Saltar al contenido

¡Síguenos!

O histórico sindicalista e traballador do mar Manuel Souto será homenaxeado nun xantar organizado pola UGT, o PSOE e a Fundación Luis Tilve con motivo do 1º de Maio

  • Actual secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT na comarca de Pontevedra, Arousa e Deza, Souto asumiu entre 1994 e 2001 a coordinación do Sector do Mar no seo da Executiva Federal da UGT e participou en numerosas reunións en Bruxelas con membros da Comisión da UE para abordar directivas e normativas que afectaban á actividade pesqueira

Pontevedra, domingo 26 de abril de 2026.- Como antesala das tradicionais mobilizacións do 1º de Maio, Día Internacional dos Traballadores, a UGT, o PSOE e a Fundación Luis Tilve renderá este ano unha merecida homenaxe ao histórico sindicalista Manuel Souto González, actual secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT na comarca de Pontevedra, Arousa e Deza e referente de compromiso e loita polos dereitos laborais nos sectores da pesca e o mar. O tributo á súa dilatada carreira sindical terá lugar nun xantar que se celebrará o xoves 30 de abril ás 15:00 horas no restaurante La Brisa (Lourido-Poio). 

Traballador en diferentes empresas dos eidos da pesca e do mar, Souto afiliouse á UGT na Coruña en 1979 e, pouco despois, á Agrupación Socialista de Marín, acadando, xunto con outros compañeiros do sindicato, o I Convenio de Pesca na Coruña. Entre 1990 e 1994 responsabilizouse do Sector de Pesca da Federación Provincial de Transporte e Comunicación, participando na xestión do conflito laboral que estalou en 1991 no sector da pesca en Marín e Vigo e que se prolongou durante 60 días, concluíndo cun laudo de obrigado cumprimento.

Entre 1994 e 2001 asumiu a coordinación do Sector do Mar na Comisión Executiva Federal da Federación de Transporte, Comunicación e Mar de UGT, participando nas reivindicacións e negociacións que concluíron nun convenio de eficacia limitada para os traballadores do banco canario-sahariano, e no convenio posterior aplicable á totalidade do sector, así como no convenio do marisqueo en Huelva (entre outras accións destacadas).

Proxección en órganos internacionais

Representando á Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF), foi membro da comisión negociadora do convenio internacional da empresa Albacora, e ocupou a vicepresidencia da sección de Pesca da Federación de Transporte Europea (ETF), na Confederación Europea de Sindicatos (CES), e da propia ITF (con sede en Londres). Participou en numerosas reunións en Bruxelas con membros da Comisión da Unión Europea para abordar cuestións relativas ás directivas e á normativa europea que afectaba ao seu sector, así como coa Organización Internacional de Traballo (OIT) no relativo ós convenios internacionais da mesma.

Tal e como subliña o secretario da Fundación Luis Tilve, Roxelio Pérez Poza, «Manuel Souto tivo unha ampla traxectoria reivindicativa e sindical nun sector complexo que sufría moitas dificultades á hora da negociación colectiva», polo que «personifica á perfección tódolos valores cos que volveremos saír ás rúas neste 1º de Maio».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes