Puentes apela ao «sentidiño común» da conselleira de Vivenda para «ofrecerlles unha solución xusta» aos veciños prexudicados polas expropiacións de San Mauro, A Parda e Conde Bugallal: «Isto non é unha poxa, falamos de proxectos de vida; o que lle piden á señora Allegue é absolutamente razoable»
- Tras unha reunión mantida no Centro Leste cun grupo de afectados, os socialistas de Pontevedra anuncian que levarán as súas demandas ao Pleno do Concello e ao Parlamento Galego a través de sendas mocións, nas que esixirán «que se lles propoñan alternativas serias e transparentes: que se lles pague un prezo sensato, que se lles ofrezan vivendas e terreos en condicións equiparables aos que teñen nestes momentos e que se modifiquen aquelas cuestións que sexa posible cambiar sen afectar ao espírito deste PIA (Proxecto de Interese Autonómico)»
Pontevedra, venres 24 de abril de 2026.- A finalidade do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) impulsado pola Xunta de Galicia para edificar 2.000 vivendas de promoción pública entre A Parda e O Marco, absolutamente necesaria e compartida polo Grupo Municipal do PSOE, está a verse ‘manchada’ pola pouca empatía e claridade coa que o departamento que dirixe María Martínez Allegue xestionou as compensacións aos máis de 100 propietarios de vivendas e terreos afectados polas expropiacións (nun ámbito duns 230.000 metros cadrados entre A Parda, San Mauro, Conde Bugallal e o cruce do Marco). As casuísticas son diversas, pero os veciños e veciñas prexudicados comparten o cabreo por un procedemento no que non se reuniron con moitos deles, se lles puxeron enriba da mesa compensacións irrisorias (hai documentos nos que constan 2 € por metro cadrado) ou se lles ofertaron casas, pisos e fincas de tamaños moito máis pequenos dos que posúen agora mesmo.
Despois dunha reunión mantida no Centro Leste na que puido escoitar polo miúdo as demandas concretas dun grupo de afectados, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, apelou ao «sentidiño común» da conselleira de Vivenda e Planificación das Infraestruturas «para que lles ofreza unha solución xusta a uns veciños que lle piden cousas absolutamente razoables á señora Allegue e que, ademais, a pesar de que lles veñen a quitar as súas propiedades, amosan toda a comprensión e toda a disposición do mundo para sentar a falar». «Pídolle á conselleira que poña un pouco de cordura nun proxecto que debe ser beneficioso para todos e todas e que non converta isto nunha poxa», asegurou Puentes, ao que acompañaron no encontro os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey; a deputada autonómica Paloma Castro; o secretario de Xustiza e Asesoría Xurídica da Agrupación Socialista de Pontevedra, Pedro Hermida, e maila súa secretaria de Movementos Sociais, Lina Garrido.
O líder do PSOE local incidiu en que «Pontevedra é unha das cidades de Galicia coa vivenda máis cara e necesita construír moita vivenda pública para solucionar este problema, como estas que se queren levantar no contorno de San Mauro e A Parda», pero «para desenvolver este PIA, o primeiro é escoitar aos veciños e veciñas afectados». «Esixímoslle á Xunta de Galicia e, particularmente á conselleira de Vivenda, que se reúnan con eles, que escoite as demandas concretas que teñen e, sobre todo, que se lles pague un prezo razoable polas fincas das que haxa que dispoñer para construír toda esa vivenda, moi superior aos insultantes 2 € por metro cadrado que aparecen contemplados. E por suposto, ás persoas que teñen casas, que están vivindo alí, que se lles substitúa a súa vivenda, ou ben por unha cantidade xusta, ou ben por novas vivendas de calidade, libres e que non impliquen unha perda dos dereitos e do patrimonio que teñen nestes momentos», subliñou.
Co obxectivo de presionar á Xunta para que cambie de talante e sente a negociar estas xustas demandas, o portavoz do PSOE anunciou que o seu partido impulsará sendas mocións no Pleno do Concello de Pontevedra e no Parlamento de Galicia. O contido concreto destas iniciativas será consensuado coa veciñanza, pero en todo caso, tal e como avanzou Iván Puentes, traducirase en instar á Consellería de Vivenda a propoñer «alternativas serias e transparentes: basicamente, que se lles pague un prezo sensato, que se lles ofrezan vivendas e terreos en condicións equiparables aos que teñen nestes momentos e que se modifiquen aquelas cuestións que sexa posible cambiar sen afectar ao espírito deste PIA».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS