Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes impulsará a creación dun Banco Municipal de Vivenda para mobilizar pisos baleiros a prezos asequibles en Pontevedra

  • Coincidindo coa aprobación do Decreto Maricarmen por parte do Consello de Ministros, o portavoz do PSOE pontevedrés anuncia esta medida no marco dun foro de debate sobre Vivenda celebrado na Casa das Campás
  • A proposta pretende replicar na nosa cidade os modelos de éxito desenvolvidos noutras urbes galegas como Coruña e Vigo para combater os prezos desbocados do alugueiro, garantir as oportunidades de emancipación dos mozos e o apoio ás familias e, ao mesmo tempo, ofrecer seguridade e garantías aos pequenos propietarios que decidan poñer vivendas no mercado
  • Puentes urxirá ao Goberno Local a implementar esta ferramenta de xeito inmediato: «As administracións locais debemos converternos en axentes activos na solución do principal problema que afecta á cidadanía; Pontevedra ten máis de 6.000 pisos baleiros e o Concello debe actuar xa»

Pontevedra, xoves 1 de outubro de 2026.- Coincidindo coa resposta social detonada a raíz do desafiuzamento de Maricarmen e da aprobación do novo paquete de decretos en materia de vivenda por parte do Goberno de España, o socialista Iván Puentes anunciou esta tarde a súa intención de impulsar a creación dun Banco Municipal de Vivenda en Pontevedra. A través desta ferramenta, que permitiría mobilizar os milleiros de pisos baleiros existentes na nosa cidade e mobilizalos para alugueiros a prezos accesibles, o portavoz do PSOE busca que o Concello capitalino dea un paso adiante para atallar a crise habitacional que padecen os pontevedreses e pontevedresas e se sitúe «á vangarda das políticas locais de vivenda asequible».

A proposta foi anunciada por Puentes esta tarde no marco dun foro celebrado na Casa das Campás e organizado pola Agrupación Socialista de Pontevedra baixo a epígrafe ‘O Debate do Mes’. Esta sesión inaugural, moderada polo propio Puentes e por Joanna Lorenzo, estivo centrada en avaliar o alcance dos decretos aprobados e as iniciativas que se poden adoptar desde unha administración local como o Concello, así como as competencias autonómicas nesta materia e as propostas concretas que xa están a funcionar noutras cidades.

A dotación dun Banco Municipal de Vivenda sitúase como das apostas estratéxicas do líder do PSOE para abordar a crise habitacional que sofre Pontevedra, onde o alugueiro tense encarecido case un 38% nos últimos seis anos, disparándose ata o dobre dos salarios e situando a Pontevedra como a terceira gran cidade galega cos prezos máis elevados (por detrás da Coruña e Vigo). Tal e como subliñou Iván Puentes, esta proposta «inspírase precisamente en experiencias que xa están a funcionar con éxito na Coruña (a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividade) e Vigo». 

«O obxectivo prioritario -explicou- é crear unha rede pública de captación de vivendas privadas baleiras para integralas nun circuíto de alugueiro protexido, proporcionando aos propietarios seguridade total no cobro e no mantemento dos inmobles, mentres se ofrecen prezos substancialmente inferiores aos do mercado libre».

«Temos máis de 6.000 vivendas pechadas a cal e canto na cidade, mentres centos de mozos e familias non atopan onde vivir ou se ven asfixiados por uns prezos desbocados»

Na súa intervención, Puentes incidiu en que «as administracións locais debemos converternos en axentes activos na solución do principal problema que afecta ao conxunto da cidadanía», polo que a creación deste Banco de Vivenda debe enfocarse como «unha prioridade» por parte do Concello de Pontevedra. Neste sentido, avanzou a súa intención de instar ao Goberno Local a activar esta ferramenta e a poñela a funcionar «con urxencia». Segundo expuxo, «os últimos datos do Censo de Poboación e Vivendas do Instituto Nacional de Estatística (INE) revelan que a cidade do Lérez conta con 6.037 vivendas baleiras, o que supón nada menos que o 14% do parque inmobiliario total do municipio».

«Temos máis de 6.000 pisos pechados a cal e canto na cidade, mentres centos de mozos e familias non atopan onde vivir ou se ven asfixiados por prezos prohibitivos», denunciou Puentes. «Isto demostra -asegurou- que o problema en Pontevedra non é a falta de teitos, senón a falta de políticas valentes para mobilizalos. Non imos agardar a que remate o mandato; imos urxir ao Concello de Pontevedra a dar un paso adiante e asumir o liderado que lle corresponde».

Unha ferramenta para achegar seguridade a propietarios e inquilinos

Para o líder socialista, o momento de dar este paso é «clave», aproveitando o impulso regulatorio e os recursos do Executivo central. «O Goberno de España está a facer os seus deberes, impulsando medidas estruturais e decretos que protexen o dereito á vivenda. Agora correspóndelles aos concellos asumir a súa responsabilidade e exercer as competencias que temos para mellorar o día a día dos nosos veciños e veciñas», afirmou.

A través deste Banco Municipal de Vivenda de Pontevedra, o Concello faríase cargo da xestión dos contratos, cubriría os seguros e as reparacións dos inmobles en caso de desperfectos, aseguraría os pagamentos ante posibles incidencias e mesmo mediaría en hipotéticos conflitos, eliminando os medos máis comúns dos propietarios á hora de arrendar os seus pisos. Uns incentivos e medidas de garantía e seguridade que, como apuntou o portavoz do PSOE, «poderían ampliarse co estudo de determinadas bonificacións fiscais para aquelas persoas que dispoñan dunha vivenda baleira e decidan poñela no mercado».

«Pontevedra debe reafirmar de xeito activo e valente o seu compromiso co dereito constitucional a unha vivenda digna. A política municipal en materia de vivenda non se pode reducir a agardar a que o Goberno de España financie a construción de vivendas sociais. Instamos ao Goberno Local a abandonar esta incomprensible pasividade -sinalou Iván Puentes- e a impulsar políticas habitacionais reais, eficaces e adaptadas ás necesidades urxentes dos pontevedreses e pontevedresas».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes