Puentes e Lores poñen Pontevedra «por riba de todo» e acordan uns Orzamentos 2026 centrados na excelencia e a calidade de vida
- O portavoz municipal Iván Puentes celebra que nun contexto estatal e internacional de “crispación irrespirable e de política inútil, en Pontevedra somos capaces de falar e de poñernos de acordo”. “Fronte á utilidade do voto ao PSdeG para exercer a oposición -asegura Puentes-, temos a inutilidade do voto ao PP e a Rafa Domínguez, aos que os pontevedreses tampouco terán neste 2026 nin unha soa contribución que agradecerlles”
- O alcalde destaca que é o orzamento «máis grande da historia de Pontevedra» que ascende a 103,7 millóns. Subliña a «débeda cero» e resalta o incremento do 24% dos investimentos reais con fortes partidas para Monte Porreiro, A Parda, Mollavao e instalacións deportivas
Pontevedra, mércores 28 de xaneiro.- O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o portavoz do grupo municipal do PSdG-PSOE, Iván Puentes asinaron esta mañá o acordo para a aprobación dos orzamentos municipais de 2026, un documento económico que ascende a 103.768.000 euros, o que supón un incremento do 5,21% respecto das contas de 2025. Lores cualificou este proxecto de orzamento como o «máis grande da historia de Pontevedra», un crecemento que responde ao aumento da actividade económica e dos ingresos do Estado, pero tamén a unha xestión eficiente que permitiu reducir gastos financeiros «porque temos débeda cero». O obxectivo destas contas é «seguir avanzando na liña de facer de Pontevedra un referente» e manter uns servizos de «altísima calidade de vida».
O alcalde puxo en valor o entendemento entre as dúas forzas políticas como un «exercicio de responsabilidade» pensando no «interese xeral da veciñanza». Destacou que grazas a este pacto «somos capaces, cedendo polas dúas partes, de chegar a un acordo que non paraliza a cidade». Lores desvelou que o Partido Popular e o seu voceiro, Rafa Domínguez, non achegaron ningunha proposta ao borrador. «É a nada, non hai alternativa ningunha, inoperancia e nada máis», sentenciou o alcalde, criticando que o PP se limite a «ir detrás de calquera problema» sen presentar «propostas serias e sensatas».
Tal e como subliñou o portavoz do PSOE, Iván Puentes, este acordo “lanza dúas mensaxes, dúas conclusións, moi claras: primeiro, unha mensaxe moi produtiva do que significa ser capaces de dialogar, de pactar e de exercer a democracia entre dous grupos políticos diferentes; fronte a un universo estatal e internacional de crispación irrespirable e de política absolutamente inútil e condenable, en Pontevedra somos capaces de falar e de exercer iso que era antigamente normal, é dicir, que as formacións políticas se puxeran de acordo, e que hoxe parece case unha utopía fóra desta cidade e mesmo destes dous grupos. A segunda mensaxe é a da utilidade do voto ao PSdeG para exercer a oposición, fronte á inutilidade do voto ao PP e a Rafa Domínguez, porque novamente, como xa pasou en 2025, neste 2026 os pontevedreses non terán absolutamente nada que agradecerlles a Domínguez e ao seu partido”.


“Negáronse a facer a máis mínima contribución a estes orzamentos. Nós non compartimos ese xeito de facer oposición e entendemos que a xente nos votou para ser útiles, para facer a cidade gobernable e para que, cando hai posibilidade de entendernos e de deseñar uns orzamentos que respostan á vontade e ás prioridades dos programas das dúas formacións políticas, haxa acordos e orzamentos que permitan que a cidade funcione con normalidade”, afirmou.
Para Puentes, os “tres meses de negociación intensa” que permitiron este pacto orzamentario “pagaron a pena”, porque “efectivamente, o acordo redunda en beneficio de tódolos pontevedreses e pontevedresas, que van ter orzamento, e por tanto, os dous grupos políticos imos garantir que o Concello funcione con plena normalidade durante este 2026 e dispoñendo de fondos para abordar todos os problemas, demandas veciñais e retos que a cidade ten por diante”. O portavoz socialista puxo en valor que, a día de hoxe, “un 80% do acordado en 2025 está xa cumprido ou en fase de cumprimento, supoñendo nestas contas uns 3,5 millóns de euros”, mentres que as novas propostas achegadas polo PSdeG e apoiadas polo BNG ascenden a uns 6,5 millóns (as achegas con sinatura socialista supoñen máis de 10 millóns de euros).
Unhas contas que priorizan aos barrios e ás parroquias do rural pontevedrés
“No capítulo de investimentos reais destacan eses 15 millóns de euros -salientou-, dos que practicamente todos xorden do acordo, xa que ou ben son proxectos que o Partido Socialista puxo enriba da mesa e que o BNG aceptou, ou propostas que o Goberno Local tiña xa en marcha e que contan co apoio total do PSOE (e que mesmo foron compartidas noutros mandatos). Polo tanto, un acordo pleno, amplo e global, non só nese capítulo 6, senón no conxunto do orzamento”.
Puentes destacou os investimentos que se destinarán aos barrios e o rural pontevedrés, “que suman unha boa parte das achegas do PSOE”; as aportacións para incremento e mellora dos servizos públicos, esencialmente en ensino, política social e seguridade; a atención “a un problema que teñen tódolos pontevedreses e pontevedresas, que é o da vivenda; así como as partidas orientadas á xeración de emprego e ao desenvolvemento económico da cidade.
🌹/ A sinatura socialista nos Orzamentos 2026:
💸 As contas municipais incluirán máis de 10 millóns de euros co selo do PSdeG de Pontevedra, con investimentos e actuacións concretas nas seguintes áreas:
🫂 Benestar: 169.000 €
- Proxecto de rehabilitación integral da Casa Azul para adaptala ao seus usos como Casa das Asociacións: 100.000 €
- Estudo de alternativas para ubicación da Casa das Asociacións e de centro de día destinado a persoas con transtorno do espectro autista: 15.000 €
- Subvención nominativa para a Asociación Alcohólicos Rehabilitados de Pontevedra: 4.000 €
- Campaña ‘Zero Abandono’ de animais de compañía e control de colonias de gatos (comunicación, esterilización e chipeo): 50.000 €
+ 18.000 € de compromisos adquiridos en exercicios anteriores: compra e instalación de 10 desfibriladores externos DEA/DESA, 3 móbiles para Policía Local, Bombeiros e Protección Civil e 7 para instalacións municipais e puntos centrais da vía pública (15.000 €); e estudo de alternativas para a ubicación do novo centro de protección de animais (3.000 €)
🎭 Cultura: 230.000 €
- Posta en valor do conxunto escultórico da Illa das Esculuturas; construción de miradoiro elevado no Labirinto de Robert Morris e iluminación de pezas: 60.000 €
- Festival Río Verbena Fest 2026: 120.000 €
- Redacción do proxecto de adaptación do edificio municipal da Praza da Liberdade para destinalo a Centro Sociocultural para a Federación de Asociacións de Veciños Castelao: 50.000 €
- 410.000 € de exercicios anteriores: Programa plurianual de mantemento e mellora dos centros sociais dos barrios e parroquias do Concello (400.000 €); e limpeza e conservación do conxunto artístico da Illa das Esculturas (10.000 €)
👟 Deporte: 172.000 €
- Reparación de herba artificial no campo de fútbol de Gatomorto: 72.000 €
- Cesión e arranxo dos camiños de acceso aos campos de fútbol de Gatomorto e Salcedo: 100.000 €
+ 395.000 € de exercicios anteriores: incremento dun 10 % (IPC desde 2021) das subvencións anuais a entidades deportivas, convocando en 2025 as axudas correspondentes ao período 2025-2026 (30.000 €); adquisición e instalación de dous videomarcadores (100.000 €) e dun novo sistema de megafonía (35.000 €) para o Estadio Municipal de Pasarón; creación dunha estación pública de inflado de bicicletas na rúa Rafael Areses (5.000 €); e 225.000 € para transformar os campos de fútbol do CEIP Xunqueira 2 e o IES A Xunqueira 1 en terreos de herba artificial para fútbol, rugbi e béisbol, dotar de vestiarios femininos ao Complexo Manolo Barreiro e de cuberta ás gradas dos campos de fútbol 8 do Manolo Barreiro e do campo de Gatomorto
👟 Ensino: 95.000 €
- Estudo de contaminación por radón nos centros públicos de Educación Infantil e Primaria do concello de Pontevedra: 15.000 €
- Substitución do valado perimetral do CEIP de Ponte Sampaio: 10.000 €
- Arranxo da cuberta de entrada á zona de Infantil do CEIP Froebel: 10.000 €
- Executar o proxecto de drenaxe no patio de Infantil do CEIP Xunqueira 2: 60.000 €
+ 203.000 € de exercicios anteriores: consolidar o incremento, ata os 400.000 €/ano, da partida para mantemento de colexios públicos, tendo en conta esta contía anual no novo contrato (200.000 €); e execución de beirarrúa elevada entre o edificio principal e o pavillón do CEIP A Xunqueira 1 para salvar as inundacións do patio (3.000 €)
💜 Igualdade: 30.000 €
- Incremento da partida destinada a programas de igualdade (30.000 €)
👮🏻♀️ Réxime Interior e Seguridade: 1.200 €
- Adquisición de carpa para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (1.200 €)
🚜 Medio Rural: 580.000 €
- Redacción do proxecto de recuperación ambiental do antigo vertedoiro do Rapadiño (Cerponzóns) para destinalo a usos públicos: 30.000 €
- Formación e palestras sobre bosques sostibles, cambio climático e prevención de lumes forestais a través da Mancomunidade de Montes: 50.000 €
- Asfaltado de camiños en Corredoira (Campañó), Reiriz (Alba), A Corval (Bora) e O Castelo (Lérez): 200.000 €
- Campaña especial de limpeza de cunetas: 300.000 €
+ 680.000 € de exercicios anteriores: incremento nuns 580.000 € do Contrato de Pequenas Obras de Reparación e Acondicionamiento nas Vías Públicas Rurais de Pontevedra (aportando o PSOE propostas de actuación concretas que serán estudadas xunto co BNG); e dotación de faixa de protección de incendios forestais entre Pontillón do Castro e Acibal (100.000 €)
👷🏻♂️ Persoal: 260.400 €
- Creación e convocatoria de 4 novas prazas de Policía Local (3 de policía e 1 de inspector principal): 200.400 €
- Creación e convocatoria dunha praza de sarxento de Bombeiros: 45.000 €
- Estudo de alternartivas legais para o pago efectivo da productividade: 15.000 €
+ 107.000 € de exercicios anteriores: manter a partida de produtividade en 200.000 € (100.000 €) e creación dunha partida específica de análise da carreira profesional do plantel municipal, dotándoa este ano 2025 do orzamento necesario para o estudo previo e inicio dos traballos (7.000 €)
🚰🚕 Servizos: 50.000 €
- Ampliación do servizo de Coche de Punto a tardes e sábados: 20.000 €
- Mellora de sinalización e alumeado dos pasos de peóns das avenidas de Bos Aires, Uruguai, Corbaceiras e Marín e da rúa Alexandre Bóveda: 30.000 €
+ 115.000 € de exercicios anteriores: redacción dun plan para a extensión da rede de saneamento municipal que permita dotar deste servizo ás vivendas excluídas do contrato de Viaqua (15.000 €); e conexión á nova rede de saneamento das vivendas pendentes en Ponte Muíños (100.000 €)
⛏️🌿 Urbanismo, medio ambiente e espazos públicos: 4.946.406,25 €
- Proxecto de humanización da avenida de Compostela e permeabilidade entre O Burgo e o Campus Universitario: 120.000 €
- Redacción do proxecto de humanización da rúa Augusto García Sánchez: 60.000 €
- Redacción do proxecto de humanización da rúa Juan Bautista Andrade: 60.000 €
- Proxecto e execución de obras de mellora de accesibilidade do espazo urbano de Pontevedra: 200.000 €
- Traslado e instalación da fonte actualmente situada entre Xoán Manuel Pintos e a avenida de Compostela na Praza da Santiña, unha vez se recepcione a obra desta rúa: 15.000 €
- Recuperación e protección de arborado na rúa Loureiro Crespo: 20.000 €
- Construción de parque infantil e axardinamento da parcela entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires: 280.000 €
- Execución da obra de renaturalización do tramo soterrado do río dos Gafos en Campolongo: 4.191.406,25 €
+ 1.565.138,74 € de exercicios anteriores: execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino co programa de iluminación dos espazos naturais da Illa das Esculturas e a Xunqueira de Alba (218.562 €) e a conexión peonil entre Alba e o Parque da Tomba (200.000 €); reforma de parque infantil e zona verde na Praza das Regas (145.000 €); redacción dos proxectos de execución das obras de renaturalización e recuperación da ribeira urbana do río Lérez na súa marxe dereita, entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9 (150.000 €); redacción do proxecto de execución para a restauración ecolóxica do río dos Gafos entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida das Corbaceiras (50.000 €); redacción do proxecto de execución do parque infantil, axardinamento e mellora da zona verde entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires (47.572 €); redacción do proxecto de mellora do parque de Valdecorvos, integrado coas balsas de inundación natural para previr asolagamentos en Fernando Olmedo (15.000 €); reforma integral da Praza de Pasarón (425.000 €); apertura ao público dos xardíns da Uned en Monte Porreiro (180.000 €); obra para dotar dunha malla protectora a ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso polo barrio de Mollavao (70.000 €); e redacción de proxecto para transformar en plataforma única e humanizar as rúas Almirante Matos e Irmáns Nodales (64.004,74 €)
🫰🏻💼 Outros proxectos do programa socialista sen consignación orzamentaria (pero tamén prioritarios)
- Solicitude de cesión ao Concello de Pontevedra da Ponte Malvar e o antigo treito da N-550 no p.k. 114, en Tilve (Cerponzóns)
- Completar o saneamento do camiño do Carballo de Santa Margarida (instalación de bombeo), con cargo ao convenio de Viaqua
- Solicitude á Xunta de Galicia da declaración de zona de mercado residencial tensionado, acompañada da documentación precisa, de acordo cos resultados do estudo recentemente encargado polo Concello
- Memoria democrática: recuperar para unha rúa ou praza o nome de Pablo Iglesias Posse, elimnado do rueiro municipal tralo golpe de estado de 1936
- Licitar e adxudicar o concurso de retirada e xestión de vehículos abandonados
- Cubrir todas as prazas interinas da área de Benestar Social e incorporar a traballadora social da UAD que non pasa ao Sergas
- Promoción interna no corpo de Bombeiros e cobertura de todas as prazas vacantes
- Activación do Comité de Expertos para poñer en valor da Illa das Esculturas
- Unha vez rematada a obra actual do novo treito da pasarela José Adrio Barreiro, incluír en modificación de crédito a instalación dunha pista de pump track nese espazo
- Formalizar o acordo con Augas de Galicia para a prevención de inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo e a súa contorna, mediante a construcción de balsas de inundación natural en Valdecorvos
- Mellora ambiental do exterior do Recinto Feiral (Next Generation: 1.000.000 €)
- Incluír na próxima modificación de crédito a reforma paisaxística das zonas axardinadas das rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña (Monte Porreiro) [299.999 €]
- Modificación da Ordenanza Municipal Reguladora da Venda Ambulante para trasladar a feira semanal
- Estudar a viabilidade e os termos de cesión ao Concello de Pontevedra das pistas de petanca, parque infantil e pista polideportiva cuberta en Verducido
- Acordo coa Xunta de Galicia e os consellos escolares do CEIP Xunqueira 2 e do IES A Xunqueira 1 para a instalación de herba artificial nos seus campos de fútbol e cesión de uso ao Concello de Pontevedra en horario non lectivo
- Recuperar as obras dos parques infantís de Pintor Laxeiro e Amalia Álvarez
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS