Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes levará ao Pleno a súa receita para abordar a crise habitacional: a creación da Bolsa Municipal de Vivenda ‘PONenAlugueiro’ e a aplicación de incentivos fiscais para introducir pisos baleiros no mercado

  • O líder socialista defende esta proposta, xa aplicada con éxito en urbes como A Coruña, Vigo ou Avilés, como un xeito de garantir «tanto o dereito de tódolos pontevedreses e pontevedresas a acceder a unha vivenda a un prezo razoable como a seguridade que os pequenos propietarios/as precisan para animarse a alugar»

Pontevedra, mércores 6 de outubro de 2026.- Convencido do esencial papel que as administracións locais deben xogar para abordar o problema de acceso á vivenda, o socialista Iván Puentes quere que o Goberno Municipal tome cartas na solución da crise habitacional que padece a nosa cidade e impulse canto antes unha fórmula xa testada con éxito noutras urbes como A Coruña, Vigo ou Avilés: a creación de ‘PONenAlugueiro’, a Bolsa Municipal de Vivenda en Alugueiro de Pontevedra. A través da colaboración coas axencias inmobiliarias do contorno, esta iniciativa permitiría que o propio Concello actuase de mediador entre os/as demandantes de vivenda e os propietarios/as, ofertando á cidadanía inmobles a prezo asequible (taxado segundo as zonas) e se protexendo aos arrendadores/as ante posibles impagos ou desperfectos.

Deste xeito, entende o portavoz do PSOE, «poderemos dar resposta ao que realmente se nos demanda, é dicir, que garantamos tanto o dereito de tódolos pontevedreses a acceder a unha vivenda a un prezo razoable como a seguridade que os pequenos propietarios/as precisan para animarse a alugar». «É dicir, eu teño un piso, decido poñelo na bolsa pública de alugueiro do Concello de Pontevedra e asumo que o prezo vai estar taxado polo Concello en función da zona da cidade na que estea ese inmoble; pero a cambio de asumir ese prezo topado -sostén-, a Administración municipal vaime garantir o ingreso de tódalas anualidades, con independencia de que existan posibles situacións de impago, e ademais, se houbese desperfectos na vivenda, tamén serían asumidos polo seguro que tería contratado o propio Concello. Renuncio a cobrar ese pouco máis que podería cobrar pola miña vivenda segundo os prezos do mercado, pero a cambio diso teño toda a tranquilidade do mundo de que a miña casa será devolta en condicións óptimas e de que non terei problemas de impagos nin conflitos co inquilino/a».

E sobre todo, «o máis importante» -considera Puentes- é que estariamos poñendo no mercado centos ou milleiros de vivendas a un prezo razoable e asumible para a maioría de pontevedreses e pontevedresas, en función do salario que cobran e, polo tanto, xente que pode quedar a vivir na súa cidade en condicións dignas». Unha Bolsa Municipal de Vivenda que permitiría non só transferir inmobles que xa estean en oferta nestes momentos, senón que tamén incentivaría, como acontece noutras cidades nas que esta ferramenta foi implementada, a introdución no mercado de alugueiro dunha boa parte dos pisos que agora mesmo están baleiros (os datos do INE os sitúan nun 14% da vivenda dispoñible en Pontevedra).

A taxación faríase tendo en conta o prezo de mercado existente en cada zona da cidade, aplicándoselle un coeficiente redutor en función dos salarios medios e do poder adquisitivo da media da poboación (como exemplo, en Avilés os prezos oscilan entre os 400-500 euros nas zonas máis baratas e os 650-700 nas máis caras). En consecuencia, o primeiro paso sería a realización dun estudo para zonificar a cidade, avaliar o prezo medio de mercado en cada unha desas zonas e ponderar a media do poder adquisitivo (o salario medio sitúase entre os 1.300 e os 1.500 euros), co obxectivo de que non se destine á vivenda máis do 30% dos ingresos mensuais.

Unha iniciativa que Iván Puentes levará ao vindeiro Pleno da Corporación a través dunha proposición na que tamén lle solicita ao Goberno Local que estude aplicar posibles bonificacións en taxas e impostos municipais, como o IBI (Imposto de Bens Inmobles). Uns incentivos fiscais que, como explicou esta mañá nunha comparecencia ante os medios de comunicación, estarían destinados «a estimular a introdución de vivendas baleiras no mercado residencial tradicional».

En opinión do voceiro do PSOE, o Concello «debe empregar os seus instrumentos urbanísticos, patrimoniais e sociais para afrontar un dos grandes desafíos aos que se enfronta Pontevedra, poñendo o seu grao de area nesta loita por facer efectivo ese dereito da cidadanía a acceder a unha vivenda digna a prezo asequible que recolle o artigo 47 da Constitución Española». Con tal fin, os socialistas xa levaron ao Pleno da Corporación ao longo deste mandato varias iniciativas enfocadas a actuar nas diversas frontes que afectan a este complexo problema, como a regulación e limitación das vivendas de uso turístico (VUT) ou a activación dos trámites para que a Xunta de Galicia declare determinadas áreas da cidade como zonas de mercado residencial tensionado (unha medida que permitiría limitar o prezo máximo dos alugueiros).

«Desgraciadamente -lamentou-, cando xa pasou practicamente a totalidade do mandato, o Goberno Local ten avanzado menos do que nos gustaría en todas estas liñas. Non sabemos absolutamente nada das zonas de mercado residencial tensionado, a pesar de que hai xa dous anos que en teoría se comezou a traballar na elaboración deses documentos; e no que atinxe ás VUT, aprobouse só un primeiro paquete de medidas, consistente en facer o máis básico e evidente, que é evitar que este tipo de vivendas turísticas estean mesturadas coa vivenda residencial… Pero non se fixo nada máis, sobre todo en espazos como a zona vella, que padecen unha elevada presión de VUT».

A moción foi tratada onte en Comisión de Urbanismo, onde se aprobou co voto favorable de PSOE e BNG e a abstención do PP. Non obstante, Puentes agarda que este posicionamento dos ‘populares’ mude no Pleno e a proposta poida saír aprobada por unanimidade, ao tratarse dun «asunto transversal, que afecta a tódalas persoas con independencia da súa ideoloxía e de que a quen voten». «A política -afirmou- está para ofrecer solucións aos problemas máis importantes que ten a xente e, agora mesmo, ocórrenseme poucos tan relevantes como o do acceso á vivenda».

Os datos amosan a dimensión do problema: o prezo medio do alugueiro incrementouse nun 70% entre 2014 e 2025 (nalgunhas zonas da cidade xa supera os 700 euros)

Tal e como expuxo o líder do PSOE, «os datos amosan con claridade a dimensión que este problema acadou na nosa cidade: segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), o prezo medio dos contratos de alugueiro formalizados en Pontevedra pasou de 390,80 euros mensuais en 2014 a 667,30 euros en 2025, o que supón un incremento acumulado superior ao 70%». «Só desde 2019, cando o alugueiro medio se situaba en 459,20 euros, o aumento aproxímase ao 45%. Durante 2025 -sinalou o portavoz socialista- formalizáronse no noso concello 1.230 contratos, cunha renda media de 667,30 euros mensuais e 6,70 euros por metro cadrado, superándose os 700 euros de media nalgunhas zonas da cidade».

Unha vertixinosa evolución que, como apuntou, afecta especialmente ás persoas mozas que intentan emanciparse, ás familias con rendas medias e baixas, aos fogares monoparentais e ás persoas que viven soas. «A vivenda -asegurou- estase a converter así nun factor cada vez máis determinante de desigualdade e nun condicionante para desenvolver un proxecto vital autónomo».

Algo que, ao seu xeito de entender, tamén evidencia a crecente demanda de vivenda protexida. Así, en base aos datos recollidos pola Axenda Urbana de Pontevedra, en xullo de 2021 eran 935 as persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas (das que un 70,6% demandaba vivenda en alugueiro); «en setembro de 2026, a cifra de persoas que agardan por unha vivenda pública situábase xa arredor das 2.300». «A propia Axenda Urbana -subliñou- identifica, entre os retos da cidade, o de aumentar o parque de vivenda pública, impulsar a rehabilitación e fomentar a existencia de vivenda a prezos alcanzables».

Neste eido, Iván Puentes puxo en valor o incremento dos recursos que o Goberno de España destinou durante os últimos anos ás políticas públicas de vivenda, aprobando a Lei 12/2023 polo Dereito á Vivenda, que estableceu por primeira vez un marco lexislativo estatal especificamente dirixido a garantir este dereito e creou instrumentos para ampliar e preservar os parques públicos e actuar en mercados residenciais especialmente tensionados. Ao amparo desta lei e a través do Plan de Recuperación destináronse 1.000 millóns de euros para promover vivenda para alugueiro social, con máis de 25.000 vivendas comprometidas, alén de 2.970 millóns para rehabilitación residencial. A isto engádese a mobilización de patrimonio inmobiliario público e procedente da Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria).

Os recursos do Estado: achegou o 60% do financiamento das 178 vivendas públicas de Valdecorvos e constrúe outras 73 en Campolongo

Un esforzo que, segundo lembrou, terá continuidade mediante o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, dotado con 7.000 millóns de euros, «triplicando os recursos xestionados polas comunidades autónomas respecto ao plan anterior». As políticas estatais inclúen así mesmo medidas dirixidas aos mozos, como o Bono Alugueiro Novo, ao que se destinaron 600 millóns de euros e que alcanzou a máis de 120.000 beneficiarios, ou a liña de avais ICO para a adquisición da primeira vivenda, dotada con 2.500 millóns.

«En Pontevedra -salientou-, grazas ás transferencias do Estado, que aporta ata o 60% do financiamento necesario, e á colaboración institucional entre as diferentes administracións, xa se teñen entregado 74 vivendas públicas en Valdecorvos, ás que se suma a actual construción doutras 104 na mesma zona e a previsión de novos proxectos en diferentes puntos da cidade, entre elas as 73 vivendas que constrúe directamente o Goberno de España en Campolongo». 

Unhas medidas impulsadas polo Executivo de Pedro Sánchez que seguirán a beneficiar aos pontevedreses e pontevedresas durante os vindeiros anos grazas ao Real Decreto que será convalidado en breve pola Deputación Permanente do Congreso e que, entre outras cuestións, permitirá financiar a interese 0 e cun período de carencia de 30 anos ata o 20% do valor do inmoble que se quere adquirir (un préstamo do Estado por un importe máximo de 50.000 euros).

En calquera caso, para Puentes, «a existencia duns 2.300 demandantes de vivenda pública evidencia a necesidade de incrementar substancialmente este esforzo por parte de tódalas administracións, que deben actuar ademais de xeito coordinado». «Tendo en conta, en todo caso, que as competencias fundamentais en materia de vivenda son da Xunta de Galicia», matizou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes