Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Aitor Bouza alerta de que os orzamentos da Xunta de Galicia 2026 “desprazan ás comarcas de Ferrolterra e Ortegal”

  • O deputado socialista denuncia que as contas da Xunta de 2026 “non reflicten as necesidades reais de vivenda, sanidade e educación da comarca” e asegura que son “discriminatorias” para Ferrolterra e Ortegal

O deputado socialista no Parlamento galego Aitor Bouza lamentou que os orzamentos da Xunta para 2026 “volven desprezar absolutamente as comarcas de Ferrolterra e Ortegal”, cunhas contas que cualificou de “raquíticas, decepcionantes e discriminatorias” para esta zona.

Bouza asegurou que, coñecidos os orzamentos da Xunta, “o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, os demandantes de axuda á dependencia e tamén os demandantes de atención sanitaria”. Por iso, advertiu, “non podemos facer unha valoración positiva de todos estes anuncios que despois non se contemplan realmente nos orzamentos”.

O parlamentario destacou que “como socialistas, esixiremos unha rectificación a través das enmendas” e traballarán “para que se incorporen todas as necesidades das persoas destas comarcas”.

Ademais, puxo o foco en que a Xunta destinará 1.858 millóns de euros ao pago da débeda, o seu máximo histórico, cando “podería aforrar un terzo dese importe, 620 millóns, se Rueda aceptase a condonación proposta polo Goberno de España”, algo que, lamentou, “rexeita por motivos electoralistas”. Finalmente, Bouza sinalou que os orzamentos “incrementan só un 2,1 %, mentres o IPC pechará nun 2,8 ou 2,9 %, o que quere dicir que os orzamentos non medran, decrecen”. Subliñou que esta situación “pon de manifesto que, mentres crecen as necesidades básicas da cidadanía, os investimentos da Xunta seguen sendo insuficientes e inxustos para Ferrolterra e Ortegal, deixando á comarca nunha posición de desigualdade e aumentando a presión sobre os servizos públicos fundamentais”.


Aitor Bouza – orzamentos Xunta Ferrolterra e Ortegal – out25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes