Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas supeditan o seu apoio ao Plan de Igualdade a que se negocie cos traballadores e a que «se deseñe un plan que de verdade atalle os problemas reais de desigualdade que padece o persoal do Concello de Pontevedra»

  • Trala abstención expresada esta mañá en Comisión de Réxime Interior, o portavoz do PSOE, Iván Puentes, critica que a proposta presentada polo BNG sexa «un ‘trágala’ e un documento xenérico, sen medidas concretas que atallen de verdade as desigualdades dectectadas no diagnóstico previo, un documento, en definitiva, pensado só para cubrir o expediente», en lugar dun Plan de Igualdade «elaborado con seriedade e realmente orientado a resolver as desigualdades estruturais existentes no seo do plantel municipal»
  • Puentes lamenta que o Goberno Local aínda non lles chamase «nin unha soa vez para consensuar este documento» e asegura que no seu partido non poden «avalar un plan contra a discriminación laboral entre mulleres e homes que non apoian a maioría dos representantes sindicais»: «Levamos insistindo desde o inicio deste mandato na necesidade de sentar a negociar e de chegar a acordos cos traballadores»

Pontevedra, mércores 17 de xuño de 2026.- Ante a inédita e sorprendente falta de consenso político e sindical coa que o BNG tramitou o que está chamado a ser o I Plan de Igualdade do Persoal do Concello de Pontevedra, os concelleiros do Grupo Municipal do PSOE víronse esta mañá na obriga de emitir un voto de abstención á proposta de aprobación que o Goberno Local puxo sobre a mesa na Comisión de Réxime Interior. Un posicionamento que, segundo anunciou o portavoz do partido, Iván Puentes, á saída da devandita comisión informativa, os socialistas manterán mentres non se elabore un plan contra a discriminación laboral entre mulleres e homes «que emane da negociación e o pacto cos traballadores» e que «de verdade atalle os problemas reais de desigualdade que padece o plantel municipal».

Nun contexto no que as administracións públicas están suxeitas a un mandato legal e ineludible de implementar un Plan de Igualdade, chama poderosamente a atención que, nunha cuestión tan relevante, a proposta de obxectivos, medidas e accións do Plan para o persoal do Concello fose votada o pasado 8 de abril nunha Comisión Negociadora na que nin sequera estaba presente a UGT. Tal e como apunta Iván Puentes, «ante a imposibilidade de asistir, o sindicato solicitou un cambio de data que foi rexeitado e, ademais, reiterou por escrito o seu rexeitamento aos documentos do Plan». 

«O máis chamativo foi que á concelleira Eva Villaverde, despois das constantes dilacións á hora de abordar este asunto, lle entraran as présas e xustificara a súa negativa ao cambio de datas afirmando que lle daba pena que a UGT non estivese, pero que non se podía alongar máis o tema dado o momento no que estamos. De repente, deuse conta de que o 9 de abril era a data límite (data na que se cumpría un ano desde a constitución da Comisión Negociadora) -explicou-, e dixo que había que aprobalo sen máis demora para poder executalo por tratarse dun estudo do ano 2024 que non procedía demorar máis». A consecuencia foi un texto polo que votaron a favor CIG, CGT e CSIF, pero ao que se lle deu para adiante sen os apoios de UGT, CC OO e SPPME (estes dous últimos sindicatos emitiron votos en contra na Comisión, polo que, de térselle permitido tamén asistir e votar, a posición de UGT tería sido determinante para ‘tumbalo’).

Tal e como subliña Puentes, «a este inexplicable desprezo por acadar o consenso sindical que cabería esperar nun documento destas características, hai que engadirlle o feito de que ao Grupo Municipal do PSOE nin sequera se lle chamou «nin unha soa vez» para negociar ou para preguntarlle pola súa opinión e propostas para o Plan de Igualdade». «Os socialistas non podemos apoiar un documento que, máis que un Plan de Igualdade elaborado con seriedade e realmente orientado a resolver a desigualdades estruturais existentes no seo do Concello, semella un ‘trágala’ para cubrir o expediente e poder dicir que formalmente o Concello ten un Plan de Igualdade, pero este que se presenta é un documento xenérico, sen medidas concretas que atallen de verdade as desigualdades dectectadas no diagnóstico previo. Levamos insistíndolle ao BNG desde o inicio deste mandato na necesidade de sentar a negociar e de chegar a acordos cos traballadores e nós, desde logo, non imos avalar un plan que non apoian a maioría dos representantes sindicais».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes