Os socialistas propoñen dotar aos centros educativos da Xunqueira de dous novos campos de fútbol de herba artificial de última xeración: queren optimizar a práctica deportiva dos escolares e ampliar as horas que o Manolo Barreiro lles ofrece aos clubs de Pontevedra
- A iniciativa do PSOE esíxelle ao Goberno Local unha mellora das instalacións e un mantemento regular do complexo deportivo e insta a Concello e Xunta a acadar un acordo cos respectivos consellos escolares para a construción dun novo campo habilitado para fútbol 11 e 8, rugby e béisbol no CEIP Xunqueira 2 e doutro para fútbol 8 no IES A Xunqueira I, garantindo así a práctica deportiva e de lecer do alumnado e, ao mesmo tempo, fóra do horario lectivo e das actividades extraescolares, incrementando a oferta de horas de adestramento e competición a disposición dos equipos pontevedreses
- A proposta presentada hoxe por Iván Puentes e Manuel Fariña traduciríase en arredor de 10.000 m2 de espazo deportivo gañados neste contorno da Xunqueira para mellorar as condicións nas que practican actividade física os alumnos dos dous centros educativos, que sumados aos xa existentes no Manolo Barreiro permitirían dispoñer duns 30.000 metros cadrados de terreo de xogo de herba artificial para ofertarlle aos clubs da cidade
Pontevedra, martes 8 de abril de 2025.- Os socialistas de Pontevedra están convencidos de que os terreos de xogo do Complexo Deportivo Manolo Barreiro, que nestes momentos presentan un deficitario estado de conservación, deben potenciarse dun xeito máis ambicioso para dar resposta á crecente demanda de horas de adestramento e competición por parte dos equipos da cidade. Ademais de esixirlle ao Goberno Local unha mellora das instalacións e unha programación regular do seu mantemento, o Grupo Municipal do PSOE insta a Concello e Xunta a colaborar para dotar aos veciños CEIP Xunqueira 2 e IES A Xunqueira I de sendos campos de herba artificial de última xeración (nos espazos que agora mesmo ocupan os de terra), dando así resposta a unha dobre necesidade: garantir a continuidade de uso destes terreos para a práctica deportiva e de lecer do alumnado destes centros en condicións óptimas e, ademais, fóra do horario lectivo e das actividades extraescolares, incrementar con estes novos campos a oferta de horas que o Manolo Barreiro pon a disposición dos clubs pontevedreses.
A proposta tomou forma nunha iniciativa que o partido liderado por Iván Puentes pretende aprobar no vindeiro Pleno da Corporación e na que se denuncian as diversas eivas que presenta o complexo deportivo a día de hoxe, cun deficitario estado de conservación dos terreos de fútbol 8 ou a «urxente necesidade de adaptación das instalacións ao afortunado e sobresaínte incremento de nenas e mulleres que optan por practicar deportes eternamente masculinizados coma o fútbol ou rugby: rapazas que non contan nin cun vestiario propio para se poder mudar ou duchar». Na moción, que tamén fai fincapé en feitos como o aumento da demanda de uso do Manolo Barreiro e a falta de máis espazos útiles para poder adestrar e competir no noso municipio, solicítase ao Goberno do BNG que acometa de xeito perentorio a renovación da herba artificial e do equipamento dos dous campos de fútbol 8 e do campo número 1 de fútbol 11; que constrúa novos vestiarios para que nenas e mulleres poidan empregar estas instalacións en plena igualdade cos nenos e homes; que cubra as bancadas de público dos dous terreos de fútbol 8 e que mellore e programe con carácter regular o mantemento de tódolos campos que conforman este complexo.
A moción rexistrada polo PSOE foi presentada esta mañá no Concello a través dunha comparecencia protagonizada polo seu portavoz municipal, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, responsable das áreas de Deportes e Educación no seo do Grupo Socialista. Tal e como explicou Fariña, «o Manolo Barreiro é un dos centros deportivos máis importantes da cidade, tanto en extensión coma en número de usuarios/as, e conta cunha dotación (dous campos de fútbol 11 e outros dous de fútbol 8) que ademais de presentar significativas necesidades de mantemento, quedou substancialmente desfasada para unha demanda que, contando unicamente os clubs de fútbol que o teñen asignado como centro de adestramento regular, supera os 1.000 deportistas que empregan as súas instalacións de xeito habitual». «As malas condicións nas que se atopan algúns dos terreos de xogo, especialmente os dous campos de fútbol 8, os empregados polos nenos e nenas de menor idade -sinalou-, dificultan enormemente a práctica deportiva e supoñen un alto risco de lesión, algo que por desgracia se ten reflectido xa nos últimos tempos nun notable incremento das mesmas».
Para o concelleiro do PSOE, ante estas necesidades, a zona na que se ubica o Complexo Manolo Barreiro presenta unha grande oportunidade: a existencia, nas súas inmediacións, dos colexios e institutos da Xunqueira, que contan con amplas instalacións deportivas, pero mal conservadas e claramente infrautilizadas. En opinión de Iván Puentes, a coordinación de ámbolos equipamentos permitiría, cun mesmo investimento, dar solución a dúas necesidades. «Por unha banda, dotar aos centros educativos de instalacións deportivas modernas e axeitadas, que sexan usadas en exclusiva polos colexios en horario lectivo e de actividades extraescolares e, por outra, ampliar os terreos de xogo do Manolo Barreiro, empregando os novos campos do CEIP Xunqueira 2 e do IES A Xunqueira I en horario non lectivo e sempre que os colexios non os necesiten para a súa actividade, en función das condicións marcadas polos respectivos consellos escolares», sostén Puentes.

Seguindo estas premisas, a iniciativa socialista insta ao Goberno Local e ás consellerías de Deportes e de Educación da Xunta a acordar, xunto cos respectivos consellos escolares, as condicións para cederlle ao Concello de Pontevedra o mantemento e uso dos campos cos que contan os centros (actualmente de terra, polo que presentan lameiras durante boa parte do ano e mesmo resultan impracticables en moitas ocasións), sempre fóra do horario lectivo e das actividades extraescolares. A proposición contempla a construción, nestes terreos, de sendos campos de herba artificial de última xeración, en concreto, dun campo habilitado para fútbol 11, fútbol 8, rugby e béisbol no CEIP Xunqueira 2 e doutro para fútbol 8 no IES Xunqueira I.
«Deste xeito, garantiríamos a continuidade de uso destes espazos para a práctica deportiva e de lecer dos escolares, ao tempo que poderiamos incrementar a oferta de horas de adestramento e competición que o Complexo Deportivo Manolo Barreiro pon a disposición dos clubs pontevedreses, obviamente -matizou Iván Puentes- nas condicións e horario que se determinen cos respectivos consellos escolares».
«As instalacións seguirían a ser dos centros educativos, pero hai moitas horas baleiras sen uso fóra do horario lectivo que poderían formar parte da oferta do Manolo Barreiro para adestramentos e competicións»
A moción dos socialistas propón crear dous novos campos de herba sintética de última xeración, compatibles para fútbol e outros deportes de herba (fundamentalmente rugby e béisbol) na superficie que ocupan os terreos dos centros educativos: 5.800 m2 no caso do situado no colexio Xunqueira 2 e 3.800 m2 no do IES A Xunqueira I. Iván Puentes incidiu en deixar claro que a iniciativa «non está dirixida a sacar estes campos dos centros educativos para incorporalos ao Complexo Manolo Barreiro», senón a «renovar estas instalacións, dotalas de herba artificial apta para diferentes deportes colectivos e poñelas a disposición destes centros, que agora mesmo xa as teñen incorporadas no seu recinto».
«É dicir, que tanto o CEIP Xunqueira 2 como o IES A Xunqueira I gañen unha dotación deportiva e educativa que nestes momentos non teñen e que a poidan empregar en horario lectivo e durante as actividades extraescolares que lles oferten aos seus alumnos e alumnas. Pero, como sempre acontece coas instalacións escolares -apuntou-, hai moitas horas baleiras sen uso fóra do horario lectivo, e o que propoñemos é precisamente que, dentro dese horario non lectivo, estes novos campos que gañarían os centros poidan incorporarse á oferta de horas que o Manolo Barreiro ten para adestramentos e competicións».
En definitiva, a proposta traduciríase en arredor de 10.000 m2 de espazo deportivo gañados neste contorno da Xunqueira para mellorar as condicións nas que practican actividade física os alumnos dos dous centros educativos, que sumados aos xa existentes no Manolo Barreiro permitirían dispoñer duns 30.000 metros cadrados de terreo de xogo de herba artificial para ofertarlle aos clubs da cidade. Iván Puentes agarda que a moción, que pasará este xoves o filtro da Comisión de Benestar, acade o apoio unánime dos demais grupos políticos e poida aprobarse no Pleno ordinario deste mes.
Tendo en conta os prezos de mercado actuais, o portavoz do PSOE calcula que os novos campos de herba artificial (de fútbol 8 no IES A Xunqueira I e de fútbol 11 no CEIP Xunqueira 2) suporían un investimento duns 500.000 euros cada un, é dicir, de arredor dun millón de euros. Pola súa banda, a reposición de herba nos dous campos de fútbol 8 do Manolo Barreiro ascendería a 250.000 euros por terreo e a do de fútbol 11 a uns 300.000 euros.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS