Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra denuncian o «silencio absoluto» e a «inacción cómplice» do PP de Galicia coa guerra arancelaria dun Trump «eloxiado por Pepa Pardo e Rafa Domínguez en redes sociais»

  • A senadora Carmela Silva amosou a súa preocupación ante «a falta de posicionamento do Goberno de Galicia, pero tamén de tódolos políticos e políticas do PP de Pontevedra, que non están achegando nin unha soa idea e aos que só lles preocupa criticar a un presidente Pedro Sánchez que está realizando un traballo fundamental para o noso país e para a nosa provincia»
  • A deputada autonómica Paloma Castro esíxelle a Alfonso Rueda que impulse «medidas complementarias» ás do Goberno do Estado, tal e como xa fixeron os presidentes de comunidades como Cataluña ou Asturias». «Non pode ser que aínda non se reunira coas empresas. Parece que só ten a cabeza en Altri -critica- e o demais lle dá igual»
  • Iván Puentes acusa ao PP de Pontevedra de estar «calado e facendo un traballo soterrado que só beneficia a Trump e aos intereses de EE UU: teñen unha senadora, que tamén é concelleira, que se chama Pepa Pardo, e teñen un vicepresidente da Deputación, que se chama Rafa Domínguez, que celebran en redes sociais cada vitoria de Donald Trump»

Pontevedra, sábado 12 de abril de 2025.- Os socialistas de Pontevedra consideran inaceptable que, no actual contexto de guerra arancelaria orquestrado por Donald Trump, en lugar de arrimar o ombro, tanto a Xunta de Alfonso Rueda como os dirixentes do PP manteñan «un absoluto silencio e unha inacción cómplice» e dediquen os seus esforzos a criticar as medidas de protección do tecido empresarial do presidente Pedro Sánchez. O PSOE denuncia a pasividade dunha Administración autonómica que só sabe poñer paus nas rodas e que aínda non anunciou nin unha soa medida para compensarlles aos empresarios e ao conxunto da cidadanía os efectos da xestión dun Trump «eloxiado e celebrado» en diversas ocasións, entre outros, polos ‘populares’ Pepa Pardo e Rafa Domínguez.

Unhas críticas que os socialistas realizaron esta mañá durante unha comparecencia que tivo lugar nos prolegómenos dun foro sobre memoria democrática organizado polas Xuventudes Socialistas na sede local do partido (baixo o nome de ‘Rosario Hernández, A Calesa’) e que protagonizaron a senadora por Pontevedra Carmela Silva; a parlamentaria Paloma Castro; o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o secretario provincial do PSdeG, David Regades. 

Na súa intervención, Carmela Silva asegurou que «certamente nos enfrontamos a unha situación preocupante que vai ter repercusións para o comercio internacional, a vida das empresas e o emprego no noso país, na nosa comunidade e en Pontevedra». Tal e como subliñou, «o Goberno de España adoptou medidas desde o primeiro momento, aprobando un gran plan dotado con 14.100 millóns de euros e poñéndose do lado das empresas, tan internacionalizadas, e dos traballadores», de xeito que «no caso de que finalmente se impoñan os aranceis, dispoñamos de mecanismos de apoio (como xa se fixera para afrontar a pandemia ou a Guerra de Ucraína)».

«Un Goberno que, xa ao día seguinte de que Trump anunciara os aranceis, tiña un plan de resposta. Fronte a isto -lamentou Silva-, atopámonos cun silencio absoluto por parte dos deputados e senadores do PP. Tódalas súas roldas de prensa son para facer ruído, descualificar e facer críticas que non se sosteñen sobre a acción do Goberno de España, pero non tiveron nin unha soa palabra sobre o que significa esa política arancelaria anunciada por Trump (pausada nestes momentos por 90 días para que a UE negocie e tente chegar a acordos)».

O cuarto posto de toda España en materia de exportacións

A senadora fixo fincapé na importancia que a internacionalización ten para as empresas pontevedresas, destacando que «ocupamos o cuarto posto de toda España en materia de exportacións». Por este motivo, entende, «debemos contar con administracións que salvagarden os nosos intereses, os das nosas empresas e os dos seus traballadores». «Queremos amosar -engadiu- a nosa preocupación ante a falta de posicionamento do Goberno de Galicia, pero tamén de tódolos políticos e políticas do PP nesta provincia de Pontevedra, que non están achegando nin unha soa idea e aos que só lles preocupa criticar a un presidente Pedro Sánchez que está realizando un traballo fundamental para o noso país e para a nosa provincia, tratando de diversificar os países cos que temos comercio internacional, indo a China e a Vietnam. En lugar de aplaudilo, que é o que están facendo os empresarios, os sindicatos e todas aquelas persoas que teñen interese pola economía do noso país, a Feijóo só se lle ocorre criticalo».

En opinión de Carmela Silva, o PP é «un partido sen ideas e que non está do lado das necesidades que ten o noso país», polo que é necesario demandarlles aos seus dirixentes en Galicia e Pontevedra «que se sumen ao Goberno de España, que é o que está a amosar máis iniciativa en toda Europa».

Nesta mesma liña, a parlamentaria do PSdeG Paloma Castro afirmou non sorprenderse demasiado da actitude adoptada por Alfonso Rueda, xa que «forma parte do desleixo que amosou ao longo destes 16 anos con toda a actividade industrial e empresarial en Galicia, abandonando as nosas empresas e o seu crecemento». A deputada autonómica esixiulle ao presidente da Xunta que impulse «medidas complementarias» ás do Goberno do Estado, tal e como aconteceu noutras comunidades como Cataluña ou Asturias, nas que os seus presidentes xa lideraron medidas de apoio ás súas empresas».

«Non pode ser -sinalou Castro- que Alfonso Rueda non se vaia reunir coas empresas galegas até o día 14 de abril para tratar a problemática económica que supón esta imposición de novos aranceis. Parece que só ten a cabeza posta en Altri e que o demais lle dá igual. Pedímoslle que lles dea a todas esas empresas internacionalizadas que temos en Galicia, e que supoñen unha parte moi relevante do noso PIB, a importancia que teñen, e que faga como xa fixeron outras comunidades autónomas: falando coas empresas para tentar complementar todas esas axudas que chegarán desde España e desde Europa».

Os principais afectados na nosa cidade: DO Rías Baixas, Porto de Marín e Ría de Pontevedra e empresas de fabricación de compoñentes do automóbil 

Pola súa banda, Iván Puentes tamén expresou a súa «suma preocupación», tanto ante o comportamento do presidente de EE UU como «da dereita en xeral e do PP na cidade de Pontevedra». Segundo explicou, os aranceis de Trump «son unha política que teñen o seu impacto local, no que a Pontevedra respecta, entre sectores fundamentais: somos a sede do Consello Regulador da DO Rías Baixas, cunha inmensa maioría de bodegas que exportan a Estados Unidos e que teñen alí o seu principal mercado, polo que padecerán un impacto directo; temos o porto de interese xeral de Marín e a Ría de Pontevedra, unha infraestrutura chamada a ser motor clave no noso desenvolvemento económico e que, desde o punto de vista loxística, ten moito que achegar á economía galega e local como porta de intercambio comercial con América (en particular cos EE UU); e temos tamén na nosa cidade a sede de importantes empresas que traballan sobre todo na fabricación de compoñentes do automóbil (un dos sectores que máis exporta ao país norteamericano)».

Ao seu xeito de ver, ante esta situación «poden adoptarse decisións ou se pode permanecer calado, e o certo é que o PP na cidade de Pontevedra está calado e facendo un traballo soterrado que só beneficia a Trump e aos intereses dos EE UU». «Ás veces poñemos moito o foco en Vox e é sen dúbida unha parte importante do problema, xa que agora os patriotas axeónllanse e calan ante os poderosos e ante as políticas máis prexudiciais que temos visto en moito tempo para a nosa economía, empresas e traballadores -apuntou o portavoz municipal do PSOE-, pero non son os únicos. O PP de Pontevedra ten unha senadora, que tamén é concelleira, que se chama Pepa Pardo, e ten un vicepresidente da Deputación, que se chama Rafa Domínguez, que eloxian e celebran en redes sociais cada vitoria de Donald Trump, e non hai oito anos, cando podiamos dicir que ao mellor non coñeciamos como era, senón tamén cando gañou as eleccións hai escasamente uns meses».

Para Iván Puentes, «hai empresarios e traballadores que hoxe ven o seu futuro moito máis incerto do que o vían antes de que Donald Trump fora presidente de EE UU, e por iso hai que adoptar medidas en España e en Galicia, e tamén se están a tomar medidas en Pontevedra». A este respecto, lembrou que os orzamentos municipais de 2025, froito dunha negociación do Goberno Local co PSOE, «inclúen varias partidas, a proposta dos socialistas, precisamente para favorecer o asentamento industrial e a actividade económica en Pontevedra». «Nun recente almorzo -precisou-, o delegado da Zona Franca de Vigo (David Regades) recordaba algunhas delas e comprometía o seu apoio para impulsar o estudo de viabilidade do Porto Seco de Leborei (Cerponzóns)».

Na súa opinión, «esta situación non é unha cuestión de siglas políticas nin partidaria, senón de actitude e de defender ao noso país e á nosa cidade», polo que «cómpre que tódolos partidos da Corporación de Pontevedra traballemos unidos baixo o liderado do Goberno de España».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes