O Grupo Municipal do PSOE realizará unha visita institucional a Avilés e Oviedo para estudar iniciativas en materia de vivenda, soidade non desexada e promoción cultural e económica
- Os concelleiros reuniranse esta fin de semana coa alcaldesa socialista Mariví Monteserín e co seu equipo de Goberno, así como cos membros do Grupo Socialista no Concello ovetense
Pontevedra, martes 11 de novembro de 2025.- Os concelleiros do Grupo Municipal do PSOE realizarán esta fin de semana (entre o venres 14 e o sábado 15 de novembro) unha visita institucional ao Principado de Asturias para manter diversas reunións de traballo coa alcaldesa de Avilés, a socialista Mariví Monteserín, e co seu equipo de Goberno, así como co Grupo Socialista no Concello de Oviedo. Tal e como explicou esta mañá o portavoz municipal, Iván Puentes, o principal obxectivo desta viaxe «é o de poder coñecer de primeira man as boas prácticas que o Goberno socialista de Avilés está a desenvolver na terceira cidade máis importante de Asturias, que nos parecen interesantes e que poderían entroncar con problemas e con retos concretos que ten Pontevedra cara ao futuro».
Segundo avanzou Puentes, «haberá diversos asuntos que tocaremos, pero un dos fundamentais será o de estudar como se está a xestionar en Avilés, unha urbe con características orzamentarias e poboacionais semellantes ás de Pontevedra, a crise habitacional, de acceso á vivenda». «Avilés é un concello referente en políticas de acceso á vivenda para todos e todas -sinalou-, que conta cunha oficina municipal de vivenda a través da que está a promover o alugueiro, esencialmente para persoas mozas e con menos recursos. Parécenos unha idea interesante, que queremos estudar con detemento para ver se podemos adaptala ás circunstancias específicas de Pontevedra».
As reunións de traballo tamén servirán para abordar temas de política social, como o drama da soidade non desexada, ou iniciativas comerciais e de promoción económica.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS