O PSdeG pide á Xunta colaboración co Concello de Val do Dubra para evitar o peche da oficina do Banco Sabadell
- O alcalde socialista Diego Díaz denuncia a merma de servizos que sofren os concellos rurais
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento galego a cuestión do peche da oficina do Banco Sabadell en Val do Dubra, co obxectivo de que a Xunta de Galicia se implique para evitar dito peche.
O alcalde socialista do municipio, Diego Díaz, explica que “o Partido Socialista de Val do Dubra quere achegar esta problemática ao Parlamento de Galicia e utilizar todas as vías posibles” para deter a merma de servizos como a atención bancaria “que vimos sufrindo os concellos rurais como o noso”.
“Estes peches de oficinas bancarias súmanse ós recortes na sanidade pública”, indica o rexedor, que insta a todas as administracións a “actuar e protexer os municipios pequenos e rurais, nos cales, pois debemos de seguir garantindo os servizos para que a xente se poida achegar a vivir”.
Pola súa banda, o deputado autonómico Aitor Bouza esíxelle a Alfonso Rueda “que se implique de maneira inmediata, en coordinación xustamente co concello de Val do Dubra, para que se procure unha solución que garanta a continuidade da prestación presencial dos servizos bancarios do Banco Sabadell”.
O parlamentario socialista indica que este peche “ataca frontalmente” ás persoas maiores e ás persoas residentes no medio rural. Instou a Rueda a colaborar co Concello de Val do Dubra “sen importar a cor política deste alcalde”.
“Tanto que lle gusta á Xunta de Galicia falar e presumir das súas propias políticas, que demostren realmente con feitos e non soamente con anuncios que defenden ás persoas maiores, ás persoas do rural e tamén a todos os galegos e galegas”, subliña Bouza.
Para o socialista “iso é defender Galicia, iso é defender aos galegos e galegas e iso é o que lle esiximos ao señor Rueda, implicación, e tamén, evidentemente, impulso de medidas alternativas” no caso de que non se poida parar esta decisión. O grupo socialista presentará a batería de iniciativas parlamentarias sobre esta cuestión “para que se poida debatir, para que se poida trasladar a nosa postura, pero tamén que queden todas as posturas do resto de partidos e tamén quede retratada da Xunta de Galicia no caso de que non queira implicarse ó respecto”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS