Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas proxectan a creación de aulas de estudo e salas de uso sociocultural en locais baleiros e edificios públicos de Pontevedra

  • Ante a forte demanda cidadá deste tipo de servizos e a carencia de espazos acondicionados na nosa cidade, a proposta de Iván Puentes e Carmen Hermo, que será defendida no Pleno ordinario deste mes, solicítalle ao Goberno Local que estude inmobles axeitados para albergar estas actividades pola vía da adquisición ou o alugueiro

Pontevedra, martes 14 de abril de 2026.- Conscientes da enorme demanda popular deste tipo de servizos e da necesidade de mellorar a oferta de espazos alternativos ás bibliotecas da nosa cidade (tanto a municipal como as do Campus Universitario), os socialistas decidiron impulsar unha iniciativa para a creación de aulas de estudo e de salas de uso polivalente, esencialmente sociocultural, nalgún dos numerosos locais comerciais que están baleiros en Pontevedra. A proposta, que o PSOE defenderá no vindeiro Pleno ordinario da Corporación, solicítalle ao Goberno Local que estude os posibles inmobles axeitados para albergar estas actividades, facendo unha catalogación dos mesmos e establecendo criterios de valoración de cara á súa adquisición ou alugueiro.

A moción, presentada esta mañá no marco dunha comparecencia conxunta dos concelleiros Iván Puentes e Carmen Hermo, tamén solicita que se definan os modelos de salas a ter en conta para as futuras adquisicións, establecendo o número de postos de estudo, os horarios de apertura, os tipos de servizos prestados, a vixilancia… Orientados a implantar sistemas de reserva online dos postos de estudo e doutros espazos para acadar unha democratización do servizo. Tal e como subliñou o portavoz municipal do PSOE, «detectamos que existe unha importante demanda por parte de diversos colectivos da cidade, en especial de estudantes universitarios e non universitarios e das moitas persoas que están a preparar oposicións e outro tipo de probas que requiren de moitas horas de estudo e esforzo, e que á marxe das bibliotecas da Universidade, que abren en horario extraordinario durante o período de exames (pero non nas fins de semana por exemplo), carecen de espazos axeitados para poder estudar». «Unha demanda que se une -sinalou Puentes- á escaseza de salas de uso polivalente que hai nesta cidade».

Segundo apuntou a concelleira socialista Carmen Hermo, a iniciativa foi formulada, en efecto, a partir de tres factores: en primeiro lugar, a carencia de postos de estudo e a grande demanda dos estudantes, «sobre todo aqueles que non pertencen a ningunha das facultades universitarias», que «se traducen en colas, en agardas e, en moitas ocasións, en ter que regresar a casa sen poder utilizar estes postos»; en segundo, a necesidade de espazos socioculturais, unha escaseza incrementada aínda máis co peche do Teatro Principal, «o fai que celebrar un acto cultural en Pontevedra resulte ás veces moi complicado»; e por último, a enorme cantidade de locais baleiros que existen na cidade, «que en moitos casos dispoñen de características que os fan susceptibles de convertelos en salas de lectura, de estudo ou de uso sociocultural».

Algunhas ideas concretas…

Así, a proposta do PSOE contempla que o Goberno Local se abra a estudar as posibilidades deste tipo de locais, ben pola vía da compra, ben pola do alugueiro, co obxectivo de convertelas en aulas de estudo ou espazos socioculturais e, sobre todo, a traballar na creación dunha bolsa de inmobles que resulten axeitados para esta finalidade. Entre as ideas concretas que barallan os socialistas, e á falta de que se realicen os estudos concretos, inclúense un espazo enorme e céntrico, como o baixo da antiga Boleira, que leva moitos anos baleiro e que se atopa no contorno de San Francisco, destinado a albergar o Arquivo Histórico Provincial. «Pero como este que se non ocorreu -matizou Carmen Hermo-, penso que pode haber moitísimos máis, porque desgraciadamente seguen a pechar locais en Pontevedra ao non poder desenvolver a actividade para a que foron concibidos».

En relación á reforma de San Francisco, Iván Puentes lembrou que o Grupo Socialista «sempre lles transmitimos tanto ao Ministerio de Cultura como á Delegación e á Subdelegación do Goberno a nosa intención de que o Arquivo resposte ao que hoxe representan os arquivos, é dicir, que ademais dunha zona na que efectivamente se custodie e se teña a disposición para préstamo a documentación histórica da provincia, sexa tamén un espazo cultural polivalente aberto ao uso da cidadanía». «Sempre falamos dun pequeno salón de actos que se puidese empregar para eventos e de salas de usos polivalentes -engadiu- e isto encaixaría perfectamente cos usos propios do Arquivo».

En todo caso, Puentes insistiu en que «do que trata esta moción é de explorar vías en edificios públicos coma este, pero tamén de baixos comerciais que estean baleiros nestes momentos e para os que os propietarios estean buscando saídas».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes