Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE de Pontevedra promove unha xornada que servirá de laboratorio de ideas para achegar solucións reais aos problemas de acceso á vivenda

  • O foro organizado polos socialistas desenvolverase este venres 22 de maio no salón de actos do edificio sindical a partir das 17:00 horas, estará aberto á cidadanía e contará coas intervencións de Ignasi Conesa, portavoz de Vivenda no Congreso dos Deputados; María Xosé Caride, concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo; e Juan Carlos Guerrero, ex concelleiro de Vivenda do Concello de Avilés
  • Iván Puentes agarda que este acto, que permitirá expoñer as accións en marcha e sobre todo para escoitar e recoller propostas nunha das áreas prioritarias á hora de deseñar o programa electoral do PSOE, «acade unha forte implicación por parte de axentes que, como as axencias inmobiliarias, xogan un papel esencial para poder implementar moitas destas medidas»

Pontevedra, martes 19 de maio de 2026.- Convencidos de que o Goberno Local está a pecar dunha preocupante pasividade en materia de vivenda e de que as administracións municipais dispoñen de ferramentas que lles permiten ter un rol moi significativo e influínte sobre os desbocados prezos que padecen os veciños da nosa cidade, os socialistas de Pontevedra decidiron organizar unha xornada temática co obxectivo de achegar solucións reais aos crecentes problemas de acceso á vivenda.

O foro impulsado polo PSOE local celebrarase este venres 22 de maio no salón de actos do edificio sindical (rúa Pasantería, 1) a partir das 17:00 horas, estará aberto a toda a cidadanía que desexe asistir e, tal e como sinala o portavoz e secretario xeral do partido, Iván Puentes, «servirá de laboratorio de ideas no que, alén de expoñerse as accións concretas promovidas desde este Grupo Municipal, se escoitarán e recollerán propostas que marcarán a nosa folla de ruta neste eido tan sensible». «Trátase dunha xornada -asegura- que, a través dunha visión técnica e especializada do contexto e de experiencias e medidas concretas, permitiranos seguir trazando e deseñando o noso programa electoral nunha das áreas máis prioritarias, por non dicir a que máis».

Neste sentido, Puentes agarda que a xornada «acade unha forte implicación e asistencia por parte de axentes que, como os responsables das axencias inmobiliarias, xogan un papel esencial para poder implementar e levar á práctica moitas destas medidas». 

Baixo a epígrafe ‘Acceso á vivenda: solucións reais’, o cartel deste foro de debate contará coa intervención de expertos cunha contrastada traxectoria na materia, como o deputado por Barcelona Ignasi Conesa, portavoz de Vivenda e Axenda Urbana do PSOE no Congreso dos Deputados. Entre os relatores/as estará tamén María Xosé Caride, que foi conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes entre 2005 e 2009 e que ocupa o cargo de concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo.

Ademais, o PSOE de Pontevedra decidiu convidar a esta xornada a Juan Carlos Guerrero, ex concelleiro de Vivenda do Concello de Avilés, un municipio asturiano cunhas dimensións e unha poboación semellantes ás de Pontevedra (uns 77.000 habitantes) e no que o actual equipo de Goberno leva acumuladas diversas experiencias de éxito ao longo dos últimos 13 anos. Entre as que os concelleiros do Grupo Socialista puideron coñecer de primeira man nunha visita institucional realizada a finais do ano pasado inclúense a creación, en 2008, dunha Oficina de Vivenda Municipal (Fundación San Martín) ou a posta en marcha de programas para incentivar o alugueiro de vivendas desocupadas.

A declaración de zona de mercado residencial tensionado proposta por Puentes, paralizada: «É unha ferramenta que xa está a funcionar en cidades como A Coruña»

Iván Puentes considera que o Concello de Pontevedra «debe liderar a solución do problema de acceso á vivenda que padece a nosa cidade», onde os socialistas «puxemos sobre a mesa algunhas ferramentas que xa están a funcionar en grandes urbes como Coruña (os datos comezan a amosar unha contención evidente dos prezos), como a nosa proposta para que se declare a Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado». «Unha moción que foi aprobada polo Pleno da Corporación, que o PSOE incluíu como condición para negociar os orzamentos e as modificacións de crédito aprobados, pero que de xeito inexplicable, o BNG decidiu torpedear e afundir nunha farragosa tramitación. Temos unha morea de informes, pero ningún avance concreto», lamenta.

Na súa visita a Avilés, Puentes avanzou a súa intención de impulsar outras iniciativas testadas con éxito, como a encamiñada a que os propietarios de vivendas desocupadas en Pontevedra as poñan en alugueiro para persoas demandantes, convidando a colaborar ás axencias inmobiliarias e xerando unha rede de axentes colaboradores con funcións como a captación de vivendas baleiras ou a mediación entre arrendadores e arrendatarios.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes