Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE denuncia «a alarmante situación de colapso sanitario» que padece o Complexo Hospitalario de Pontevedra: as persoas en lista de agarda para unha consulta especializada incrementáronse nun 57% desde a pandemia e os pacientes que esperan por unha cirurxía aumentaron en case un 70%

  • Os socialistas Iván Puentes e Paloma Castro cargan contra a Xunta e o PP de Rueda por anunciar que situarían as listas de agarda en niveis prepandémicos e por unha «nefasta xestión» que rematou por cronificar e agravar os problemas da Área Sanitaria, con tempos de espera para probas diagnósticas que resultan absolutamente inaceptables en catro dos principais servizos do CHUP: 505,3 días para estudos de Otorrinolaringoloxía, 237,7 días para estudos de Dixestivo, 151,5 para estudos do sono e 92,1 nas ecografías para detectar unha cuestión tan delicada como o cancro de mama

Pontevedra, xoves 23 de abril de 2026.- O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) pechou o ano 2025 cun total de 26.504 persoas en listas de agarda para acceder a consultas de Atención Especializada (con tempos de espera de ata cinco meses), o que supón un incremento do 57% con respecto ás 16.911 que había en decembro de 2019, antes da pandemia do Covid-19. Unha fotografía que, para o Grupo Municipal do PSOE, amosa «a alarmante situación de deterioración e colapso sanitario que padece a nosa Área Sanitaria», e que se repite nun eido tan sensible como o das cirurxías, onde, tomando como referencia as mesmas datas, se pasou das 2.727 persoas que estaban en listas de agarda antes da pandemia ás 4.555 que reflicten as últimas estatísticas da Xunta: un incremento de case o 70% no número de persoas que agardan para operarse nalgunha das especialidades do CHUP.

Para o portavoz socialista, Iván Puentes, «trátase de datos obxectivos que contradín a versión da Xunta e que revelan que o presidente Alfonso Rueda e o PP non cumpriron a súa palabra cando, no ano 2023, nos prometían que, en cuestión de meses lograrían situar as listas de agarda en niveis anteriores á pandemia, e que incluso ían mellorar eses datos». «O que fixo o Sergas na Área Sanitaria de Pontevedra -sostén Puentes- foi empeorar as estatísticas de persoas en lista de agarda, empeorar o número de días que temos que esperar para ser consultados polos médicos especialistas e empeorar tamén as cifras dos días que debemos agardar para facer probas diagnósticas ou para poder ser operados nalgunha das especialidades do CHUP. Pedímoslles a Rueda, á Xunta e ao PP que fagan menos propaganda e que invistan máis no mellor no que pode investir un Goberno, que é na sanidade e na calidade de vida dos seus cidadáns»

A denuncia desta preocupante realidade que padece a veciñanza pontevedresa foi efectuada por Iván Puentes e pola deputada autonómica Paloma Castro ás portas do ambulatorio Virxe Peregrina, centro de saúde erixido como símbolo da loita contra a precarización da sanidade pública á que nos conduciron as nefastas políticas da Xunta e un escenario que precisamente elixira o PP de Rueda para anunciar a bombo e platillo os seus obxectivos de acabar cos problemas da Atención Primaria e de reducir drasticamente as listas de agarda ata situalas en niveis prepandémicos. Uns problemas que, anos despois desta promesa, lonxe de resolverse, cronificaron e agravaron: «Eu convido desde aquí a calquera a entrar na súa aplicación do Sergas e a tentar conseguir cita para Atención Primaria durante as vindeiras semanas -suxeriu Iván Puentes-; poderá comprobar que o normal é que teña ata dúas ou tres semanas de agarda para lograr esa cita».

Segundo expuxo o líder do PSOE municipal, esta Área Sanitaria, conformada polo Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e mailo Hospital do Salnés, enfróntase ademais «a un grave problema na Atención Especializada, onde os peores datos de listas de agarda danse no Hospital de Montecelo e no Provincial, tanto no que se refire a cirurxías como no que atinxe a consultas de atención especializada e probas diagnósticas». Así, en base aos datos que se deron a coñecer en marzo, o tempo de agarda para probas diagnósticas resulta absolutamente inaceptable en catro dos principais servizos do CHUP: 505,3 días para estudos de Otorrinolaringoloxía, 237,7 días para estudos de Dixestivo, 151,5 para estudos do sono e 92,1 nas ecografías para detectar unha cuestión tan delicada como o cancro de mama.

O panorama estatístico repítese nas consultas especializadas do CHUP, onde a media para que un especialista nos poida ver se sitúa en torno aos 70 días (no Hospital do Salnés sitúase en 64,1 días). Oftalmoloxía acumula 4.224 persoas en lista de agarda, Traumatoloxía 3.082 e Neuroloxía 2.134, con tempos que chegan (caso concreto de Neuroloxía) incluso aos cinco meses, simplemente, como apuntou Puentes, «para que o especialista nos poida ver». «No caso de que nos detecten algún tipo de afectación, despois xa deberemos sumarlle toda a tramitación sanitaria que nos quede por diante», indicou.

A situación é tamén moi complicada nun eido tan importante como o das cirurxías, no que a lista de espera do CHUP ronda unha media de 70 días, con dúas das especialidades máis empregadas pola cidadanía, como son Oftalmoloxía e Traumatoloxía, acumulando un maior número de pacientes (1.062 e 876, respectivamente) con esperas de ata tres meses para poder operarse. «É xente -aclarou Puentes- que xa está diagnosticada e que, unha vez que agardou todo o que tivo que agardar (eses tres, catro ou ata cinco meses para que o consultase o especialista), aínda debe esperar tres meses máis para poder someterse a esa cirurxía que necesita».

Castro anuncia unha batería de preguntas ao conselleiro: «A sanidade non pode estar en lista de agarda. Detrás destas cifras hai persoas, historias e enfermidades»

Tal e como subliñou Paloma Castro, «a situación está empeorando de xeito progresivo cada día que pasa, e non por falta de profesionais, que é a escusa que pon sempre a Xunta de Galicia, senón que se debe a unha nefasta xestión sanitaria». Ao seu xeito de entender, «a sanidade segue colapsada, a presión asistencial non deixa de medrar, os cidadáns atopan moitísimas dificultades para obter citas en tempo razoable en Atención Primaria e hai un incremento continuado do tempo de agarda para recibir atención nas diferentes especialidades, o que tendo en conta os tempos acumulados, agrava aínda máis a situación».

A parlamentaria criticou que, a pesar de ser perfectamente consciente do que acontece, a Xunta se limite a «mirar cara a outro lado». «A sanidade -lamentou Castro- non pode estar en lista de agarda, xa que non estamos a falar de números, senón de persoas e da súa saúde. Detrás de cada unha destas esperas hai historias, enfermidades e agravamentos que poderían paliarse ou mellorarse se estes pacientes foran asistidos nun tempo razoable».

En opinión da deputada autonómica, «a sanidade debe ser áxil e accesible e non podemos normalizar que acceder a unha consulta dun especialista ou a unha intervención cirúrxica dependan da paciencia dunha persoa ou do que estea disposta a gastar nun consultorio privado». Castro asegurou que o PSdeG «sempre defendeu unha sanidade pública forte e con recursos», polo que avanzou a súa intención de elevar ao Parlamento Galego unha batería de preguntas en relación aos nefastos datos das listas de agarda «para que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, poida expoñernos que medidas vai poñer enriba da mesa para poder paliar unha situación insostible no tempo».

E o PP que segue a defender o desmantelamento do Provincial…

Para Iván Puentes, tras esta insostible situación «hai non só unha evidente falta de contratación de persoal, moi palpable en Atención Primaria por exemplo, senón tamén unha falta de planificación, de xestión e de recursos económicos destinados á sanidade». «O certo é que nunca houbo tantos médicos formados como os que temos nestes momentos, pero tamén que nunca tivemos unhas listas de agarda tan grandes. En Pontevedra seguimos cunha Xunta e cun PP que están alentando o desmantelamento do Hospital Provincial, cando temos estes datos e estas necesidades. O que defenden é que se desmantele un importante equipamento sanitario que temos na cidade e, polo tanto, que se reduza aínda máis a capacidade de atención que temos agora mesmo», salientou o portavoz do PSOE.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes