» en cinco materias clave: vivenda asequible, infraestruturas, emprego e industria, hostalería e comercio e oportunidades para a mocidade.

Iván Puentes iniciou o balance de 2025 amosando a súa perplexidade ante «a alarmante falta de ambición» expresada por Lores ao dicir que «quere rematar Pontevedra», xa que, ao seu xeito de entender, «agora é o momento de comezar todo, de deseñar, de pensar e de planificar a cidade dos próximos anos». «É o tempo -sinalou- de evolucionar este modelo de cidade, que efectivamente compartimos con toda a cidadanía, e de construír, entre todos e todas, unha nova Pontevedra».

Unha tarefa na que, segundo subliñou, «o PSOE estivo traballando ao longo do ano 2025, facendo unha oposición construtiva, unha oposición diferente ao do Partido Popular, centrada en transformar votos en proxectos e en acordos «que se foron sucedendo un tras outro cada vez que houbo vontade por parte do Goberno Local» e que se concretaron «en máis de 11 millóns de euros condicionados polo Partido Socialista nas sucesivas aprobacións de orzamentos e de modificacións de crédito, e que se concretan sobre todo en obras que estamos vendo e que veremos ao longo dos próximos meses». «A primeira e unha das que máis orgulloso me sinto, evidentemente, é a renaturalización e recuperación do río dos Gafos en Campolongo, unha actuación na que traballamos os catro anos anteriores para lograr financiamento, para lograr os proxectos e para transformar esa bela aspiración nunha realidade que está a piques de comezar. Tamén teimamos e loitamos contra vento e marea e contra o resto de forzas políticas por construír en Valdecorvos -aseverou- esas balsas de inundación natural chamadas a evitar os asolagamentos na rúa Padre Fernando Olmedo».

Puentes tamén se referiu, entre os proxectos ‘verdes’ que levan a sinatura socialista, ás «expropiacións na traseira de Ernesto Caballero coa finalidade de crear unha gran zona verde que conectará o parque de Valdecorvos coa pasarela na zona leste da cidade»; e á renaturalización da parcela dos circos en Mollabao (incluída na estratexia Pontevedra Flúe) «que vai ver a luz e que se vai materializar nos vindeiros meses».

No eido da xeración de actividade económica e industrial e o fomento do emprego, o portavoz do PSOE sacou peito da súa mediación no acordo entre o Concello e a Zona Franca de Vigo para impulsar novas bolsas de chan industrial no noso termo municipal, mentres que, no que atinxe ao grave problema de acceso á vivenda que padece a capital da provincia, puxo en valor a contratación do estudo previo para poder declarar Pontevedra «como zona de mercado residencial tensionado» (unha demanda persistente dos socialistas e acordada co BNG). Asemade, tal e como lembrou, «grazas ás propostas do Partido Socialista, nos vindeiros meses o Estadio Municipal de Pasarón terá nova megafonía e videomarcadores, os campos de fútbol Manolo Barreiro, na Xunqueira, terán novo céspede artificial, e as entidades deportivas recuperarán a anualidade que tiñan perdida e incrementarán nun 10% a aportación anual do Concello».

As negociacións realizadas polo Grupo Socialista tamén se concretaron «no dobre de financiamento para os colexios públicos», nun incremento de 600.000 euros da partida de apertura e mantemento de camiños no rural, no inicio dos trámites de aprobación da Ordenanza de Benestar Animal, o aumento do plantel de Benestar Social en tres traballadores e a cobertura das trece vacantes que había na Policía Local a comezos do ano, «un problema que debemos ser capaces de atallar, ao tempo que evitamos as constantes fugas de policías e bombeiros cara a outros concellos». «A interlocución do PSOE co Goberno de España -proseguiu- xa reportou a Pontevedra dúas moi boas noticias neste 2025: en primeiro lugar, o inicio da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade, que debe transformarse en Vía Verde das Rías Baixas; e en segundo lugar, como confirmaba onte o delegado do Goberno na súa visita á cidade, a sensibilidade do Ministerio de Fomento e do Goberno de España para atender as demandas dos veciños e veciñas de Bora e de Xeve á hora de non executar ese trazado aberrante da A-57 polas súas parroquias».

«Queremos fuxir do permanente intento do PP de trasladar a Pontevedra a política embarrada de Madrid e converter o noso concello nun oasis de entendemento, diálogo e acordo entre as diferentes formacións políticas»

Tras esta exposición dos bos resultados acadados pola vía dos acordos con outras forzas políticas, Iván Puentes avanzou o que serán as principais liñas de traballo do seu partido de cara a un 2026 no que seguirán «pelexando cada día polo entendemento, polo diálogo e por transformar ese entendemento e ese diálogo en solucións para os veciños e veciñas». En definitiva, tal e como apuntou, «por ser unha oposición máis útil, fronte á oposición absolutamente inútil de Rafa Domínguez e do Partido Popular», por «converter os cinco votos do PSOE no Pleno en promesas cumpridas», por «desbloquear proxectos paralizados desde hai moito tempo en Pontevedra», e por «fuxir da bronca permanente do PP e dos seus constantes intentos de trasladar a política embarrada e enfangada de Madrid a Pontevedra». «Aspiramos a converter o noso concello nun oasis de entendemento, de diálogo e de acordo entre as diferentes formacións políticas, independentemente das nosas posicións partidarias», afirmou.

Con este obxectivo, o líder dos socialistas elaborou unha carta aos Reis Magos que establece unha decena de prioridades de cara ao 2026 e das que, precisamente, «o cumprimento de cinco delas pasa por facer algo que é impensable na política estatal e na política galega, que é un acordo entre as tres forzas políticas para sentar as bases mínimas do que ten que ser a Pontevedra do ano 2050». Así, ao seu xeito de entender, «o primeiro que debe ter unha gran capital de provincia son infraestruturas, e por iso, nós queremos que BNG, PP e PSOE e o Partido nos poñamos de acordo en reclamar e en conseguir dunha vez por todas a gratuidade da AP-9 entre Pontevedra e Vigo, independentemente de cando se consiga a gratuidade total da AP-9 no conxunto de Galicia».

Outras das actuacións prioritarias neste eido serían a finalización das obras do Nó de Bombeiros e o remate da autovía A-57 polo sur, ata Ponteareas, para conectar directamente Pontevedra coa A-52, coa autovía das Rías Baixas, e a través dunha estrada libre de peaxe, con Ourense, co resto da meseta e con Portugal. Conseguir un servizo ferroviario de Cercanías entre Vilagarcía e Vigo (con epicentro en Pontevedra), consensuar o destino dos fondos Edil do Goberno de España e «decidir o que queremos facer en Monte Porreiro, na Parda ou en Valdecorvos», apostar de xeito decidido por renaturalizar as ribeiras do Lérez (cando menos no treito máis urbano), executar os diferentes trazados da Vía Verde das Rías Baixas e finalizar o ansiado paseo peonil e ciclista a Marín tamén son cuestións fundamentais que Puentes pretende incluír nese grande acordo político en materia de infraestruturas.

Un pacto de colaboración que debe estenderse a materias como o emprego e a industria, desenvolvendo neste 2026 «o acordo ao que chegamos con Zona Franca de Vigo para empezar xa a planificar o chan industrial que nos permita captar investimentos, novas empresas e, ademais, axudar ás que xa están aquí». «E tamén, un acordo entre as tres forzas políticas para que, dunha vez por todas, poidamos vencer os atrancos que a hostalería e que o comercio están a padecer: temos que poñernos de acordo na modificación do Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística) -apuntou Puentes- e en tomar medidas que de verdade estimulen a hostalería na cidade, que estimulen a creación de emprego vinculada a ese sector, que é un dos motores económicos fundamentais que ten a cidade».

A vivenda, unha preocupación fundamental

Iván Puentes explicou que o PSOE traballará para tentar resolver «a preocupación fundamental que teñen os cidadáns nesta cidade e no conxunto do Estado, que é poder acceder a unha vivenda a prezo asequible». Por iso, tamén reivindica que as tres forzas políticas sexan capaces de seguir impulsando a construción de vivenda pública (como está facer o Goberno de España, que financia ao 60% as vivendas públicas que a Xunta de Galicia está a desenvolver en Pontevedra) e de implementar medidas «como esa zona de mercado residencial tensionado que debería concretarse en 2026» e outras iniciativas «que sexamos capaces de consensuar entre todas e todos».

Dentro deste grande acordo, o portavoz socialista considera esencial «apostar por un sector poboacional que é fundamental en Pontevedra, que é a mocidade». «A mocidade pontevedresa trasládanos que non pode acceder a unha vivenda a prezo razoable, que ten dificultades para atopar emprego na súa cidade e que tamén ten cada vez máis dificultades para pasar o seu tempo de lecer nesta cidade. Vivimos -lamentou- unha emigración de lecer constante cara a Sanxenxo, cara a Vigo, cara a Vilagarcía e cara a cantidade de concellos da nosa contorna que xa lles ofrecen aos mozos e mozas máis alternativas de lecer, fundamentalmente no ámbito nocturno, do que Pontevedra lles ofrece a cidade. Iso ten que ser unha preocupación fundamental, porque evitar eses desprazamentos, evitar esa fuxida de mozos e mozas, significa evitar tamén a fuxida de cartos, a fuxida de postos de traballo e sobre todo, evitar os riscos que se padecen na estrada cada fin de semana».

Ademais, Puentes avanzou que «no ano 2026 seguiremos traballando polo ensino público, mellorando o mantemento dos nosos centros e abordando obras e cuestións estruturais importantes que temos nalgúns, como son as inundacións nos colexios da Xunqueira I e da Xunqueira II». A pesar do importante paso adiante que supuxo o Coche de Punto, o socialista fixo fincapé na necesidade de mellorar o transporte público, ampliando o horario do devandito servizo ás tardes e ás fins de semana «para que a xente que non vive no centro urbano se poida desprazar en condicións ao centro urbano».

Neste sentido, asegurou que «unha boa parte da nosa poboación vive no rural e debe ter igualdade de servizos e igualdade de dereitos que os que vivimos na zona urbana: hai que continuar a traballar na extensión da rede de saneamento, no mantemento das vías rurais, nas instalacións deportivas e, tamén, na programación dunha actividade cultural estable ao longo do ano». En último lugar, para Iván Puentes, «Pontevedra debe ser exemplo dunha cidade que coida, atenta ás necesidades da súa mocidade, pero tamén dos seus maiores e, en definitiva, de todas aquelas persoas que padecen problemas como a soidade non desexada e que teñen que sentir o alento e a calor da administración pública e do seu Concello ao seu carón».

«Por tanto -engadiu-, son moitos os deberes e cuestión que poderiamos introducir nesta Carta aos Reis Magos do ano 2026, pero que máis que unha Carta aos Reis Magos teñen que ser compromisos concretos, obras concretas e acordos concretos aos que sexamos capaces de chegar as tres formacións políticas. A cidadanía vótanos para que discutamos e confrontemos, pero sobre todo para que sexamos capaces de acordar polo ben dos veciños e veciñas, polo ben desta cidade que, insisto, lonxe de camiñar cara ao remate de nada, é unha cidade que ten que camiñar cara ao principio de todo, cara á construción desa Pontevedra do ano 2050 verde, sostible, con actividade económica, con emprego e con dereitos para todos e para todas; que se converta de verdade en gran capital de provincia e nunha das grandes capitais de Galicia e do conxunto do Estado».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes