O PSdeG leva ao Parlamento galego as reivindicacións de melloras no transporte público en Ordes
O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia melloras no transporte público en Ordes. A voceira socialista local Noelia Rivadas reuniuse co deputado autonómico Aitor Bouza para abordar a cuestión.
“Hai retrasos practicamente diarios, e chegouse o punto de que persoas usuarias tiveron que viaxar de pé no traxecto entre Ordes e Santiago”, lamenta a portavoz socialista en Ordes. “Isto non é unha situación aceptable, precisamos un servizo de transporte público digno, puntual e seguro”, engade.
Para Aitor Bouza, as demandas das persoas usuarias trasladadas polo grupo municipal socialista demostran que o transporte público na área de influencia de Compostela, e concretamente entre Ordes e Santiago, “a día de hoxe non funciona”.
“Para garantir realmente os servizos públicos fan falla máis investimentos, pero tamén máis recursos á hora de revisar o que non vai ben e que as licitacions funcionen e que sexan revisadas por parte da Xunta de Galicia”, apunta o socialista.
Bouza pídelle á Xunta de Galicia “que se comprometa a garantir un transporte público digno e de calidade” e que as persoas que empregan este servizo “non teñan que ir en condicións infrahumanas, e xustamente iso é o que está a pasar a día de hoxe”.
“Levarémolo ao Parlamento porque evidentemente entendemos que así non poden continuar as cousas no que ten que ver co transporte por estrada”, conclúe o deputado.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS