Saltar al contenido

¡Síguenos!

O socialista Iván Puentes relanza a súa loita contra o cambio climático e o abusivo prezo da vivenda en Pontevedra: urxe a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado e propón bonificacións para alugueiros e instalacións solares

  • A través dunha iniciativa que será levada ao vindeiro Pleno da Corporación, o portavoz do PSOE solicítalle ao Goberno Local a aplicación de ferramentas legais que permitirían establecer unha bonificación de ata o 95% no IBI para vivendas destinadas a alugueiro con renda limitada por unha norma xurídica e de ata o 50% para inmobles con instalacións de enerxía solar
  • Puentes confía en que a Xunta non pretenda boicotear a declaración de mercado residencial tensionado: «É unha normativa estatal que xa está a reducir o prezo da vivenda en Cataluña, unha das comunidades máis sometidas ao turismo e a especulación. A medida funciona»

Pontevedra, luns 17 de marzo de 2025.- Cando se cumpre un ano desde que o Pleno aprobara unha moción impulsada polo Grupo Socialista para que o Concello iniciase os trámites necesarios para a declaración de Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, decidiu relanzar a súa ‘cruzada’ para axudar a paliar os efectos do cambio climático a través do uso de enerxías renovables e frear o abusivo e desenfreado incremento do prezo da vivenda na nosa cidade, favorecendo o acceso á mesma en condicións dignas. Así, ademais de urxir que se apuren os estudos e xestións para tramitar a devandita declaración ante a Xunta, o líder socialista levará á vindeira sesión plenaria unha iniciativa na que lle solicita ao Goberno Local a aplicación de ferramentas legais contempladas na Lei de Facendas Locais: o establecemento dunha bonificación de ata o 95% no IBI para vivendas en alugueiro con renda limitada por unha norma xurídica e doutra de ata o 50% para bens inmobles con instalacións para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

As propostas foron presentadas hoxe por Puentes nunha comparecencia celebrada na Sala de Prensa do Concello e na que estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey. Tal e como sinalou, a moción para declarar Pontevedra como zona de mercado tensionado foi aprobada por unanimidade en Pleno o 18 de marzo de 2024, «pero un ano despois seguimos agardando a que o Goberno Municipal complete os trámites preceptivos ou dea conta dalgún avance neste sentido». «Trátase dun acordo -lembrou- que tamén se materializou no pacto para a aprobación do Orzamento de Pontevedra para 2025, cun compromiso firme de seguir avanzando nestes traballos para presentalos ante a Xunta. Polo tanto, o que procede en primeiro lugar é solicitarlle ao Goberno Local celeridade na conclusión deses traballos e á hora de poder solicitarlle á Xunta esa declaración, porque, desgraciadamente e coñecendo os antecedentes e reticencias do PP á hora de adoptar este tipo de medidas, unha vez que o Concello faga a solicitude, agardaranos unha desputa importante coa Xunta para lograr este obxectivo».

Asemade, en paralelo a esta batalla para lograr a declaración de mercado residencial tensionado, a moción impulsada polo portavoz do PSOE plantexa que se aplique o que di o artigo 74.6 da Lei de Facendas Locais (modificado en 2019 polo Goberno de España co Real Decreto-Lei de Medidas Urxentes en materia de Vivenda e Alugueiro), en concreto, que «os concellos poderán establecer bonificacións de ata o 95% na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para aquelas vivendas destinadas a alugueiro con renda limitada por norma xurídica: un caso clarísimo é, precisamente, a renda que se lle pode aplicar ás vivendas nas zonas de mercado residencial tensionado». Neste sentido, a moción solicita que non só que se vaia estudando unha modificación da ordenanza fiscal que regula o IBI municipal para aplicar dita bonificación, senón tamén que os servizos xurídicos analicen a posibilidade de aplicalo noutro tipo de vivendas existentes en Pontevedra nas que se considere que teñen a renda limitada por norma xurídica (entre outras, casuísticas como as cooperativas de vivendas).

Unha bonificación que, como indicou Puentes, sumaríase «ás vantaxes e beneficios fiscais que xa se lles aplican aos propietarios que deciden poñer as súas vivendas no mercado de alugueiro, fundamentalmente bonificacións do IRPF, entre as que destacan dúas que aplica o Goberno de España: a do 90% de bonificación para novos contratos cando o prezo de alugueiro sexa un 5% inferior ao do último contrato e a do 70% para aquelas vivendas que se aluguen por primeira vez a mozos e mozas (entre 18 e 35 anos) ou a administracións públicas para destinalas a vivenda social ou programas públicos de vivenda».

Os últimos datos do INE indican que en Pontevedra hai máis de 6.000 vivendas baleiras, o que representa case un 15% do seu parque de vivenda

Iván Puentes explicou que os últimos datos do Censo de Poboación e Vivendas publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que Pontevedra conta agora mesmo con máis de 6.000 vivendas baleiras, o que significa case un 15% dun parque que se aproxima aos 43.000 inmobles. «Son propietarios -sostén- que poderían estar beneficiándose de bonificacións fiscais e que nestes momentos non o estar a facer por ese atraso na declaración de Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado. Trataríase, polo tanto, de que gañen os inquilinos, poñendo no mercado vivendas a prezo asequible, pero tamén de que gañen os propietarios e, sobre todo, reduzan as incertezas que moitas veces lles produce alugar as súas vivendas sen a protección necesaria».

Puentes precisou que, no que se refire á loita contra o cambio climático, a Lei de Facendas Locais tamén establece, no seu artigo 74.5, unha serie de bonificacións potestativas para os concellos, «que Pontevedra non aplica», entre elas unha de ata un 50% «para aqueles bens inmobles con instalacións para o aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar». Segundo apuntou, «hoxe en Pontevedra temos cada vez máis propietarios que, afortunadamente, dan o paso para instalar placas solares, tanto térmicas como fotovoltaicas, reducindo o consumo de enerxía procedente de fontes fósiles, que axudan a loitar contra o cambio climático». «Veciños e veciñas que fan un importante desembolso para dotar ás súas vivendas deste tipo de instalacións, que gozan xa dunha serie de bonificacións e axudas por parte do Goberno de España, pero que non teñen ningunha por parte do Concello de Pontevedra. Se de verdade queremos ser un Concello implicado na loita contra o cambio climático -demandou- e que premia aos veciños que teñen un comportamento exemplar, deberíamos contemplar esa bonificación do 50%».

O portavoz do PSOE matizou que, se ben hai unha crecente tendencia á instalación de placas solares nas zonas rurais de Pontevedra e nunha boa parte do ámbito urbano (onde hai incluso vivendas colectivas que optan por este tipo de sistemas de xeración enerxética sostible), «temos unha illa na cidade, que é o centro histórico». Ao seu xeito de entender, «o Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística), entre outras moitas limitacións, non contempla a posibilidade de que se instalen placas solares nos edificios do casco histórico, e nos entendemos que, ao igual que para outras cuestións, debe ser actualizado neste sentido».

«É absolutamente discriminatorio, e incomprensible desde unha lóxica de loita contra o cambio climático -argumentou-, impedir que os veciños e veciñas do centro histórico poidan instalar sistemas vencellados á enerxía solar. É certo que se trata dunha zona sensible da cidade e que deberá ter unhas condicións diferenciadas, pero tamén o é que o Peprica xa contempla situacións semellantes: por exemplo, o Peprica permite instalar ventás nos teitos (as coñecidas como Velux) sempre e cando non se vexan desde a vía pública, facendo compatible a protección paisaxística do centro histórico coa mellora da habitabilidade. Pedímoslles aos técnicos municipais que estuden esta posibilidade, do mesmo xeito que acontece coas Velux, buscándose solucións intermedias que garantan esa protección paisaxística e permitan a instalación das placas solares».

«Agardamos que a Xunta pense en darlles acceso a unha vivenda digna aos veciños e veciñas e non en manter o discurso de Ayuso e Feijóo»

Pese ás máis que previsibles reticencias da Xunta á declaración de Pontevedra como mercado residencial tensionado, Iván Puentes non se resigna a que o Goberno de Rueda se opoña a aplicar unha norma estatal, máxime «cando temos exemplos de comunidades autónomas como Cataluña, que o están a aplicar moito máis aló escalas puramente locais, nas que xa se está a reducir o prezo da vivenda». Fronte a tódolos males que se nos anunciaban, como a hipotética redución do parque de inmobles en alugueiro, a realidade amosa que o prezo da vivenda en Cataluña, unha das zonas de España máis sometidas ao turismo e á especulación (en especial a área de Barcelona), baixou durante este último naqueles concellos que se acolleron á declaración como zonas de mercado residencial tensionado. Ao mesmo tempo, o número de vivendas en alugueiro que se introduciu no mercado tampouco se reduciu.

«A medida funciona -engadiu-, e agora dependerá dos concellos gobernados pola esquerda fagan presión. Queremos que Pontevedra se sume a isto e que a Xunta non decida optar pola insubmisión e aplique esta norma estatal nas áreas nas que existe un problema de acceso á vivenda: a nosa cidade é unha delas, cuns prezos desorbitados tanto en alugueiro como en compra. Agardamos que a Xunta pense nos veciños e veciñas e non en manter o discurso de Ayuso e Feijóo e, polo tanto, en darlles acceso a unha vivenda digna».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes