Saltar al contenido

¡Síguenos!

A UGT homenaxeará á mestra e sindicalista Mónica Reinaldo como preludio da manifestación organizada en Pontevedra co gallo do 1º de maio

  • No transcurso desta cea de recoñecemento á que foi secretaria de Formación, Igualdade e Riscos Laborais de FETE-UGT-Galicia, que terá lugar o 30 de abril ás 21:00 horas no hotel Ciprés de Vilagarcía, os dirixentes do sindicato presentarán o manifesto reivindicativo polo Día Internacional dos Traballadores
  • O texto deste ano condenará as guerras de ocupación, como a de Ucraína, así como o xenocidio de Gaza e a guerra comercial iniciada pola administración Trump, que intenta, coas súas manobras, poñer fin aos acordos que garantiron a estabilidade no mundo e debilitar o estado do benestar, os servizos públicos e o respecto á diversidade e ás políticas de igualdade

Pontevedra, 27 de abril de 2025.- No marco dos actos organizados co gallo do 1º de maio, Día Internacional dos Traballadores, a Unión Comarcal de Pontevedra, Arousa e Deza de UGT, en colaboración coa Fundación Luis Tilve, celebrará unha cea de homenaxe a Mónica Reinaldo Soto, que foi secretaria de Formación, Igualdade e Riscos Laborais de FETE-UGT-Galicia e permanente colaboradora da Unión Comarcal de Arousa durante moitos anos. A cea, na que Mónica Reinaldo recibirá unha peza escultórica (deseño orixinal elaborado para UGT) cunha placa conmemorativa, terá lugar o día 30 de abril ás 21:00 horas no hotel-restaurante Ciprés de Vilagarcía, e será a antesala da manifestación que sairá o xoves 1 de maio ás 13:00 horas da Praza da Ferrería de Pontevedra baixo o lema ‘Protexer o conquistado. Gañar futuro’.

No transcurso do acto de homenaxe, no que estarán presentes, ademais do secretario xeral da Unión Comarcal de UGT, Ramón Vidal Trillo, o secretario xeral da Executiva Provincial da Federación de Servizos Públicos do sindicato, Juan Loureiro, e o director da Fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, os dirixentes de UGT presentarán o manifesto do 1º de maio. O texto deste ano incidirá na necesidade de seguir avanzando na conquista de dereitos e na mellora das condicións de traballo e emprego, especialmente no que se refire á redución de xornada, no marco do sindicalismo internacional, denunciando a vulneración dos dereitos sociais e laborais en moitos países. 

No manifesto condenaranse as guerras de ocupación, como a de Ucraína, así como o xenocidio de Gaza e a guerra comercial iniciada pola administración Trump, que intenta, coas súas manobras, poñer fin ós acordos que garantiron a estabilidade en Europa e no mundo ó longo de moitos anos, e debilitar o estado de benestar, os servizos públicos e o respecto á diversidade e as políticas de igualdade.

Ademais de reivindicar a redución da xornada laboral, o manifesto tamén subliñará a necesidade de impulsar o diálogo social en España, co obxectivo de reforzar o emprego digno, adecuar os salarios á mellora da economía e garantir o dereito á vivenda, especialmente danado entre a xuventude. Así mesmo, defenderase o deseño dun novo modelo industrial e enerxético, a potenciación dos servizos públicos e as políticas activas de emprego e a loita pola consolidación da democracia, ameazada pola reacción da extrema dereita en España e en Europa. 

Unha mestra vinculada ao sindicato desde 1983

Mestra de profesional, Mónica Reinaldo exerceu a docencia en diferentes centros de Pontevedra, Vilanova e Vilagarcía nas súas especialidades de Matemáticas e Ciencias da Natureza, desempeñando distintos cargos directivos. Vinculada ao sindicato desde 1983, mantivo unha ampla actividade no campo da formación, promovendo e coordinando cursos en toda Galicia, cunha dedicación extraordinaria á Unión Comarcal de Arousa: significativo relevo tivo a campaña que fixo por todo o territorio galego presentando o documental promovido por FETE-UGT sobre as mestras da República (traballo que recibiu un premio Goya).
Foi representante de Galicia nos Consellos Estatais de Formación, Igualdade e Prevención de Riscos Laborais e membro do Consello de Igualdade e do Consello Escolar do Concello de Vilagarcía, así como do Consello de Prevención de Riscos Laborais da Consellería de Educación. Destinada ao Instituto Español Giner de los Ríos de Lisboa, tamén foi presidenta da Xunta de Persoal dos funcionarios españois en Portugal e interlocutora na Embaixada para defender as súas reivindicacións e acadar a mellora das súas condicións laborais, ocupándose, xa en Galicia, de impartir cursos de orientación para profesores aspirantes a prazas nos centros españois no estranxeiro.

Desde 2003, Mónica Reinaldo asumiu diferentes funcións na Unión de Arousa e participou na solución de problemas de carácter laboral, prestando asesoramento ós traballadores, especialmente do ensino, e atendendo diversas reclamacións.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes