O PSdeG de Pontevedra considera «unha vergoña» que a sede da Policía Local estea «desde hai máis dunha semana sen calefacción nin auga quente» e esixe unha solución urxente
- O concelleiro socialista Manuel Fariña denuncia que esta situación, que vulnera a normativa que regula as condicións dos centros de traballo, «expón aos funcionarios a unhas condicións ambientais incompatibles co axeitado desempeño do seu traballo», coincidindo ademais «coas datas máis frías deste inverno»
Pontevedra, 15 de marzo de 2024.- As dependencias da Policía Local na rúa Alexandre Bóveda levan desde o pasado 6 de marzo sen algo tan básico nestas datas invernais como calefacción e auga quente, unha circunstancia que, tal e como se lle informou ao persoal municipal, se debe ao esgotamento do gasóleo nos depósitos do Pazo da Cultura. O Grupo Municipal do PSdeG de Pontevedra considera «unha verdadeira vergoña» que os funcionarios da Policía estean a traballar nunha situación que vulnera a normativa que regula as condicións dos centros de traballo e que «expón aos funcionarios a unhas condicións ambientais incompatibles co axeitado desempeño do seu labor».
Así o denuncia o concelleiro socialista Manuel Fariña, para o que «este lamentable episodio é o resultado dunha nova falla de previsión do Goberno Local, neste caso sobre a cantidade de combustible nos depósitos de gasóleo, algo especialmente grave por coincidir coas datas máis frías deste inverno». «Ademais de deixar aos axentes da Policía Local sen calefacción con estas temperaturas -explica-, tampouco dispoñen desde hai máis dunha semana de servizo de auga quente nas duchas, algo que resulta imprescindible para uns funcionarios que desenvolven o seu labor expostos a todo tipo de inclemencias meteorolóxicas… Non parece de recibo que teñan que duchar con auga fría».
Para Fariña, «máis aló da falta de previsión, o que parece totalmente incomprensible é que, logo dunha semana, non se teña solventado esta situación», polo que desde o PSdeG esiximos que «se adopten as medidas necesarias para darlle unha solución urxente a estas deplorables condicións de traballo». «Estamos a falar de dereitos laborais, do dereito a traballar en condicións ambientais dignas», asegura.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS