Os socialistas de Pontevedra refrendan por aclamación as candidaturas dos avogados Marica Adrio e Pedro Hermida ao Congreso dos Deputados
- A Asemblea Municipal do PSOE tamén ratificou ao arquitecto da Facenda Pública Fernando Baena, secretario de Urbanismo e Vivenda do partido, como candidato ao Senado
Pontevedra, martes 13 de outubro de 2026.- A Agrupación Socialista de Pontevedra refrendou esta tarde en Asemblea, co apoio unánime da militancia (por aclamación), os nomes dos seus candidat@s a concorrer na lista do partido ás Cortes Xerais pola provincia. Os avogados Marica Adrio e Pedro Hermida foron ratificados como aspirantes ao Congreso dos Deputados, mentres que o arquitecto da Facenda Pública Fernando Baena foi elixido como representante para o Senado.
No caso de Adrio, o PSOE local volve apostar por «unha muller de enorme peso e xerarquía dentro do partido, así como cunha amplísima experiencia en Madrid e unha inxente capacidade de traballo nas Cortes», tal e como subliñou o secretario xeral do partido, Iván Puentes. Esta sería a terceira ocasión consecutiva na que a secretaria de Relacións Institucionais da Agrupación Socialista concorrería nas listas ás Cortes Xerais, despois dunha experiencia previa como senadora e outra como deputada durante as pasadas lexislaturas de Pedro Sánchez.


Puentes tamén destacou «o contrastado prestixio profesional» do outro aspirante ao Congreso, Pedro Hermida, que a nivel orgánico desenvolve o cargo de asesor xurídico e secretario de Xustiza, adxunto a Organización. Do mesmo xeito, puxo en valor «a destacada e eminente carreira» do arquitecto da Facenda Pública Fernando Baena, que xa ocupou o cargo de xerente do Catastro Provincial e que, no seo do PSOE local, encabeza unha secretaría «tan estratéxica e tan relevante nestas eleccións como a de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda».
Os nomes de Marica Adrio, Pedro Hermida e Fernando Baena súmanse deste xeito aos xa confirmados pola Agrupación Socialista de Vigo para conformar a lista de candidatos do PSOE ás Cortes Xerais pola provincia de Pontevedra: o actual subdelegado do Goberno, Abel Losada, e a concelleira Olga Alonso, para o Congreso, e a tenente de alcalde da cidade olívica, Carmela Silva. Será o Comité Provincial que o PSdeG celebrará mañá na Residencia de Estudantes (a partir das 19:30 horas) o que decida a composición definitiva e os postos desta lista electoral para o 29N.


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS