Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE urxe ao Goberno Local a «solucionar dunha vez os problemas estruturais» denunciados polas direccións dos centros educativos: «O BNG debe priorizar o cumprimento dos acordos adquiridos, creando unha bolsa de bedeis e duplicando a partida destinada ao mantemento»

  • Tralo escrito presentado pola Xunta de Directivos ante a Alcaldía e a Concellería de Educación, os socialistas de Pontevedra alertan da problemática situación que viven diversos centros: «No CEIP A Xunqueira 1 non tiveron bedel durante todo o verán; no CEIP Álvarez Limeses houbo problemas de limpeza e mantemento que se sosteñen no tempo; no CEIP Manuel Vidal Portela repítese a mesma situación; o CEIP Froebel leva sen bedel desde principio de curso (só estivo na primeira semana) e o servizo de mantemento segue a ser insuficiente; o Marcos da Portela presenta tamén problemas de mantemento e limpeza; no CEIP Cabanas de Salcedo repítese o mesmo; e o CEIP Parada-Campañó tamén comezou o curso sen bedel»
  • Iván Puentes e Manuel Fariña esixen a creación dunha bolsa de emprego de bedeis que permita substituír dun xeito áxil as baixas que se poidan producir dentro dese prazo máximo de 15 días; e que se licite canto antes o novo contrato de mantemento dos colexios públicos

Pontevedra, mércores 29 de outubro de 2025.- O PSOE de Pontevedra urxe ao Goberno Local a «solucionar de xeito urxente os problemas estruturais» que a Xunta de Directivos dos Centros Públicos de Ensino Infantil e Primaria denunciou este mes a través dun escrito dirixido á Concellería de Educación e á Alcaldía: unha queixa xeralizada polas eivas e problemas que presentan os servizos de mantemento e limpeza e a dotación de persoal de conserxería. Os socialistas instan ao BNG a priorizar o cumprimento dos acordos adquiridos, tanto no Pleno do Concello como nas negociacións para aprobar as contas municipais, activando dunha vez a creación dunha bolsa específica para cubrir as prazas de bedel vacantes e a mellora pactada no servizo de mantemento dos colexios, que debería duplicar a súa contía (pasando de 200.000 a 400.000 euros). «Estamos en período de negociación do novo orzamento -advirte o concelleiro Manuel Fariña- e parécenos difícil chegar a un acordo se non se cumpren os acordos previos».

Este ‘aviso a navegantes’ do PSOE aos nacionalistas foi expresado no marco dunha comparecencia conxunta do portavoz do partido, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, responsable dos socialistas en materia de Educación. Tal e como lembrou Fariña, a petición dos directivos de que se mellore de maneira urxente o servizo de mantemento «é unha cuestión que os socialistas pedimos xa desde o principio de mandato» e, de feito, converteuse «nun dos motivos de que non houbese orzamentos no primeiro ano» e nunha «das liñas vermellas» plantexadas na negociación para aprobar as contas deste 2025. «No acordo -sinalou-, introduxemos a mellora urxente do mantemento dos centros, duplicando a partida para ese fin».

A Xunta de Directivos pídelle ademais ao alcalde o reforzo das dotacións de limpeza e que se garanta a cobertura das prazas de bedel, algo que tamén se acordou no Pleno da Corporación celebrado en outubro de 2024, coa introdución e aprobación dunha proposta do PSOE consistente na creación dunha bolsa específica de emprego para a cobertura dos bedeis «no máximo dunha semana», así como na convocatoria dun novo proceso selectivo mediante unha Oferta Pública de Emprego (OPE). Manuel Fariña explicou que, á vista do escrito e sendo coñecedores das problemáticas existentes nos colexios do concello, os socialistas puxéronse en contacto cos equipos directivos de tódolos centros educativos para sondear a situación e facer balance das súas eivas.

Segundo precisou, como resultado desta sondaxe, de entre tódalas problemáticas que hai cabe destacar que «no CEIP A Xunqueira 1 non tiveron bedel durante todo o verán; no CEIP Álvarez Limeses houbo problemas de limpeza e mantemento que se manteñen; no CEIP Manuel Vidal Portela repítese a mesma situación; o CEIP Froebel leva sen bedel desde principio de curso (só estivo na primeira semana) e o servizo de mantemento segue a ser insuficiente; o Marcos da Portela presenta tamén problemas de mantemento e limpeza; no CEIP Cabanas de Salcedo repítese o mesmo; e o CEIP Parada-Campañó tamén comezou o curso sen bedel».

«Debemos subliñar a importancia que os bedeis teñen no funcionamento dos colexios -salientou Fariña-, xa que son os responsables de abrir e pechar as portas ou de recoller chamadas. Se un colexio non ten bedel, son os profesores os que se ven obrigados a realizar os seus labores, o que supón que o alumnado quede desatendido. Por culpa desta situación, os colexios están a adoptar medidas como que só se poidan recoller aos nenos entre horas, o que implica que, se por exemplo tés que recoller ao teu fillo para levalo a unha cita médica, cando a solicitas debes ter en conta as horas nas que se producen os cambios de clase e iso non é sempre posible. A falta de bedeis está a provocar uns problemas moi gordos nos colexios».

Puentes: «Non estamos ante un problema puntual, senón ante un problema estrutural; as solucións xa están sobre a mesa»

Iván Puentes incidiu en que, a tenor do exposto polo seu compañeiro de partido, «é evidente que non estamos ante un problema puntual nos colexios, nin desde o punto de vista do mantemento e conservación dos centros educativos, nin do da cobertura desas prazas de bedel, senón que nos atopamos ante un problema estrutural ao que o Goberno Local lle ten que poñer solución e esas solucións xa se puxeron sobre a mesa no Pleno municipal e na negociación dos orzamentos». «En primeiro lugar, creando esa bolsa de emprego de bedeis que nos permita substituír dun xeito áxil as baixas que se poidan producir dentro dese prazo máximo de 15 días que marcaba o acordo plenario; e en segundo lugar, executando esa partida do orzamento do ano 2025 que foi pactada polo PSOE co Goberno Local para duplicar a contía destinada a mantemento. Os cartos están e a vontade política tamén, porque tanto o PSOE como o BNG votamos a favor disto no Pleno; o que falta é licitar o contrato e adxudicar xa ese novo contrato de mantemento dos colexios públicos -subliñou-, que resolvería moitos dos problemas que temos nestes momentos e moitas das queixas que os pais, as nais e as direccións dos centros temos cada día cando levamos aos nosos fillos ao colexio».

Puentes avanzou que o Partido Socialista estará «vixilante» para que se cumpran os acordos plenarios e non dubidará en «empregar o seu peso no Concello de Pontevedra para lograr que se executen estas cuestións o antes posible».

En apoio ás demandas expresadas polos equipos directivos, os socialistas esíxenlle ao Goberno Local «o cumprimento dos compromisos xa adquiridos: dunha banda, o acordo orzamentario do ano 2025, coa licitación urxente dun novo contrato de mantemento que duplique a partida anterior; e da outra, a cobertura urxente de bedeis, neste caso o do CEIP Froebel, que pola relevancia que ten este posto de traballo, debería estalo no prazo dunha semana, ou cando menos nun máximo de 15 días, como fai a Xunta». Para o concelleiro do PSOE, a solución definitiva a este problema recorrente pasa por crear a devandita bolsa de bedeis, de xeito que «esta situación non se poida volver repetir».

Como apuntou Manuel Fariña, no escrito que os directores dos centros lle remiten á Alcaldía e ao concelleiro de Educación solicítanlles unha reunión urxente, unha petición que, ao seu xeito de entender, debería vertebrarse a través do Consello Escolar Municipal (cuxa reactivación foi proposta tamén este verán polos socialistas cunha moción). «Cremos que ese debe ser o foro e, polo tanto, esiximos que se convoque dunha vez, dado que se trata dunha proposta aprobada por unanimidade no Pleno. Non sabemos a que agarda o Goberno Local, pero consideramos que a situación é bastante grave e require dunha solución urxente».

Negociación dos orzamentos: «Antes de falar de novos investimentos, debemos avaliar os acordos pasados; coido que as conversas van razoablemente ben»

No que atinxe á negociación co BNG de cara á aprobación das contas para 2026, Iván Puentes afirmou que ámbalas partes están a realizar «un traballo moi discreto para explorar vías de acordo e entendemento para que a cidade teña orzamento, que é o mellor que lle pode pasar aos pontevedreses, xa que é o xeito no que podemos dispoñer de cartos para resolver os seus problemas e demandas». Dentro deses contactos e conversas discretas, o portavoz socialista admitiu que «evidentemente, antes de falar de novos investimentos, estamos falando de acordos e investimentos pasados: unha boa parte deles están cumpridos, iniciados ou en vías de cumprimento, pero outra parte está aínda pendente».

«Nesa parte dos que están pendentes de cumprirse, temos que analizar cales o están porque efectivamente haxa explicacións racionais, trámites administrativos, dificultades que xurdiran no camiño ou, simplemente, o propio período temporal desde o inicio do orzamento (que entrou en vigor na primavera), que xustifiquen que a día de hoxe non estean cumpridos, pero que sigue existindo vontade de cumprilos; e cales non están cumpridos por falta de actuación concreta neles», matizou.

No caso concreto das reivindicacións das directivas dos centros escolares, Puentes está convencido de que se trata «dun deses casos nos que se priorizaron outras actuacións e non se puxo a atención e dilixencia suficientes a estes dous asuntos». «Queremos avaliar co Goberno Local -insistiu- que cuestións podemos negociar para materializar os acordos e, a partir de aí, poder falar xa de novos investimentos para o ano 2026. Coido que as conversas están indo razoablemente ben por ámbalas partes e, se de verdade existe vontade política, crear unha bolsa de bedeis e licitar o novo contrato de mantemento non deberían ser trámites administrativos especialmente complexos».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes