Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os técnicos do Concello de Pontevedra desmontan a versión do Goberno Municipal sobre os bolardos da rúa Peregrina: non consta ningún informe técnico da Policía Local que avale a súa instalación

  • A Oficina Técnica de Mantemento, Residuos e Limpeza e Transportes admite que «ditos elementos se dispuxeron a través dunha actuación ordinaria de mantemento viario», e contradí as declaracións nas que o Goberno do BNG defendía que «en cuestións de mobilidade, seguía as pautas dos técnicos, dos informes da Policía Local»
  • «Pois ben -sinala o portavoz do PSOE, Iván Puentes- resulta que, tal e como sospeitabamos, a Oficina Técnica recoñece que, efectivamente, non lle consta ningún informe específico ao respecto»
  • Puentes lembra que, pola contra, «a Policía Nacional si elaborou e entregou a Subdelegación do Goberno e Concello un informe que pon de manifesto os perigos que estes obstáculos supoñen para o desempeño do labor das Forzas e Corpos de Seguridade e os servizos de emerxencias, impedindo o rápido acceso dos vehículos policiais en actuacións urxentes»

Pontevedra, 28 de agosto de 2024.- En plena controversia sobre a instalación dos bolardos no contorno da Fonte dos Nenos (na rúa Peregrina) por parte do Concello, cando Policía Nacional e Subdelegación do Goberno alertaban dos perigos que estes obstáculos supoñen para o desempeño das Forzas e Corpos de Seguridade e outros servizos de emerxencias, o Goberno Local, a través do concelleiro nacionalista César Mosquera, aseguraba que «en cuestións de mobilidade, seguía as pautas e informes dos técnicos, da nosa Policía Local». Unha aseveración que levou ao portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, a informarse en detalle sobre os hipotéticos argumentos técnicos que sustentaban a decisión e a solicitarlle á Concellería de Seguridade Cidadá acceso ao suposto informe.

Tras varios meses de agarda, o socialista vén de recibir unha resposta da Oficina Técnica de Mantemento, Residuos e Limpeza e Transportes que desmonta totalmente este intento de disfrazar de decisión técnica o que foi unha determinación política non consensuada coa Policía Nacional e os servizos de emerxencias. Segundo explica Iván Puentes, a contestación do departamento do Concello «recoñece que non existe ningún informe técnico municipal que avale a necesidade e conveniencia da instalación dos bolardos na glorieta de Compostela».

«Pois ben -sinala Puentes-, resulta que, tal e como sospeitabamos, a Oficina Técnica recoñece que, efectivamente, non lle consta ningún informe específico ao respecto, e que ditos elementos de balizamento se dispuxeron a través dunha actuación ordinaria de mantemento viario, en base a problemas detectados nesta zona peonil polo exceso de circulación rodada». A propia Concellería de Seguridade Cidadá reiteroulle ao portavoz do PSOE (noutra contestación á súa solicitude) a mesma información facilitada pola Oficina, matizando que este tipo de «actuacións ordinarias de mantemento e conservación do viario municipal determínanse mediante reunións administrativas de coordinación entre os departamentos implicados coa concellaría responsable».

Iván Puentes lembra que, «fronte ao informe apócrifo que o BNG nos quixo coar, pola contra, a Policía Nacional si elaborou e entregou á Subdelegación do Goberno e ao Concello de Pontevedra un informe técnico que pon de manifesto os riscos que estes bolardos supoñen para o labor das Forzas de Seguridade e dos de emerxencias». «Informe, este último, que revelou tamén que a instalación destes bolardos non fora consensuada e que levou á propia compañeira do señor Mosquera, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, a ter que desdicirse neste sentido», apunta o líder socialista.

En opinión de Puentes, «resulta pouco serio que, nun asunto tan relevante como este, no que estamos a falar de intervencións policiais nas que o tempo de reacción resulta crucial, como nun incendio ou nun caso de violencia machista, o Goberno Local estea a despregar este despropósito de incongruencias e medias verdades». «Non só carecen dun informe técnico que avalase ou recomendase a colocación destes bolardos -matiza-, senón que nin sequera se abren a consensuar coa Policía Nacional outro tipo de solucións que permitan unha circulación áxil dos vehículos de emerxencias, como a de instalar uns bolardos retráctiles automáticos, que baixen ao detectar as matrículas dos coches autorizados, ou máis sinxelamente, facilitándolles unha simple chave para que os poidan retirar con rapidez».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes