Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes cualifica 2024 como «o ano no que se executaron os proxectos do PSOE en Pontevedra» e agarda que este 2025 consolide «o modelo de cidade verde e sostible» impulsado polos socialistas

  • Puentes agarda que o novo ano permita facer realidade unha cidade «que vexa o río dos Gafos descuberto, unhas balsas de e inundación en Valdecorvos que eviten os desbordamentos en Fernando Olmedo, a restauración de toda a marxe dereita do Lérez, conectando a Xunqueira de Alba coa Illa das Esculturas a través dun corredor verde, e que estea máis preparada para loitar contra o cambio climático»
  • En opinión do portavoz municipal do PSOE, «unha das mellores noticias deste 2025 é o cambio de clima político no Concello». «Nós sempre defendemos o diálogo, o consenso e o acordo como a variña máxica que ten a política para poder facer unha cidade máis próspera»

Pontevedra, 27 de decembro de 2024.- «Se lle tivese que poñer un titular a este 2024 en Pontevedra, sería que foi o ano no que se concretaron e executaron os proxectos e obras do PSOE, tanto a nivel local como no que atinxe ao Goberno de España». Desta forma resúmese o balance que o portavoz socialista, Iván Puentes, realizou do ano que está a piques de rematar, no que «a meirande parte das cuestións que os socialistas introduciron na axenda local e lle demandaban ao BNG están executadas ou camiño de executarse».

Puentes considera que, de cara a este 2025, «a nosa cidade xógase moito, fundamentalmente poñer en marcha todas aquelas infraestruturas que nos permitan, a medio prazo, converternos nunha das capitais de provincia que marque o ritmo económico e da xeración de emprego e riqueza do país», e para iso é necesario reverter unha situación que nos levou a estancarnos nunha urbe de servizos e na que o funcionariado leva boa parte do peso. «Agardamos que neste 2025 se consolide o modelo de cidade verde e sostible polo que aposta o PSOE, que vai moito máis aló de saber cal será a seguinte rúa que imos peonalizar; unha cidade que vexa o río dos Gafos descuberto, unhas balsas de inundación en Valdecorvos que eviten os desbordamentos en Fernando Olmedo, que permita restaurar toda a marxe dereita do Lérez, conectando a Xunqueira de Alba coa Illa das Esculturas a través dun corredor verde, e que estea máis preparada para loitar contra o cambio climático. Todo iso que nós chamamos no seu momento Pontevedra Flúe», afirmou.

O portavoz socialista tamén confía en que o 2025 sexa o ano «no que lle deamos resposta a dous dos principais problemas que teñen esta cidade e os seus veciños: o da vivenda e o da xeración de emprego e o asentamento de empresas». Para o primeiro, as súas receitas pasan por lograr que o Goberno Local lle remita á Xunta toda a documentación necesaria para que determinadas áreas de Pontevedra sexan declaradas zonas de mercado residencial tensionado (o que posibilita controlar os escandalosos prezos) e polo fomento de novas promocións de vivenda pública, como a prevista en Mollavao. Desde o punto de vista da xeración de emprego e a radicación de industria, Iván Puentes aposta por crear máis bolsas de chan industrial, instando á Xunta a concretar dunha vez a ampliación do polígono do Campiño e a poñer en marcha o proxecto para xerar un porto seco en Leborei (Cerponzóns).

A implantación dun servizo ferroviario de cercanías entre Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, a concreción da gratuidade do treito da AP-9 entre Barro e Vilaboa, a mellora do mantemento dos centros educativos, a potenciación da área de Benestar Social do Concello, a optimización das vías rurais, a dragaxe do Lérez, o destino socio sanitario do Hospital Provincial e a dotación dunha residencia universitaria no vello asilo de Loureiro Crespo son outros dos desexos de Puentes para 2025.

No contexto dun brinde de Nadal que o Grupo Municipal do PSOE celebrou esta mañá cos medios de comunicación de Pontevedra, Iván Puentes subliñou que hoxe mesmo, a xeito de guinda, foi inaugurado o primeiro treito da autovía A-57 entre Marcón e Vilaboa, «unha vía de alta capacidade que supuxo un investimento duns 94 millóns de euros, que nos vai permitir conectar o polígono do Campiño coa Autoestrada do Atlántico, que deberá ter continuidade cara ao Sur e unir Vilaboa con Ponteareas, e así, con só 27 quilómetros, Pontevedra estará conectada por autovía libre de peaxe con Ourense, a meseta, Portugal e o sur da provincia». «Agardamos cos veciños de Bora e de Xeve que, tal e como dixo o delegado do Goberno no acto inaugural -apuntou-, se poidan concretar esas alternativas que suporían un menor impacto e afeccións».

Ademais, o Goberno de España tamén puxo en marcha neste 2024, cun orzamento duns 10 millóns de euros, as «eternamente prometidas obras do Nó de Bombeiros», e deu un importante paso adiante «nese camiño cara á gratuidade da autoestrada AP-9 que todos temos no horizonte: a partir do 1 de xaneiro, os descontos para os viaxeiros recorrentes chegarán ao 75%». Outra boa nova procedente do Executivo que preside Pedro Sánchez é a prórroga do abono gratuíto de Renfe durante outros seis meses.

Xa no que se refire ao estritamente local, Iván Puentes lembrou que, fronte a un 2023 que rematou «falando de desencontros e paralizacións de obras que o PSOE deixara encarriladas na súa etapa de Goberno antes das eleccións municipais e cun BNG que se negaba a executalas e que mesmo dicía que non existían nin proxectos», por fortuna, «tras un inicio de ano convulso, cunha cuestión de confianza absolutamente innecesaria se houbese vontade de diálogo, hoxe rematamos o 2024 comprobando que practicamente todas aquelas cuestións que o Partido Socialista plantexaba para aprobar os orzamentos están en execución ou xa executadas».

O que eran un ‘non’, converteuse de xeito irremediable nun ‘si’

«O que era un ‘non’ por parte do Goberno Local -sinalou- tivo que ser posteriormente, de forma irremediable, un ‘si’, porque tódalas obras debían chegar da man da aprobación dos remanentes de 2023 e das sucesivas modificacións de crédito, e aí non había atallos legais e tiñan que contar co voto do PSOE. Os socialistas fomos introducindo nesas modificacións aquelas cuestións que o BNG se negou a introducir nos orzamentos de 2024. Foron catro modificacións de crédito que nos permitiron condicionar uns 4 millóns de euros».

Tal e como explicou, froito destes cartos, «a renaturalización do río dos Gafos en Campolongo está a piques de ser contratada»; as balsas de inundación que PSOE deseñou para acabar cos asolagamentos de Fernando Olmedo, «que dicían que eran imposibles, son hoxe xa a solución prioritaria»; temos varias promocións de vivenda pública iniciadas na cidade, e logramos que o Pleno lle pida á Xunta a dotación de novas bolsas de chan industrial, «por non falar do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), a recuperación dos salóns do Lérez, a futura Vía Verde… E tantas e tantas obras que se están a facer na cidade e que proceden das concellerías socialistas no mandato anterior».

«Para nós, isto non é un ‘sensabor’. É un orgullo. É un orgullo que as nosas concellerías conquerisen máis de 7 millóns de euros de fondos europeos para efectuar a meirande parte das obras que se están a executar nestes momentos», asegurou. 

En opinión de Iván Puentes, «unha das mellores noticias deste 2025 é o cambio de clima político no Concello». «Nós sempre defendemos o diálogo, o consenso e o acordo como a variña máxica que teñen a política e a cidadanía para poder facer unha cidade máis próspera. Tanto o PSOE como o BNG -sostén- temos a obriga de poñernos de acordo, de falar e de entendernos. Iso é o que nos pide a cidadanía. O mellor que lle pode pasar a unha cidade é ter un orzamento aprobado con normalidade. O ano pasado non foi posible, baixo o noso punto de vista porque o BNG estaba obcecado nunha actitude na que non aceptaba nada do que propuña o PSOE… Coido que isto é auga pasada e a auga pasada non move muíños. Hoxe hai un clima diferente e, desde o momento no que nos sentamos a falar e plantexamos as nosas propostas ao orzamento de 2025, fronte ao ‘non’ de 2023, este ano houbo unha actitude de estudalas. As negociacións non están pechadas, pero están avanzadas. Á volta do Nadal recuperaremos as conversas».

Puentes contrastou este camiño da sensatez co posicionamento «claramente irresponsable do PP, ao que o único que lles preocupa é arrincar uns cantos votos, aínda a costa de ter aos veciños descontentos e enfadados porque o Goberno Local non lles poida dar solucións ao non dispoñer de cartos a través dun orzamento».

Puentes descarta por completo un posible acordo para un Goberno de coalición

O portavoz municipal do PSOE asegurou que, neste novo período de negociacións, «o acordo para un posible Goberno de coalición non está enriba da mesa e coido que non o vai estar no que resta de mandato». Segundo precisou, nas pasadas eleccións de 2023, os socialistas acadaron «algo moi complicado, que non aconteceu en case ningún concello, que é que a segunda forza dunha coalición mellore resultados e a primeira, neste caso o BNG, retroceda». «O PSOE non estaba no seu mellor momento a nivel do Estado e autonómico, polo que o entendemos como un premio á xestión e ao traballo que nós fixeramos no anterior mandato e, sobre todo, como un respaldo ás propostas diferentes ás do BNG que nós fixeramos. A lóxica dicía que o máis probable era un Goberno de coalición cun reequilibrio de forzas. Nós exploramos esa vía, pero o BNG non estaba disposto a asumir o resultado electoral e a incorporar á acción de goberno as propostas que o PSOE lles prometeu durante a campaña».

Ante esta situación, o PSOE adoptou a decisión de non entrar no Goberno Local e de favorecer en todo caso un goberno en minoría do BNG, posicionándose como un partido co que chegar a acordos para favorecer a gobernabilidade. «Pero -aclarou- desde a oposición. Nós seguimos a defender para Pontevedra un proxecto político diferente ao do BNG, poñendo máis énfase en aspectos como o industrial e da vivenda e, en especial, no desenvolvemento dese modelo de cidade verde e sostible, 2.0, que debe ir moitísimo máis aló de seguir peonalizando e sacando coches da cidade. A día de hoxe, o noso sitio e o noso espazo está fóra do Goberno, atando ao BNG no sentido común e nas políticas de escoita aos veciños. É como podemos ser máis útiles á cidade e non hai ningunha previsión de que isto mude».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes