- A proposición, presentada esta mañá polo concelleiro socialista Manuel Fariña, recolle as demandas da comunidade educativa para que, entre outras cuestións, a Consellería acometa a instalación dun ascensor, mellore as malas condicións de illamento térmico, elimine as filtracións de auga, corrixa os escapes de fume da caldeira e reforce a docencia especializada en Atención á Diversidade (Orientación)
Pontevedra, mércores 2 de setembro de 2026.- Como xa aconteceu con outros centros educativos da cidade (CEIP Froebel e Campolongo), a Xunta de Galicia volve repetir a historia e segue a quedar de brazos cruzados ante as demandas da Anpa e a dirección do IES Frei Martín Sarmiento para que se subsanen as graves eivas e deterioracións, tanto infraestruturais como de servizos básicos e de cobertura de persoal docente, coas que o instituto pontevedrés vai afrontar este inicio de curso. Co obxectivo de que a Consellería de Educación escoite estas reivindicacións e afronte as actuacións necesarias sen máis dilacións, os socialistas empregarán o altofalante do primeiro Pleno ordinario que se celebrará tralas vacacións estivais (previsto para o luns 21 de setembro) para instar ao departamento autonómico a desenvolver un Plan Integral de Reforma e Modernización das instalacións do centro, priorizando a instalación dun ascensor, mellorando as malas condicións de illamento térmico, eliminando as filtracións e corrixindo os problemas de fumes da caldeira.
Farao a través dunha proposición presentada esta mañá na Sala de Prensa do Concello polo concelleiro Manuel Fariña no transcurso dunha comparecencia na que estivo acompañado pola viceportavoz municipal do PSOE, Yoya Blanco, e mailo edil Marcos Rey. A proposición rexistrada polos socialistas, na que tamén se incide na necesidade de reforzar a docencia especializada en Atención á Diversidade (Orientación) e o persoal da área de Administración e Servizos (PAS), supón un tirón de orellas á Xunta de Galicia ante unha traxectoria caracterizada «por un histórico e continuado abandono institucional» do IES Frei Martín Sarmiento, marcado «polo incumprimento de promesas, o infrafinanciamento e o desprezo ás necesidades básicas da comunidade educativa».
En concreto, e coa finalidade de corrixir unha situación que «non é froito dun problema puntual, senón de anos de desatención por parte da administración autonómica no marco das súas competencias», o PSOE insta á Consellería de Educación a «elaborar e executar de xeito urxente» un Plan Integral de Reforma e Modernización das infraestruturas do centro, «dotado da partida orzamentaria necesaria para resolver as súas deficiencias estruturais». «A actuación prioritaria -subliñou o edil Manuel Fariña- debe ser a instalación dun ascensor que permita cumprir coa accesibilidade integral imperativa en calquera centro educativo».

Tal e como sinalou, mentres noutros centros se teñen efectuado investimentos de xeito urxente e preferente, «durante máis dunha década, a Xunta ignorou as continuas demandas de mellora e reforma dunhas instalacións que padecen graves problemas de illamento térmico, filtracións e deficiencias en sistemas básicos (o fume da caldeira invade a miúdo o vestíbulo do instituto), parcheados con solucións provisionais que en ningún caso resolven o problema de fondo». Asemade, Fariña referiuse á masificación e falta de espazo pedagóxico denunciados pola Anpa e a dirección nun centro que acolle a un milleiro de alumnos e no que «a Xunta impuxo novas ofertas formativas sen a correspondente dotación de espazos», o que levou á perda de salas específicas e a unha merma na calidade do contorno de aprendizaxe do alumnado.
Na moción tamén se lle solicita ao departamento autonómico «o aumento e adecuación do cadro de persoal docente e non docente, facendo especial fincapé no persoal docente especialista en Orientación e no de PAS, garantindo a cobertura inmediata das baixas e vacantes». Segundo expuxo Manuel Fariña, a política de recortes de persoal da Consellería de Educación traduciuse nunha «carencia crónica tanto de persoal especialista en Orientación como de persoal non docente (Conserxaría, Administración e Limpeza)», o que sobrecarga ao profesorado e prexudica gravemente ao alumnado máis vulnerable.
‘Deberes’ para o Goberno Local
A moción impulsada polo Grupo Municipal do PSOE tamén lle pon diversos ‘deberes’ a un Goberno Local ao que acusan dunha comunicación «mellorable» coa Anpa e a dirección do centro, así como de non resolver con dilixencia as demandas que, no ámbito das súas competencias lles foron trasladadas. Así, os socialistas instan ao Concello de Pontevedra a cambiar a localización das paradas de autobús escolar (situadas actualmente na marxe esquerda da rúa María Victoria Moreno) para a marxe dereita, en paralelo ao paseo dos Gafos, «minimizando así os cruzamentos de vía por parte do alumnado e facilitando o tráfico»; e a sinalar ditas paradas cun horario de uso prioritario para o transporte escolar, tal e como se fai noutros centros do noso municipio.
Un conxunto de actuacións urxentes que queren comprometidas mediante a apertura dunha mesa de diálogo e negociación directa entre Xunta, Concello, dirección e Anpa, que permita concretar nun calendario os investimentos e obras prioritarias que precisa o instituto pontevedrés.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS