Saltar al contenido

¡Síguenos!

Máis de 5 millóns de euros con selo do PSOE para impulsar proxectos clave da cuarta e maior modificación de crédito deste mandato

  • Entre as actuacións que os socialistas acordaron co BNG para aprobar esta modificación inclúense partidas para a reforma integral da Praza de Pasarón; a apertura dos xardíns da Uned en Monte Porreiro; a reposición de herba artificial nos campos de fútbol do Complexo Manolo Barreiro; a adquisición e instalación de novos videomarcadores e sistema de megafonía no Estadio de Pasarón; a creación dun novo parque entre Ernesto Caballero e as vías do tren; a limpeza e conservación do conxunto artístico da Illa das Esculturas; a renaturalización do Lérez entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9; ou a restauración ecolóxica do Gafos entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras
  • O portavoz do PSOE, Iván Puentes, asegura que «nestes tempos, nos que está de moda a política da confrontación, a trincheira e a polarización, nós cremos na política do diálogo o entendemento». «Isto é o que quere a veciñanza dunha cidade tranquila como Pontevedra», sostén
  • Puentes pídelle ao candidato do PP, Rafa Domínguez, que «en lugar de travestirse de Isabel Díaz Ayuso e facernos discursos sobre política madrileña neste Concello, colla unha a unha as medidas que se inclúen nesta modificación de crédito e diga unha soa na que non está de acordo»

Pontevedra, martes 3 de xuño de 2025.- «É un día importante para a cidade, cun acordo entre dúas formacións políticas que pensamos diferente e que temos propostas diferentes para a cidade, pero que somos quen de chegar a acordos e entendementos. Nestes tempos, nos que está de moda a política da confrontación, da trincheira e da polarización, nós cremos na política do diálogo e o entendemento. Coido que isto é o que quere a veciñanza dunha cidade tranquila como Pontevedra e nós, sempre que sexa posible, seguiremos traballando polo acordo». Deste xeito valorou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o novo pacto alcanzado co Goberno do BNG para a aprobación da cuarta e maior modificación de crédito deste mandato (ascende a 28 millóns), que os socialistas lograron nutrir co seu selo nunha trintena de proxectos e actuacións clave que suporán unha inxección de máis de 5 millóns de euros.

O acordo foi escenificado esta mañá na Sala de Prensa do Concello nunha comparecencia conxunta de Puentes co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen se amosou «encantado» e que cualificou esta nova inxección orzamentaria como «un salto adiante no investimento e un impulso enorme para a actividade do Concello e para mellorar a calidade de vida dos veciños». Segundo explicou, «esta é a modificación máis grande que se fixo na historia do Concello», que ao sumarse ao orzamento de 98 millóns aprobado para 2025 (o máis elevado de Pontevedra), «vai darnos a posibilidade de facer cousas que están pendentes, que son necesarias e que significan unha mellora substancial de servizos, equipamentos e todo o que se precisa para mellorar a calidade de vida dos cidadáns». Lores avanzou que «se tódolos trámites pasan ben, a vontade é a de aprobar esta modificación de crédito nun Pleno que se celebrará o día 23 deste mes».

O líder do PSOE indicou que esta «histórica» modificación inclúe un total de 33 actuacións propostas polo seu partido, concretándose «nuns 4,8 millóns de euros de obras ‘físicas’ e outros 300.000 euros para proxectos de obra que abren a porta á súa posible incorporación en futuras modificacións de crédito ou acordos orzamentarios, se chegan». Unhas actuacións que se dividen fundamentalmente, como precisou, «en seis grupos, dos que o máis cuantioso é o que ten que ver cos espazos verdes, a sostibilidade e a loita contra o cambio climático (4,2 millóns de euros); o segundo grupo máis importante é o de novas e mellores instalacións para o deporte de base, fundamentalmente (case 700.000 euros); en terceiro lugar, a mellora do mantemento e das dotacións dos colexios públicos da cidade (153.000 euros); un destinado a fomentar a actividade económica e o emprego; outro para intentar ter uns servizos de seguridade e emerxencias mellor dotados e máis completos; e por último, unha partida que ronda os 40.000 euros para o benestar animal».

Iván Puentes comparou os excelentes resultados acadados polo PSOE na oposición co ‘papelón’ que están a protagonizar «outras formacións políticas, que me gustaría que estiveran sumadas a este acordo, pero que, vistos os precedentes, se tivera que apostar, eu diría que non vai ser así». «Eu lle pediría a Rafa Domínguez, ao candidato do PP, que en lugar de travestirse de Isabel Díaz Ayuso e facernos discursos sobre política madrileña neste Concello de Pontevedra, colla unha a unha as medidas que se inclúen nesta modificación de crédito e diga unha soa na que non está de acordo; que diga que medidas non comparte que xustifiquen o seu previsible voto en contra, porque estou convencido de que non será capaz de atopar ningunha», asegurou.

Na súa opinión, «se non hai razóns para votala en contra, a única razón que ten o Partido Popular é a de facer o único que sabe facer: intentar desgastar e embarrar a acción política no Concello de Pontevedra e poder gañar unhas hipotéticas eleccións como só gañan os mediocres, que é intentando impedir que o Goberno funcione para que a cidadanía sufra e, finalmente, estea cabreada». Non obstante, tal e como lembra Puentes, «a cidadanía de Pontevedra xa lle dixo varias veces a Rafa Domínguez que non confía nese xeito de facer política, e estou seguro de que seguirá a ser así».

Estes son os proxectos e partidas que levan a sinatura socialista:

1. Reforma integral da Praza de Pasarón: 425.000 €

2. Apertura ao público dos xardíns da Uned en Monte Porreiro: 180.000 €

3, 4 e 5. Reposición de herba artificial nos dous campos de fútbol 8 e no campo 1 de fútbol 11 do Complexo Deportivo Manolo Barreiro: 425.000 €

6. Adquisición e instalación de dous videomarcadores para o Estadio Municipal de Pasarón: 100.000 €

7. Adquisición e instalación de novo sistema de megafonía para o Estadio Municipal de Pasarón: 35.000 €

8. Obra para dotar dunha malla protectora a ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso polo barrio de Mollavao: 70.000 €

9. Mellora do patio de Infantil do CEIP Xunqueira 2 (drenaxe e equipamento): 50.000 €

10. Faixa de protección contra incendios na zona forestal entre o Pontillón do Castro e o Monte Acibal: 100.000 €

11 e 12. Expropiación e urbanización de parcelas para a creación dun novo parque entre as rúas Ernesto Caballero e Loureiro Crespo e a vía do ferrocarril: 3.313.215 €

13. Estación pública de inflado de bicicletas na rúa Rafael Areses: 5.000 €

14. Limpeza e conservación do conxunto artístico da Illa das Esculturas: 10.000 €

15. Incremento da partida da asistencia a animais domésticos: 35.000 €

16. Estudo de alternativas para a ubicación do novo centro de protección de animais (antiga canceira municipal): 3.000 €

17. Adquisición dunha mesa de billar homologada para o club Pool Pontevedra: 6.000 €

Achegas vinculadas á redacción de proxectos para vindeiras modificacións de crédito:

18, 19, 20, 21 e 22. Estudos e proxectos técnicos de promoción e fomento do deporte e infraestruturas deportivas (225.000 €):

– Transformación dos campos de fútbol de terra do CEIP Xunqueira 2 e o IES A Xunqueira 1 en campos de herba artificial para a práctica de fútbol, rugby e béisbol

– Dotación de vestiarios femininos no Complexo Deportivo Manolo Barreiro

– Cuberta das gradas de público dos campos de fútbol 8 no Complexo Deportivo Manolo Barreiro e no Campo de Fútbol de Gatomorto

23. Beirarrúa elevada entre o edificio principal e o pavillón do CEIP A Xunqueira 1 para salvar as inundacións do patio: 3.000 €

24 e 25. Transformación en plataforma única e humanización das rúas Almirante Matos e Irmáns Nodales: 64.004,74 €

26. Renaturalización e recuperación da ribeira urbana do río Lérez na súa marxe dereita, entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9 (rúas Rafael Areses, Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán): acordo do orzamento de 2025

27. Recuperación e restauración ecolóxica do río dos Gafos no treito comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida das Corbaceiras: acordo do orzamento de 2025

Outros acordos que non implican consignación orzamentaria:

28. Estudar a viabilidade e os termos de cesión ao Concello de Pontevedra das pistas de petanca, parque infantil e pista polideportiva cuberta en Verducido (conxunto do terreo)

29. Acordo coa Xunta de Galicia e os consellos escolares do CEIP Xunqueira 2 e do IES A Xunqueira 1 para a instalación de herba artificial nos seus campos de fútbol e cesión de uso ao Concello de Pontevedra en horario non lectivo

30. Encargo do estudo de viabilidade do Porto Seco de Leborei e novas zonas de chan industrial en Pontevedra (acordo orzamento 2025)

31. Procurar horas de adestramento e competición en recinto regular e adecuado ao Club Bádminton Ravachol Pontevedra na tempada 25/26

32. Dotación dunha Praza de Bombeiros: 1 sarxento

33. Cobertura de 13 prazas da Policía Local: 8 para cubrir inmediatamente (1 de inspector principal e 7 de policía) e 5 para o vindeiro ano (1 de intendente principal e 4 de policía); estas 13 novas prazas sumaríanse ás 7 de policía que están actualmente en prácticas na Academia, cubrindo por tanto un total de 20 prazas vacantes na Policía Local durante os próximos meses

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes