O «abandono institucional» que padece a comunidade educativa do CEIP Santo André de Xeve protagonizará o Pleno deste mes a través dunha moción do PSOE: urxen ao Concello e Xunta o abastecemento de auga potable e a reparación integral das instalacións do colexio
- Entre as principais demandas recollidas nesta iniciativa, acordadas nunha reunión que os socialistas mantiveron no centro escolar con representantes da Anpa, a dirección do colexio e a Comunidade Augas de Santa María de Xeve, ínstase ao Goberno Local a executar de xeito inmediato na rede de subministración do CEIP de Xeve as obras e actuacións técnicas necesarias para solucionar dunha vez por todas os problemas de potabilidade da auga
- O portavoz do PSOE, Iván Puentes, considera «unha auténtica vergoña que, despois de tanto tempo reclamando unha solución, os alumnos e alumnas carezan de auga potable nos baños e vestiarios e o centro teña que seguir botando man de bidóns para paliar a carencia dun servizo tan indispensable coma este»
- A proposición dos socialistas tamén solicita a renovación do pavimento de caucho do parque de Educación Infantil, reparando ou substituíndo os elementos de xogo deteriorados; a realización dunha inspección e análise técnica do falso teito do colexio co obxectivo de detectar a posible presenza de amianto (procedendo no caso á súa restauración integral con materiais seguros); e a substitución dos canalóns do pavillón para evitar novas filtracións e entradas de auga no interior das instalacións
Pontevedra, sábado 10 de outubro de 2026.- A raíz dunha reunión mantida con representantes da Anpa, a dirección do centro educativo e a Comunidade de Augas de Santa María de Xeve, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, realizou nos últimos días un novo intento para desbloquear a sinatura dun acordo entre o Concello de Pontevedra e os comuneiros que permitiría solucionar dunha vez por todas un dos problemas que máis quebradeiros de testa lle provoca á comunidade educativa do colexio: a dotación de abastecemento de auga potable. Porén, a resposta do concelleiro responsable, Xaquín Moreda, non achegou demasiadas esperanzas, ao subliñar algunhas irreconciliables discrepancias coas condicións que a Comunidade de Augas lles esixe (esencialmente, no que atinxe a asunción legal da cloración en orixe e a potabilización) e suxerir como única vía posible de solución o estudo doutras alternativas xa contempladas no seu momento, como o bombeo de auga desde o Teleclub de Xeve ou mesmo a construción dun novo pozo no colexio. «En definitiva -lamenta Puentes-, que o problema non terá solución a curto prazo, porque o Goberno Local aínda segue a estudar como facelo».
Ante esta situación enquistada no tempo e agravada co paso dos días, o líder do PSOE decidiu empregar o altofalante do Pleno da Corporación para darlles voz a esta e outras reivindicacións da comunidade educativa e para poñer o foco no «abandono institucional, tanto do Concello como da Xunta», que, ao seu xeito de entender, padece o CEIP Santo André de Xeve. Farao a través dunha moción cuxas demandas foron acordadas no marco da reunión coa Anpa, a dirección e os comuneiros (na que tamén participaron os concelleiros Manuel Fariña e Marcos Rey e maila deputada autonómica Paloma Castro, e na que os socialistas urxen aos gobernos local e autonómico a resolver o problema de abastecemento de auga potable e a executar obras de reparación integral das instalacións do colexio.
Iván Puentes cualifica de «sumamente preocupante» a situación que padecen desde hai tempo alumnos/as, profesores/as e nais e pais do CEIP Santo André de Xeve, «cunha progresiva deterioración de instalacións que condiciona gravemente o normal desenvolvemento da actividade escolar e compromete a súa seguridade, a salubridade e o confort». Segundo sostén, un dos problemas máis urxentes e graves afecta á calidade da auga de consumo: os controis periódicos realizados na rede do centro detectaron parámetros e niveis fóra dos rangos axeitados para o consumo humano, o que obrigou ás autoridades competentes a decretar a prohibición preventiva de beber auga da billa.
«Nestes momentos, para protexer a saúde dos nenos e nenas e do persoal -denuncia Puentes-, o colexio vese obrigado a recorrer de forma continuada á subministración de auga embotellada, unha medida de emerxencia que non pode consolidarse como solución definitiva nun servizo público esencial».

A esta «emerxencia hixiénico-sanitaria» súmase a alarma xerada polo estado de diferentes elementos estruturais dos edificicios que pertencen ao colexio; en concreto, o falso teito do colexio, no que existen numerosas placas deformadas e deterioradas (téndose producido xa a caída dalgunha delas no interior das aulas); a deterioración arquitectónica do pavillón deportivo, onde os canalóns se atopan gravemente danados polo paso do tempo, presentando roturas que provocan filtracións e a entrada directa de auga no interior do recinto; e o parque de Educación Infantil, no que o pavimento de caucho perdeu a súa capacidade de amortecemento e os elementos de xogo presentan táboas rotas e con astillas, expoñendo aos máis pequenos a continuo risco de dano físico.
Por todo isto, a moción do Grupo Municipal do PSOE insta ao Concello a efectuar de maneira inmediata na rede de subministración do centro escolar as actuacións técnicas e obras da súa competencia que sexan necesarias «para solucionar dunha vez por todas os problemas de potabilidade da auga». Iván Puentes considera «unha auténtica vergoña que, despois de tanto tempo reclamando unha solución, o alumnado careza de auga potable en baños e vestiarios e o centro teña que seguir botando man de bidóns para paliar a carencia dun servizo tan indispensable coma este».
Asemade, a proposición rexistrada polos socialistas tamén insta ao Goberno Local a renovar o pavimento de caucho do parque de Educación Infantil, procedendo á reparación ou substitución dos elementos de xogo deteriorados.
Un calendario de actuacións coordinado entre ámbalas administracións, a dirección do centro educativo e a Anpa
No que atinxe aos moitos deberes que a Xunta ten pendentes con este colexio pontevedrés, a iniciativa do PSOE tamén lle solicita á Consellería de Educación que realice «unha avaliación técnica integral coa finalidade de executar unha serie de actuacións urxentes no CEIP Santo André de Xeve». Tal e como sinala Puentes, «dado o mal estado de conservación e a antigüidade do falso teito do centro escolar, é imprescindible que efectúen unha inspección e análise técnica orientada a detectar a posible presenza de amianto». «No caso de confirmarse esta presenza de amianto -apunta-, o que lle esiximos á Xunta é que actúe con dilixencia e proceda á súa retirada inmediata por empresas habilitadas e á substitución integral do teito por materiais seguros».
Así mesmo, a moción do PSOE solicítalle ao Goberno autonómico a substitución dos canalóns do pavillón do colexio, a fin de evitar novas filtracións de auga no interior destas instalacións deportivas.
Os socialistas tamén consideran imprescindible «unha intervención pública coordinada e urxente que garanta un contorno escolar seguro, digno e san», polo que instan a ámbalas administracións a coordinarse coa dirección do centro e coa Anpa para elaborar canto antes un calendario de actuacións no que se establezan os prazos previstos, priorizando aquelas intervencións que afecten directamente á seguridade e á saúde da comunidade educativa.

Iván Puentes incidiu en que, desde o punto de vista legal, «calquera infraestrutura educativa da Comunidade Autónoma de Galicia debe cumprir rigorosamente coas condicións hixiénico-sanitarias básicas fixadas pola Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad». Deste xeito, o Real Decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, establece os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, esixindo o cumprimento estrito dos parámetros de potabilidade química e microbiolóxica, mentres que a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local (artigo 25.2.c), e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, atribúen ao municipio competencias na subministración de auga e na conservación e mantemento dos centros de Educación Infantil e Primaria, correspondéndolle á Administración autonómica asumir as obras de grandes reformas, a seguridade estrutural e a eliminación de materiais perigosos.
Ademais de protagonizar a orde do día do Pleno da Corporación municipal deste mes, as demandas da comunidade educativa tamén serán levadas ao Parlamento de Galicia da man dunha iniciativa da deputada Paloma Castro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS