Saltar al contenido

¡Síguenos!

O socialista Iván Puentes impulsará a implantación dunha aceleradora de empresas e comercio no barrio da Parda

  • O PSOE asegura que a instalación deste viveiro empresarial da zona leste, demandado pola Asociación de Profesionais e Pequenos Empresarios da Parda, pode promoverse dentro do futuro convenio de colaboración entre o Goberno Local e o Consorcio Zona Franca de Vigo para estudar a creación de novas bolsas de chan industrial en Pontevedra
  • No marco dunha reunión co colectivo de comerciantes do barrio, Puentes e maila concelleira Yoya Blanco amosaron a súa intención de promover a creación dunha bolsa de locais comerciais que permita poñer os establecementos baleiros a disposición de emprendedores: «Ademais de conectar aos propietarios cos demandantes de locais, o Concello podería asumir determinadas garantías como unha posible cobertura de impagos ou desperfectos»

Pontevedra, martes 28 de outubro de 2025.- Instalar na zona leste da cidade unha aceleradora ou viveiro de empresas e comercio, na que se poidan implicar tanto o Concello de Pontevedra como outras administracións, é unha das principais propostas que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, se comprometeu a impulsar cos pequenos empresarios do barrio da Parda. Unha demanda dos propios comerciantes, plenamente compartida por Puentes, que trala aprobación da moción que os socialistas levaron a Pleno neste eido, podería contemplarse tamén dentro do futuro convenio que o Goberno Local e o Consorcio Zona Franca de Vigo asinen para estudar a creación de novas bolsas de chan industrial dentro do noso termo municipal.

«Este convenio -sostén- podería ampliarse perfectamente a outras cuestións de tipo económico e empresarial, aproveitándose para buscar vías de colaboración entre Goberno de España e o Concello que permitan a instalación desa aceleradora ou viveiro de empresas na zona Leste da cidade».

Esta e outras propostas foron deliñadas no marco dun encontro que Puentes e a concelleira Yoya Blanco mantiveron no Centro Leste con membros da Asociación de Profesionais e Pequenos Empresarios da Parda. A reunión serviu para que os directiv@s deste colectivo lles transmitisen aos socialistas as súas demandas e inquedanzas sobre a situación do comercio na nosa cidade e, nomeadamente, para falar das accións que o Concello de Pontevedra pode impulsar para axudar ao comercio minorista e tradicional do barrio da Parda e o seu contorno.

O líder do PSOE asegura que a reunión «resultou moi produtiva», xa que dela «xurdiron bastantes ideas e iniciativas, entre as que destacaría a elevada demanda que os comerciantes teñen de seguir avanzando na formación en dixitalización dos seus negocios e tendas» «En definitiva, de posuír maior capacitación dixital nunha actividade, como é o comercio, que a día de hoxe resulta máis complexa, pero que ao mesmo tempo representa unha oportunidade de expansión, de crecemento e de supervivencia dese comercio tradicional -sinala-, que debemos manter na nosa cidade».

Recuperar as campañas específicas de apoio ao comercio local en diferentes épocas do ano

No encontro tamén se abordou a necesidade de recuperar, ao igual que se facía no mandato anterior, cando os socialistas levaban a Concellería de Promoción Económica, as campañas específicas de apoio ao comercio local por parte do Concello de Pontevedra en diferentes épocas do ano: na volta ao ‘cole’, no Nadal, no período de vacacións de verán… Tal e como subliña Iván Puentes, «é importante que, máis aló de apoiar as iniciativas que emerxan das asociacións, o propio Concello teña un papel activo á hora de crear, difundir e promover entre a cidadanía campañas específicas de apoio ao comercio local».

Outra proposta destacada e novidosa que xurdiu na reunión cos comerciantes da Parda consiste da creación dunha bolsa de locais comerciais: un punto no que os propietarios de establecementos comerciais que nestes momentos estean baleiros poidan poñelos a disposición de emprendedores e persoas que desexen poñer en marcha o seu pequeno comercio na nosa cidade. «O Concello de Pontevedra -explica- actuaría como intermediario entre estes propietarios de baixos comerciais baleiros e os emprendedores que queiran sacar adiante un pequeno negocio en Pontevedra. Como se fai habitualmente no caso da vivenda, a través desa bolsa, o Concello, ademais de conectar ofertantes con demandantes, tamén podería cubrir determinadas garantías que moitas veces frean a posta deses baixos en alugueiro, por exemplo unha posible cobertura de impagos ou desperfectos. A súa implantación resultaría moi positiva e, desde logo, contará co apoio do Partido Socialista».

Para Iván Puentes, o Concello debe «xogar una papel activo na dinamización dos barrios mediante, con medidas orientadas a promover a saída ao mercado deses baixos comerciais que se atopan baleiros e que poderían acoller novos negocios e iniciativas empresariais».

Tal e como avanza Puentes, «quedamos cos comerciantes da Parda en traballar conxuntamente para sacar adiante todas estas iniciativas», no que queda de mandato «empregando a forza dos votos do PSOE no Pleno, necesarios para calquera cuestión que queira aprobar o Goberno Local», e sobre todo «de cara á configuración do proxecto de cidade co que o Partido Socialista se presentará ás vindeiras eleccións municipais».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes