- No marco dunha reunión mantida con voceiros da plataforma de afectados, que representa a máis de 80 usuarios de pisos situados entre as rúas Xeneral Rubín, Manuel del Palacio e Rosalía de Castro, o socialista Iván Puentes comprometeuse a impulsar «un acordo institucional» no Pleno do Concello «para esixir que se rectifique esta inxusta decisión e se lles ofreza a posibilidade de adquirir as vivendas en propiedade, tal e como se fixo no resto de España»
- Ao tempo que se solicitará a mediación da Delegación e a Subdelegación do Goberno, así como da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a deputada Marica Adrio tamén se ofreceu a realizar xestións ante o departamento que dirixe Margarita Robles
Pontevedra, mércores 5 de agosto de 2026.- Os socialistas de Pontevedra despregarán a súa mediación e presión política para lograr que o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento do Ministerio de Defensa (Invied) reconsidere a súa «inesperada e inxusta» decisión de suspender a venda dos inmobles militares alleables existentes na nosa cidade aos seus usuarios lexítimos. Entre outras medidas, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, anunciou a súa intención de levar ao Pleno de setembro unha proposición co obxectivo de impulsar «un acordo institucional» para esixirlle ao departamento que dirixe Margarita Robles que corrixa este «agravio comparativo» e lles ofreza aos prexudicados «a posibilidade de adquirir as vivendas en propiedade, tal e como o Invied fixo no resto de España, en aplicación da lexislación do ano 2000, con milleiros de compañeiros que estaban na mesma situación».
Ademais desta moción, o Partido Socialista de Pontevedra buscará que tanto a Delegación do Goberno como a Subdelegación e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) exerzan a súa mediación «para que estes veciños conten coa información e as explicacións que se lles deben e, sobre todo, para que unha demanda tan razoable sexa escoitada». Tamén empregará o seu ‘fío directo’ en Madrid a deputada Marica Adrio, quen se ofreceu a realizar as oportunas xestións para tentar que os usuarios das vivendas teñan a oportunidade que se lles negou.
Estes compromisos foron adquiridos no transcurso dunha reunión mantida con varios membros dunha plataforma de afectados recentemente constituída e que representa a máis de 80 usuarios de pisos situados entre as rúas Xeneral Rubín, Manuel del Palacio e Rosalía de Castro. Á xuntanza cos voceiros do colectivo, que encabeza o militar retirado José María Fernández, asistiron Iván Puentes, Marica Adrio e a deputada autonómica Paloma Castro, así como a secretaria de Política Municipal do PSOE pontevedrés, Patricia Vilán.
Segundo lles relataron os afectados, o prexuízo que padecen é o resultado do dilatado atraso administrativo que demorou ata o ano 2020, tras unha década estancado, a sinatura definitiva do convenio urbanístico entre o Concello e o Invied para recualificar os terreos Defensa e integralos nos barrios de Campolongo e Mollavao, abrindo ao uso público uns 14.000 metros cadrados e impulsando a construción de novos edificios de vivendas. Os afectados defenden que unha das cláusulas deste convenio consistía precisamente en que se facilitase a venda das vellas vivendas militares aos seus inquilinos, pero en contra do que agardaron durante tanto tempo, a resposta ás instancias que presentaron chegou en novembro de 2025 como un xarro de auga fría: o Ministerio comunicáballes a súa decisión de suspender a venda destes pisos.


Iván Puentes aseguroulles aos membros da plataforma, que veñen de presentar recurso de reposición ante o Invied (como paso previo á vía contencioso-administrativa), que «teñen toda a razón do mundo no que reclaman», xa que «á marxe do agravio comparativo que se produciu con respecto a outras cidades de España, como Madrid, nas que as vivendas militares foron vendidas aos usuarios legais con moita celeridade, houbo un enorme prexuízo económico e humano». «Tralas demoras administrativas e as promesas incumpridas atopámonos con plans de vida truncados e cuns cidadáns que efectuaron investimentos nas súas vivendas (reformas, melloras de eficiencia enerxética…), convencidos de que podían confiar na Administración e de que, asinado o convenio, poderían exercer o seu dereito a adquirir as vivendas», subliñou Puentes.
O portavoz do PSOE agarda que a mediación política e a presión institucional exercida a través do Pleno da Corporación sirvan de altofalante e inxecten máis forza á reivindicación da plataforma de afectados, levando ao Ministerio de Defensa a reconsiderar a súa decisión. «Apelamos ao sentido común dun Ministerio e dunha ministra da que nos consta que sempre está disposta a escoitar», engadiu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS