- A iniciativa impulsada por Iván Puentes insta ao Invied a allear estes inmobles e a remitir con carácter urxente a oferta para que os titulares as poidan adquirir nas mesmas condicións que no resto de cidades de España
- Puentes agarda que a moción rexistrada polo PP sobre o mesmo asunto 8 días despois de que o fixera o PSOE non busque «facer un circo no Pleno» con cuestións sobre «política nacional, maldades socialistas e Pedro Sánchez»: «Se de verdade queren chegar a un acordo en beneficio dos veciños, será fácil acordar unha resolución conxunta»
Pontevedra, mércores 26 de agosto de 2026.- Tal e como anunciaran tras unha reunión mantida a principios de mes con membros da plataforma de afectados pola suspensión da venda das vivendas militares, os socialistas de Pontevedra levarán ao Pleno ordinario de setembro unha proposición para instar ao Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento do Ministerio de Defensa (Invied) a allear estes inmobles e a remitir con carácter urxente a oferta para que os/as actuais titulares as poidan adquirir (en base ao disposto na Lei 26/1999, de Medidas de Apoio á Mobilidade Xeográfica dos Membros das Forzas Armadas).
Na iniciativa, impulsada polo portavoz do PSOE, Iván Puentes, tamén se solicita que, con carácter previo e no marco do convenio que Defensa ten asinado co Concello capitalino para urbanizar e desenvolver urbanisticamente toda a zona de Campolongo, o Ministerio «complete os pasos que ten neste momento enriba da mesa de cara a poder realizar a división horizontal dos edificios: corrixir o plan de urbanización e a parcelación dese novo espazo urbano en base a unha serie de requirimentos que lle fixo o Concello hai un ano».
Tal e como explicou Puentes nunha comparecencia que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Concello, o problema, que afecta a unhas 80 familias, radica esencialmente en que «o alleamento de vivendas, que leva anos en marcha por parte do Ministerio de Defensa, foi suspendida de xeito temporal hai un ano para facer fronte aos problemas de acceso á vivenda que padece unha boa parte da cidadanía española e, en particular, os militares». «O Ministerio -apuntou- decidiu reservalas para poñelas a disposición, a prezos asequibles, dos militares que teñen que desprazarse a diferentes puntos do seu lugar de residencia».

Unha decisión que deixou a Pontevedra nunha «situación de discriminación», porque «salvo nunha pequena barriada de Sevilla, no resto de cidades de España si que se levou a cabo ese proceso de oferta das vivendas aos seus inquilinos e Pontevedra é o único sitio no que o Ministerio nunca chegou a concretar esa oferta». Así, a moción do PSOE solicita que Defensa «faga unha excepción coa nosa cidade nesa suspensión de alleamento de inmobles, que non se aplique aquí e que se lles ofreza aos inquilinos das vivendas militares de Pontevedra a posibilidade de compralas, exactamente igual que pasou no resto de urbes de España».
«En definitiva, que o Ministerio mova ficha -asegurou- e que se poñan en marcha tódolos trámites necesarios para poder ofertarlles aos inquilinos das vivendas militares de Pontevedra algo que é xusto, que é a posibilidade de poder adquirir as súas casas nas mesmas condicións nas que os militares doutras zonas de España tiveron oportunidade de facelo».
Puentes recela das intencións do PP ao rexistrar unha moción sobre o mesmo asunto oito días despois de que o PSOE rexistrase a súa: «Non imos participar de circos»
Iván Puentes agarda que, do debate plenario que se producirá no mes de setembro, a moción dos socialistas poida aprobarse por unanimidade e que desde o Concello «logremos axudar a estes veciños e veciñas nunha reivindicación que é absolutamente xusta». Non obstante, o Grupo Municipal do PP tamén rexistrou outra moción sobre o mesmo asunto oito días despois de que o fixera o PSOE, nun movemento que Puentes vencella con outros intereses políticos alonxados das reivindicacións veciñais.
Neste sentido, indicou que, «como non lle sorprende a ninguén», a proposta dos ‘populares’, ademais de falar das vivendas militares de Pontevedra, «aproveita para falar de todas estas cousas que lle encantan ao PP sobre política nacional, maldades socialistas e Pedro Sánchez». «Se o PP quere facer un circo no Pleno, nós non imos participar dese circo. Se o PP quere de verdade chegar a un acordo en beneficio dos veciños e veciñas que viven nas vivendas militares de Campolongo, pois seguro que será fácil chegar acordar entre os tres grupos políticos unha resolución conxunta neste Pleno», adiantou Puentes.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS