Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes volverá encabezar o proxecto socialista «nas primeiras eleccións nas que o escenario vai chegar profundamente aberto»: «Iniciamos este percorrido coa ilusión de poder liderar o Goberno de Pontevedra»

  • A candidatura do actual secretario xeral e portavoz do PSOE local, que estivo arroupado polos concelleiros do Grupo Municipal e mailo secretario de Organización, foi a única presentada, polo que quedou proclamada de xeito unánime
  • Fronte ao ‘todo siga igual’ que representa o BNG e aos pactos con Vox e ao lío e a política irrespirable de Madrid que Rafa Domínguez pretende importar á nosa cidade, Puentes está convencido de que «os pontevedreses apostarán por un cambio ‘con sentidiño’, tranquilo e que, preservando o moito e bo que se fixo, mellore a calidade de vida e achegue novas ideas, enerxías e pulos»

Pontevedra, venres 3 de xullo de 2026.- Non houbo sorpresas de última hora. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a que Iván Puentes documentou esta mesma mañá na sede da Agrupación Municipal foi a única rexistrada, polo que o actual secretario xeral e portavoz dos socialistas de Pontevedra volverá encabezar o proxecto co que o PSOE concorrerá ás eleccións de 2027. Unha cita electoral que, segundo subliñou o propio Puentes, será a primeira en moito tempo na que «o escenario vai chegar profundamente aberto» e que afronta «coa xenuína ilusión de poder liderar o Goberno de Pontevedra».

O secretario xeral dos socialistas de Pontevedra, que chegou esta mañá á sede de Irmáns Nodales arroupado polos concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey, así como polo secretario de Organización da Agrupación, Yeyo Pérez Agulla, e mailas secretarias de Movementos Sociais e de Formación, Lina Garrido e Mila Torres, expresou a súa «especial ilusión» nun «día moi importante para todo o Grupo Municipal do PSOE, porque estamos todos unidos neste paso, aínda que formalmente sexa a presentación dunha candidatura persoal».

«É un día de tremenda ilusión persoal para min, e tamén de responsabilidade, polo feito de encabezar unha candidatura que sei que non se vai presentar a unhas eleccións máis do Concello de Pontevedra. Van ser unhas eleccións transcendentes -vaticinou-, probablemente as primeiras eleccións nas que o escenario vai chegar profundamente aberto e, por tanto nas que pode pasar practicamente de todo».

Neste sentido, apuntou que «as enquisas que imos coñecendo desde hai tempo nos din que existe unha tendencia clarísima desde hai tres anos, cun Partido Socialista á alza: tódalas enquisas sitúan xa a estimación de voto nun 20%, o que suporía o mellor resultado que o PSOE tivo en Pontevedra nos últimos 20 anos». «Iniciamos este percorrido -asegurou Puentes- con todo o compromiso, toda a responsabilidade e toda a ilusión do mundo para poder liderar o vindeiro Goberno Municipal se a cidadanía así o decide. E estou convencido ademais de que así o decidirá».

Afrontar retos como a vivenda, o emprego e a loita contra o cambio climático

Ao seu xeito de entender, «en 2027, cando todos e todas vaiamos votar, a maioría da xente farao co desexo e o soño de que Pontevedra non destrúa nada do moito e ben que se fixo nos últimos 28 anos, pero tamén de que inicie un novo tempo de máis ilusión, máis gañas, máis enerxía e novos proxectos». Iván Puentes está convencido de que «preservando e mantendo unha cidade que adoramos a maioría de veciños e veciñas que vivimos nela», Pontevedra debe afrontar retos «como a vivenda e o emprego» e debuxar o seu futuro como «unha cidade máis verde e sostible, que loite mellor contra o cambio climático, que recupere os seus espazos naturais e que, en definitiva, ofreza aínda máis calidade de vida». 

«E para iso, o Partido Socialista é a única opción viable. Amosámolo cando estabamos no Goberno; amosámolo nestes catro anos de oposición. E estou convencido de que, fronte ao que ‘todo siga igual’ que representa o BNG e fronte á única receita que lles ofrece Rafa Domínguez aos pontevedreses, que é traer a Pontevedra o lío de Madrid, os pactos con Vox e esa política irrespirable que vivimos no conxunto do Estado, a cidadanía pontevedresa apostará por quen propón un cambio ‘con sentidiño’, tranquilo e que, preservando o moito e bo que ten a cidade, lle vai dar novas ideas, enerxías e pulos».

Puentes agradeceulle á militancia do PSOE que lle decidira renovar  a confianza como cabeza de lista do partido para as vindeiras eleccións municipais, subliñando que «esta será a primeira vez» que se pode presentar «cun ciclo completo, con catro anos de traballo previo á fronte do Grupo Municipal xunto cos outros catro concelleiros que o conformamos, e polo tanto con catro anos de bagaxe deseñando e pensando Pontevedra e falando con todos cantos veciños e veciñas quixeron e non quixeron falar con nós, para escoitalos e para integrar as súas propostas e demandas no proxecto co que nos presentaremos ás vindeiras eleccións».

«Non somos a franquía do PSOE en Pontevedra; somos un partido pontevedrés que traza os seus proxectos co obxectivo de mellorar a calidade de vida desta cidade»

En relación á posible influencia da coxuntura política estatal nas eleccións municipais, Iván Puentes ten moi claro que, tal e como amosan as enquisas, «a cidadanía vai saber valorar un proxecto que os socialistas de Pontevedra temos afincado na cidade», xa que «nós non somos a franquía do PSOE en Pontevedra, senón un partido pontevedrés, que pensa e que traza os seus proxectos única e exclusivamente co obxectivo de mellorar a calidade de vida desta cidade». A este respecto, lembrou que, ao longo destes catro anos, «cando lle tivemos que reclamar algo ao PSOE e ao Goberno de España, llas reclamamos coa mesma forza e coa mesma vehemencia coas que llas reclamamos ao PP na Xunta de Galicia ou ao BNG no Concello de Pontevedra».

«Por iso, estou convencido de que, con independencia da que sexa coxuntura estatal cando cheguen as eleccións, os pontevedreses saberán apreciar que Iván Puentes, Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey, Carmen Hermo, Paloma Castro e o resto de compañeiros, traballamos pensando nunha única cousa, que é Pontevedra», aseverou.

Unha lista elaborada co selo da unidade: continuidade no equipo, pero ‘refrescado’ con algunha nova incorporación

Aínda que restan bastantes meses por diante para confeccionar a lista electoral e á espera dos prazos internos que marque o partido para poder presentar as candidaturas, Iván Puentes incidiu na fortaleza dun equipo «moi consolidado, que ten experiencia de goberno e de oposición: os datos están aí, a cidadanía está valorando positivamente ese traballo, ata o punto de que en tódalas enquisas publicadas, a valoración do PSOE na oposición é mesmo superior á do PP, co dobre de concelleiro, o que quere dicir que os cinco que estamos traballamos de sol a sol». 

«Por tanto -avanzou-, os equipos que funcionan non se deben tocar. Isto non quere dicir que se vaia producir unha repetición exacta da candidatura. Evidentemente, esa candidatura terá que enriquecerse con persoas que non están no Concello neste momento, que non formaron parte da candidatura hai catro anos, que queren aportar e que chegaron ao partido neste período… Non haberá grandes sorpresas e a lista será pois unha mestura entre manter o moi bo equipo que xa temos (destacando aos seus compañeiros como «boas persoas, traballadoras e implicadas») e presentar unha candidatura refrescada, renovada e con novas incorporacións».

Puentes ten moi claro que, «como obteremos máis dos cinco concelleiros actuais, xa que a nosa aspiración é liderar o vindeiro Goberno Municipal, haberá máis oco para máis xente dentro dese equipo».

Con respecto ao deseño da campaña electoral, o líder do PSOE local afirmou que «non faremos desde logo unha repetición da última», xa que «o momento da cidade é moi diferente e hai problemas que se agravaron, como o da vivenda, a falta de chan industrial ou a necesidade de reverdecer os espazos urbanos». Unha aposta por un modelo verde que, como criticou, quedou «reducida a mínimos» polo Goberno do BNG, executándose unicamente os proxectos que os socialistas deixaran enriba da mesa, como o destape e restauración ambiental do río dos Gafos.

«Son momentos diferentes e a campaña será tamén diferente. Pero permítame que non revele nada -ironizou-, porque Rafa Domínguez ten unha tendencia a copiar, ante a súa falta de ideas, e non vaia ser que nos volva copiar novamente».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes