Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas abandeiran a demanda dos colectivos de persoas xordas para lograr a implantación dun Grao Universitario en Lingua de Signos Española e Galega no Campus de Pontevedra

  • Iván Puentes está convencido de que «Pontevedra e o seu campus universitario son o espazo ideal para acoller o primeiro grao en lingua de signos de Galicia, evitando así que aqueles que desexen formarse neste ámbito teñan que marchar fóra do noso país para poder facelo; incentivando á nosa mocidade a optar por esta titulación; e paliando o alarmante déficit de intérpretes e guías intérpretes que sofren tanto as persoas xordas, xordocegas e con perda de audición coma os colectivos que traballan con elas«

Pontevedra, mércores 14 de xaneiro de 2026.- As asociacións sen ánimo de lucro de Pontevedra que traballan con persoas xordas, xordocegas e con perda de audición, referentes a nivel estatal, levan anos denunciando as eivas que padecen os intérpretes e guías intérpretes de lingua de signos a nivel de acceso a formación, basicamente desde que en 2014 o que era un título de Formación Profesional pasou a converterse en grao universitario e Galicia perdeu a única titulación que tiña de técnico superior en Interpretación e Guíainterpretación de Lingua de Signos na cidade da Coruña: a consecuencia é que, a día de hoxe, só existe unha universidade en toda España, a Rey Juan Carlos de Madrid, que oferta o Grao de Lingua de Signos Española (LSE). Co obxectivo de corrixir este déficit e de ampliar a oferta de graos e mestrados vencellados á identidade do Campus Universitario de Pontevedra, que pivota arredor da creatividade, o ensino e as ciencias da saúde, o Grupo Municipal do PSOE resolveu abandeirar esta reivindicación a través dunha iniciativa plenaria na que insta á Xunta a traballar, xunto coa Universidade de Vigo, na creación e implantación do Grao Universitario en Lingua de Signos Española (LSE) e Galega (LSG) dentro do campus capitalino.

A proposición foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo portavoz socialista, Iván Puentes, nunha comparecencia na que estivo acompañado pola concelleira Carmen Hermo e na que amosou o seu convencemento de que «Pontevedra e o seu campus universitario son o espazo ideal para acoller o primeiro grao en lingua de signos de Galicia, evitando así que aqueles que desexen formarse neste ámbito teñan que marchar fóra do noso país para poder facelo; incentivando á nosa mocidade a optar por esta titulación; paliando o alarmante déficit de intérpretes e guías intérpretes que sofren tanto as persoas xordas, xordocegas e con perda de audición coma os colectivos que traballan con elas; e xerando un espazo docente e investigador oficial no que estudar, difundir e potenciar a Lingua de Signos Galega, xunto coa española». Tal e como indicou Puentes, «a distancia é un elemento clave para desincentivar a moitos rapaces e rapazas galegos á hora de elixir formarse neste eido e, ao non existir novas promocións no noso país, a carencia destes profesionais é cada vez maior, incrementando as dificultades da comunidade con diversidade sensorial e outras discapacidades con déficits de lingua oral para lograr a plena inclusión».

Asemade, o feito de que só exista unha titulación e de que estea fóra de Galicia conleva outro problema engadido: todos os profesionais reciben formación exclusivamente en Lingua de Signos Española, obviando o coñecemento da Lingua de Signos Galega (LSG). Neste mesmo sentido, a aprobación da Lei 27/2007, de 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, estableceu coma únicas linguas de signos oficiais a española e a catalá».

«Elúdese por completo a realidade da Lingua de Signos Galega -lamentou Iván Puentes-, desenvolvida ao longo de case un século en torno ao colexio de persoas xordas e cegas de Santiago de Compostela, fundado en 1864 e que foi o primeiro centro educativo deste tipo de Galicia e o terceiro de España, tralo de Madrid e Barcelona. O feito de concentrar nas súas aulas a persoas xordas de toda Galicia foi configurando as bases da comunidade xorda galega e dos rasgos identitarios do que hoxe coñecemos coma Lingua de Signos Galega. Se os/as intérpretes e guías intérpretes só se forman en Lingua de Signos Española, esta será a única que empreguen no seu traballo e, polo tanto, as persoas xordas, xordocegas e con perda de audición, en lugar de manexar e coñecer tanto a LSE coma a LSG, irán desbotando pouco a pouco a galega, perdéndose a riqueza cultural que sempre supón unha lingua propia e afastando cada vez máis o obxectivo de lograr o recoñecemento da Lingua de Signos Galega (LSG) coma lingua oficial, algo no que diversas institucións e colectivos, como a Deputación de Pontevedra ou Xoga (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia) levan décadas investigando e traballando».

Unha formación determinante para acadar unha sociedade con máis dereitos e máis inclusiva

En opinión de Iván Puentes e dos socialistas de Pontevedra, a formación de profesionais e investigadores nas áreas do ensino e as ciencias da saúde «son determinantes para ter unha sociedade con máis dereitos e máis inclusiva», uns obxectivos para os que a nosa cidade é referente nacional, «cun tecido asociativo sociosanitario dos máis potentes de Galicia e con equipamentos únicos», coma o Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once, no que entre outras cousas se forma a persoas cegas e con discapacidade visual grave, ou colectivos como Xoga, membro da Federación Española de Sordoceguera (Fesoce), que forma e investiga sobre a diversidade sensorial en Lingua de Signos Española e Galega, co fin de lograr a plena inclusión dun colectivo integrado na nosa comunidade autónoma por unhas 60.131 persoas (datos da Consellería de Política Social que converten á diversidade sensorial na segunda discapacidade con máis presenza en Galicia).

Así mesmo, Puentes considera que o Campus de Pontevedra, en constante renovación, tense consolidado xa «non só como un dos grandes polos de xeración de coñecemento en Galicia, senón tamén coma un dos principias motores económicos, de desenvolvemento creativo e de atracción de poboación na nosa cidade (con máis de 4.000 estudantes)», polo que «debemos aspirar a seguir ampliando o número de titulacións, especialmente naquelas áreas de coñecemento nas que podemos ser pioneiros ou exclusivos no conxunto de Galicia e incluso de España».

Trátase dunha iniciativa remitida previamente, antes da súa redacción definitiva, tanto á Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra como a asociacións directamente implicadas (entre elas Xoga) para que puidesen facer as achegas que considerasen relevantes, polo que está consensuada cos colectivos que traballan coa comunidade xorda na nosa cidade e no conxunto de Galicia. A moción foi dictaminada onte de xeito favorable na Comisión de Benestar Social e Cultura, pero unicamente cos votos favorables dos concelleiros do PSOE, xa que os grupos políticos de BNG e PP decidiron absterse para estudala con máis detalle e reservar o seu voto definitivo para o Pleno. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes