O socialista Iván Puentes amosa a súa indignación ante o orzamento «absolutamente raquítico» da Xunta para Pontevedra: «Perdemos 30 millóns de euros en investimentos con respecto a 2025»
- O portavoz municipal do PSOE lembra que o 90% deste presuposto inversor correspóndese con dúas actuacións, o Hospital de Montecelo e a construción de vivenda pública, «que están financiadas polo Goberno de España nun 64%», subliñando como únicas actuacións salientables unha ampliación do polígono industrial do Campiño «insuficiente para cubrir as necesidades dunha capital de provincia» e a inclusión dunha partida de 2,4 millóns para facer realidade as balsas de inundación natural deseñadas por Puentes para acabar cos asolagamentos en Fernando Olmedo
- Puentes sinala «ata 15 actuacións que a Xunta comprometeu con esta cidade e que, ou ben non están contempladas nos orzamentos da Xunta, ou ben o están cunha cantidade tan ridícula que resultará absolutamente imposible realizalas en 2026, entre elas a gratuidade do aparcadoiro de Montecelo, as melloras comprometidas nos centros de saúde, a reforma do Hospital Provincial, a dragaxe do Lérez, a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara, a creación da nova residencia universitaria ou o saneamento da ría
Pontevedra, martes 21 de outubro de 2025.- «O orzamento da Xunta para Pontevedra é absolutamente raquítico. Perdemos 30 millóns de euros con respecto a 2025, practicamente un terzo do investimento que se contemplaba para este ano desaparece en 2026, pasando de 97 a só 67 millóns de euros». Deste xeito valorou hoxe o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o impacto que terá na nosa cidade o borrador orzamentario presentado polo Executivo que preside Alfonso Rueda.
Tal e como subliñou, «deses 67 millóns que a Xunta prevé investir en Pontevedra no 2026, un total de 60, é dicir o 90%, correspóndense unicamente con dúas actuacións: a ampliación do Hospital de Montecelo e a construción de nova vivenda pública». «Dúas actuacións -matizou- que ademais están financiadas nun 64%, a través de fondos europeos transferidos á Xunta, polo Goberno de España».
Segundo precisou o líder socialista, os 7 millóns de euros restantes repártense en diversas obras menores, de entre as que cabe salientar a ampliación do polígono industrial do Campiño, «reducida á metade con respecto ao que a Xunta nos prometera en 2025, quedándose única e exclusivamente en 160.000 metros cadrados: é unha boa noticia sumar chan empresarial cando non temos absolutamente ningún, pero esa superficie é totalmente insuficiente para cubrir as necesidades dunha capital de provincia como Pontevedra (se unha soa grande empresa decidise instalarse xa ocuparía todo o espazo a disposición)». «O único que se contempla para esa ampliación -engadiu- son 1,6 millóns de euros dos 10,3 que está previsto que custe, o que supón unha décima parte do que nos custaría ampliar o polígono do Campiño. Polo tanto, en 2026 non imos ver nin un só milímetro cadrado máis de chan industrial en Pontevedra».
Entre as notas positivas destes orzamentos, Iván Puentes destacou a inclusión dunha partida de 2,4 millóns de euros para a construción de balsas de inundación natural en Valdecorvos, unha intervención deseñada polo socialista co obxectivo de acabar coas inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo e no que o seu partido «leva moitos anos traballando, coa redacción de tódolos proxectos e estudos previos para poder realizala cando formabamos parte do Goberno Local durante o mandato anterior». Puentes aplaudiu que, a pesar das críticas e a oposición de Rafa Domínguez a este proxecto, facendo todo o posible e o imposible para que a Xunta non a adoptase (Domínguez mesmo chegou a propoñer a construción dun novo colector), Augas Galicia «aceptase finalmente que a proposta do PSOE era a única viable para evitar os asolagamentos en Fernando Olmedo e os orzamentos da comunidade autónoma contemplen o investimento para levala a cabo».
«Agora, o que nos toca nos vindeiros meses -advertiu- é supervisar que efectivamente non só se orzamente esta obra, senón que realmente se execute e poidamos poñer fin a décadas de inundacións recorrentes na rúa Padre Fernando Olmedo e o seu contorno».
Para Puentes, «polo demais, todo o que temos son incumprimentos», xa que «á marxe das que poidamos solicitar desde o PSOE e moitos veciños e veciñas de Pontevedra, hai ata 15 actuacións que a Xunta comprometeu con esta cidade e que, ou ben non están contempladas nos orzamentos da Xunta, ou ben o están cunha cantidade tan ridícula que resultará absolutamente imposible realizalas e executalas no ano 2026». Neste eido, o portavoz socialista incluíu a gratuidade do aparcadoiro de Montecelo; as melloras comprometidas nos centros de saúde Virxe Peregrina, A Parda, Lérez, Monte Porreiro e Ponte Sampaio; a reforma do Hospital Provincial (unha vez que, previsiblemente, en 2026 xa se trasladen servizos ao novo Montecelo); a creación da nova residencia universitaria; as melloras en tódolos colexios e institutos do concello (dado que a partida autonómica se reduce este ano nun millón de euros); o desdobramento da estrada de Vilagarcía; o concerto das prazas pendentes da residencia de Amencer-Aspace para poder acoller a máis pacientes con parálise cerebral e aos seus familiares; a construción da Vía Verde das Rías Baixas; a liberalización de terreos na Xunqueira de Alba (nas naves que ocupa actualmente a Xunta); a asunción da Unidade de Atención ás Drogodependencias; o saneamento da ría de Pontevedra; ou a reurbanización pendente en Monte Porreiro desde hai máis de 15 anos.
Unha agardada dragaxe para a que só se orzamentan 423.000 euros dos 7,4 millóns que a Xunta estima que custará
Nesta longa lista de ausencias, o líder do PSOE tamén lamentou que só se orzamenten para «a tan demandada e agardada dragaxe do Lérez» uns 423.000 euros dos 7,4 millóns que a Xunta estima que custará; que «unicamente se inclúan 250.000 euros, exactamente a mesma cantidade que o ano pasado, para variante de Alba (cifra destinada á redacción do proxecto), e que se contemplen uns exiguos 1,5 millóns de euros para a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara. «Unha rehabilitación que, sendo moi optimistas, ten un custe estimado en 25 millóns de euros», apuntou.
Iván Puentes considera que «o PP e a Xunta dedícanse a falar moito de Pontevedra durante todo o ano, pero cando chega o momento de elaborar os presupostos para o novo ano é cando os pontevedreses e pontevedresas temos a oportunidade de comprobar se esas palabras se corresponden con feitos e compromisos concretos co noso concello». Tal e como puido constatar, lamentablemente, «a realidade volve amosar que o borrador de orzamentos presentado por Rueda para o ano 2026 é absolutamente raquítico para Pontevedra», cunha bagaxe de «ata 15 incumprimentos, xa non sobre o que lle pedimos os veciños e veciñas, senón sobre o que Alfonso Rueda, o PP e a Xunta de Galicia anunciaron no último ano que ían facer en Pontevedra».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS