Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE levará ao vindeiro Pleno a reivindicación dos pais e nais do CEIP A Xunqueira II de que a Xunta desdobre a aula de 5º curso de Infantil

  • A moción que os socialistas veñen de rexistrar solicita que a Consellería de Educación dote cada aula dun docente a tempo completo e garanta unha óptima atención ao conxunto do alumnado e, en particular, aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais
  • Segundo denuncia o portavoz socialista, Iván Puentes, «a única aula do 5º curso de Infantil conta con 24 alumnos, ao límite da súa capacidade legal sen alumnado NEE, pero entre eles hai tres menores diagnosticados con trastorno do espectro autista (TEA), con graos de discapacidade de ata o 88%, e un cuarto pendente de valoración polo Servizo de Neuroloxía Pediátrica»

Pontevedra, 17 de setembro de 2024.- Os socialistas de Pontevedra veñen de rexistrar unha moción coa que pretenden defender as reivindicacións dos pais e nais do CEIP A Xunqueira II «na súa xusta reclamación dunha mellor atención e máis recursos educativos e docentes para o centro, con particular atención aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais». A proposta que o Grupo Municipal do PSOE levará ao Pleno da vindeira semana reclámalle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que, tal e como demandan os pais, se desdobre a aula de 5º curso de Infantil (na que hai 24 pequenos de 4 anos), «cun docente a tempo completo en cada aula e repartindo equitativamente entre as dúas aos rapaces con e sen necesidades educativas especiais».

En opinión do portavoz socialista, Iván Puentes, de entre tódalas eivas e necesidades educativas e de investimento que o inicio do curso escolar adoita sacar á luz, «unhas das máis sensibles e urxentes son as que teñen que ver coa plena integración e a adecuada atención na aula dos nenos e nenas con necesidades educativas especiais (NEE)». «É algo fundamental para eles e para as súas familias -subliña Puentes-, porque só así é posible garantir a igualdade de oportunidades nun país digno e totalmente democrático, que non discrimina ou desatende a ningún dos seus cidadáns».

Para o líder do PSOE, «é evidente que no CEIP A Xunqueira II estase a producir un grave problema deste tipo, ante o que urxe unha reacción e solución inmediata por parte da Xunta». Segundo explica, «a única aula do 5º curso de Ensino Infantil conta actualmente con 24 alumnos/as, polo que xa se atopa ao límite da súa capacidade legal sen alumnado NEE, pero entre eles hai tres menores diagnosticados con trastorno do espectro autista (TEA), con graos de discapacidade de ata o 88%, e un cuarto que xa acude a terapia ocupacional e está pendente de valoración polo Servizo de Neuroloxía Pediátrica».

«Trátase dunha situación claramente insostible -entende Iván Puentes-, que impide levar a cabo de xeito efectivo a atención personalizada e especializada que require este alumnado e que, de non solucionarse, impedirá o normal desenvolvemento pedagóxico do conxunto do alumnado. Un grave problema ante o que a Consellería de Educación reaccionou de xeito absolutamente insensible, inútil e grotesco, asignando ‘medio mestre’ a esta aula, isto é, un docente de apoio a media xornada, entre as 9:00 e as 11:30 horas».

Tal e como apunta o seu compañeiro, o concelleiro socialista Manuel Fariña, «mentres a propaganda oficial do PP e a Xunta falan dunha mellora nas condicións dos docentes e dunha baixada histórica das ratios de alumnos/as por clase, dunha nova ponderación dos estudantes con discapacidade, contando por dous ou por tres a efectos de ratios en función do seu grao de discapacidade), a realidade dos centros educativos de Pontevedra dista moito desa visión idílica que nos pretenden vender Alfonso Rueda e o conselleiro Román Rodríguez». «O que nos preguntamos é canto supón para unha Consellería que vén de investir 4,6 millóns de euros na reforma dun instituto como o Valle Inclán -afirma Fariña- a contratación dun docente a tempo completo para que os rapaces sexan atendidos en dous grupos de 12 alumnos»

O concelleiro agarda que a moción, consensuada cos pais e nais do CEIP A Xunqueira II, poida ser aprobada polo Pleno da Corporación, «aínda que a unanimidade non semella demasiado probable, xa que o PP de Rafa Domínguez sempre antepón os intereses de Rueda á defensa dunha educación pública inclusiva e de calidade». Os socialistas tamén elevaron estas demandas ao Parlamento Galego a través dunha proposta que hoxe rexistrou a deputada Paloma Castro.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes