Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE inicia unha ofensiva para regular «os prezos absolutamente desbocados do alugueiro en Pontevedra»

  • O portavoz socialista, Iván Puentes, levará a Pleno unha moción na que se propón a elaboración dunha Ordenanza de Vivendas de Uso Turístico (VUT) do concello de Pontevedra, que regule e limite a implantación de novos aloxamentos deste tipo en todo o termo municipal, especialmente no centro histórico, e estableza as condicións para legalizar as VUT que xa existen na cidade
  • A proposta do Grupo Municipal do PSOE tamén plantexa a creación, no seo da Comisión de Urbanismo, dun Grupo de Traballo para a Regulación da VUT no concello de Pontevedra que, no prazo dun ano, estude as modificacións necesarias a introducir no PXOM e no PEPRICA para ordenar convenientemente este tipo de vivenda no municipio de Pontevedra
  • Puentes anuncia a apertura dun período de diálogo co sector e defende «unhas medidas que serán beneficiosas para todos: os veciños terán máis facilidade de acceso á vivenda; os empresarios do sector turístico verán regulada a competencia, e os actuais propietarios de VUT gañarán seguridade xurídica, regulación da competencia e maior calidade deste tipo de aloxamentos»

Pontevedra, 7 de novembro de 2023.- O Grupo Municipal do PSOE vén de rexistrar unha moción coa que inicia unha ofensiva para regular «os desbocados prezos do alugueiro en Pontevedra». A proposta, que será defendida no Pleno da Corporación polo portavoz socialista, Iván Puentes, plantexa (a curto prazo) a elaboración dunha Ordenanza de Vivendas de Uso Turístico (VUT) do concello de Pontevedra, que regule e limite a implantación de novos aloxamentos deste tipo en todo o termo municipal, especialmente no centro histórico, e estableza as condicións para legalizar as VUT que xa existen na cidade. Ademais (a medio prazo), a iniciativa do PSOE propón a creación, no seo da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dun Grupo de Traballo para a Regulación da VUT, integrado por representantes de tódolos grupos políticos, das entidades veciñais e do sector turístico e asistido polos técnicos municipais, co obxectivo de estudar, no prazo dun ano, as modificacións necesarias a introducir no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e no Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (PEPRICA) para ordenar convenientemente este tipo de vivenda no municipio de Pontevedra. Unha vez coñecidas as súas conclusións, tramitaríase a oportuna modificación puntual de PXOM e PEPRICA para poder aplicalas efectivamente e con seguridade xurídica.

A moción foi presentada esta mañá por Puentes no Concello no contexto dunha comparecencia na que estivo acompañado polos concelleiros socialistas Yoya Blanco e Manuel Fariña. O líder do PSOE subliñou a importancia dun problema que se foi complicando de xeito exponencial nos últimos anos «como é o acceso á vivenda por parte dos veciños e veciñas que queren mercar e, sobre todo, dos que queren alugala en condicións e a un prezo razoable en Pontevedra». «A día de hoxe, se un consulta os portais inmobiliarios nos que hai vivenda en alugueiro, resulta practicamente imposible atopar un piso de dous dormitorios por menos de 700 ou 800 euros, en función da zona da cidade na que se ubique; un piso de tres dormitorios está xa por un mínimo de 850 ou 900 euros. Isto fai que Pontevedra sexa xa, como reflectían os datos do Observatorio Galego da Vivenda, a terceira cidade de Galicia cos alugueiros máis elevados, superada unicamente por Coruña e Vigo», explicou Iván Puentes.

Traducido ao esforzo que fan as familias para poder ter unha vivenda en alugueiro en Pontevedra, para un salario medio neto que se sitúa nuns 1.300 euros ao mes, os pontevedreses deben destinar como mínimo máis do 50% do que gañan a esta finalidade. Se falamos de compra, unha vivenda nova de dous dormitorios está como mínimo en 190.000 euros e, a partir de aí, «todo tipo de prezos», e unha de tres dormitorios a partir de 270.000 euros; mentres que para unha vivenda de segunda man o metro cadrado ronda un prezo medio de 2.000 euros, é dicir, uns 180.000 euros para un piso medio de 90 metros cadrados. «Esta mesma mañá -apuntou Puentes- fixemos un exercicio cunha axencia inmobiliaria ubicada no centro de Pontevedra preguntándolle cantos pisos tiña para alugar e a resposta foi que tiña unicamente un piso en alugueiro de tres dormitorios, sen amoblar, na rúa Blanco Porto, por 950 euros ao mes. Se o extrapolamos ao conxunto das inmobiliarias da cidade, calculamos que neste momento pode haber uns 80 pisos para alugar. Non hai practicamente nada e, do que hai, os prezos son escandalosos… Hai polo tanto un problema de prezo, de oferta e de demanda».

A cidade galega con maior desproporción entre VUT e pisos de alugueiro convencional: só un piso destinado a alugueiro tradicional por cada seis VUT

Ante esta situación, Iván Puentes considera que «non facer nada significaría expulsar aos veciños e veciñas da cidade e dar o primeiro paso para a morte de Pontevedra como capital e como cidade residencial, reducíndoa a un parque temático para turistas», polo que, mesmo tratándose dun problema de alcance internacional, «o noso concello ten algúns problemas específicos: é segundo o INE a cidade galega con menos oferta de alugueiro; e é a segunda cidade, tras Santiago de Compostela, con menos vivenda baleira (falta vivenda e carecemos de inmobles que mobilizar para introducir no mercado, satisfacer a elevada demanda e regular os prezos, por exemplo, pola vía dos incentivos fiscais)». Asemade, Pontevedra é a cidade galega cunha maior desproporción entre VUT e pisos dedicados a alugueiro convencional, mesmo por enriba de urbes que teñen un problema grave co turismo e coas VUT como Santiago de Compostela, Vigo e Coruña. «Por cada seis vivendas turísticas que hai en Pontevedra -precisou Puentes-, temos unicamente un piso destinado a alugueiro tradicional».

O Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas de Galicia ten inscritos 486 aloxamentos turísticos na cidade de Pontevedra: unha casa de turismo rural, tres apartamentos, 13 pensións, 13 albergues turísticos, 16 hoteis e 440 vivendas de uso turístico (outras fontes elevan os datos a 462). Isto significa que case o 91% dos aloxamentos turísticos deste concello son VUT.

«O problema non está nin moito menos contido -advertiu Iván Puentes- senón que vai a máis. No mes de xullo, tiñamos no mesmo Rexistro 409 VUT. É dicir, en tres meses, incrementáronse en 31 aloxamentos as VUT en Pontevedra. En abril de 2022 eran 299 as VUT rexistradas, polo que en 18 meses aumentaron en 141… É un problema que afecta especialmente aos máis novos da cidade, que soen ter menor capacidade económica para emanciparse, pero tamén a todas esas familias que teñen rendas medias e baixas, que deben destinar máis do 50% do salario a pagar un alugueiro e dos máis baixos».

O portavoz municipal do PSOE ten moi claro que «isto só se pode controlar regulando, desde unha acción compartida entre a Xunta e os municipios» e lamentou que en Pontevedra se fiara todo «a aplicarlle ás VUT as mesmas condicións que aos usos terciarios que contempla o PXOM do ano 99». Segundo afirmou, «o problema é que o ano 99 e o ano 2023 son substancialmente diferentes e eses usos terciarios eran referidos unicamente a hostais e pensións, que ademais de ser aloxamentos turísticos moi diferentes, non son equiparables para nada nas consecuencias sociais que uns e outros provocan: os primeiros non van en detrimento das vivendas de uso residencial tradicional e as VUT evidentemente si». «Se simplemente nos contentamos con iso, sería como pretender regular internet a día de hoxe coa Lei Fraga de Prensa e Imprenta do ano 1966. Non tería sentido. Desde logo, estamos a ver que non dá resultados esa regulación pretendida polo Concello de aplicar simplemente o PXOM. Non só non atalla o problema, senón que nin sequera está a valer para contelo. O problema agrávase e segue desbocado», sinalou Puentes.

«As sentencias do TSXG e a propia normativa autonómica recoñécenlle aos concellos capacidade plena para regular e limitar as VUT… Pontevedra aínda non moveu ficha e urxe que o faga»

Fronte á falta de seguridade xurídica que había con anterioridade, Iván Puentes lembrou que, nos últimos tempos, froito das sentencias do TSXG a raíz de casos acontecidos noutros concellos e da propia normativa autonómica, «os concellos xa teñen recoñecida a capacidade plena para regular e limitar as VUT no seu termo municipal (algo que acontece noutras cidades de Galicia como A Coruña e Santiago, que levan un tempo actuando)». Ao seu modo de entender, «Pontevedra aínda non moveu ficha e urxe que o faga». «Na nosa moción -indicou Iván Puentes- abordamos dous tipos de solucións: unha a curto prazo, que consiste na elaboración dunha Ordenanza de Vivendas de Uso Turístico (VUT) do concello de Pontevedra, que regule e limite a implantación de novos aloxamentos deste tipo en todo o termo municipal, especialmente no centro histórico, e estableza as condicións para legalizar as VUT que xa existen na cidade. Esta solución ten un trámite relativamente sinxelo no Pleno, pero a ordenanza ten que cinguirse á normativa municipal que temos neste momento, que é o PXOM. A solución definitiva debe pasar por tocar o PXOM e o PEPRICA para poder regular de verdade as VUT en Pontevedra e, por iso, nun segundo punto da moción plantexamos a creación, no seo da Comisión de Urbanismo, dun Grupo de Traballo para a Regulación da VUT no concello de Pontevedra que, no prazo dun ano, estude e acorde as modificacións necesarias a introducir no PXOM e no PEPRICA para ordenar convenientemente este tipo de vivenda no municipio de Pontevedra».

Trala presentación desta moción, o Grupo Municipal do PSOE iniciará unha rolda de reunións co sector, con tódalas partes afectadas, para coñecer as súas opinións e propostas e poder chegar a unha regulación e un marco normativo que permita controlar «os prezos absolutamente desbocados da vivenda na nosa cidade». Puentes está convencido de que «será bo para todos e para todas: desde logo, para os veciños, que poderán ter una acceso á vivenda máis sinxelo e en mellores condicións; para os empresarios do sector turístico da cidade, porque terán unha competencia regulada, e para os actuais propietarios de VUT, na medida na que lles dá seguridade xurídica e regula a competencia existente no sector e, como pide habitualmente o colectivo Aviturga, garante un maior control e calidade deste tipo de vivendas e do turismo que recibe Pontevedra». «Todo isto sen detrimento doutro tipo de medidas que, en materia de vivenda, están contempladas no programa electoral do PSOE», engadiu o líder socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes