Iván Puentes asegura que o Concello «debe liderar a solución á crise habitacional que padece a nosa cidade»: aposta por crear unha Oficina Municipal de Vivenda (OMV) e poñer en marcha un programa para incentivar o alugueiro de vivendas desocupadas
- A proposta de Puentes, inspirada nunha iniciativa pioneira xa testada con éxito no municipio de Avilés, estaría encamiñada a que os propietarios de vivendas desocupadas en Pontevedra as poñan en alugueiro para persoas demandantes, abrindo a colaboración a axencias inmobiliarias e creando unha Rede de Axentes Colaboradores con funcións como a captación de vivendas baleiras ou a mediación entre arrendadores e arrendatarios
- Entre outras ferramentas, establecíarase un sistema de seguros, dirixidos tanto ás axencias colaboradoras como a propietarios e inquilinos, con cobertura de danos, impagos, asistencia xurídica… «De cara a evitar que estes incentivos supoñan unha suba indirecta dos alugueiros -sinala Puentes-, realizaríamos unha ‘zonificación’ dos barrios cuns límites máximos de alugueiro por mes, que redunde en que a persoa arrendataria se beneficie non só dun prezo máis baixo que o do mercado libre, senón tamén na sinatura dun contrato de alugueiro tipo»
Avilés/Oviedo, sábado 15 de novembro de 2025.- Convencido de que o Concello debería implicarse dun xeito máis activo na resolución do problema habitacional que padece Pontevedra, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, converterá o acceso á vivenda, en condicións dignas e a prezos accesibles, nun dos seus principais cabalos de batalla do seu proxecto de cidade. Entre as propostas que o socialista pretende implementar para atallar o descontrolado e exponencial incremento dos prezos, en especial no mercado do alugueiro, contémplanse a creación dunha Oficina Municipal de Vivenda (OMV) orientada a asesorar e tramitar diferentes axudas en materia de alugueiro, rehabilitación ou compra, e a posta en marcha dun programa de intermediación no mercado privado de alugueiro, que posibilite que os demandantes de vivenda poidan dispoñer de maiores opcións de arrendamento a prezos razoables.
Estas iniciativas foron anunciadas por Puentes no marco da visita institucional que os concelleiros do PSOE pontevedrés están a realizar por terras asturianas e que esta mañá, ademais dun encontro cos compañeiros da Agrupación Municipal Socialista de Oviedo, tamén incluíu na axenda unha reunión no concello de Avilés, nas oficinas do Pazo de Maqua, co seu concelleiro de Desenvolvemento Urbano e Económico, Manuel Campa, e co responsable de Promoción Empresarial do Ayuntamiento de Avilés, José Luis Vega (de Avilés Empresas), para falar, entre outras cuestións, da experiencia que este municipio, cunha poboación semellante á de Pontevedra (uns 77.000 habitantes), acumulou neste eido, ao longo de 13 anos, a través da Oficina de Vivenda Municipal-Fundación San Martín e de diversos programas de axudas ao pago do alugueiro, a propietarios e tamén en materia de garantía enerxética.
Tal e como lles expuxo Campa aos socialistas de Pontevedra, a OVM de Avilés foi creada en 2008 froito dun convenio de colaboración entre o Principado de Asturias e o Ayuntamiento avilesino coa finalidade de dar servizo de información e xestión en materia de vivenda ao conxunto da comarca, desenvolvendo e xestionando programas co obxectivo de axudar ás familias a sufragar os gastos de vivenda (axudas ao pago do alugueiro, recibos de luz, auga e gas ou gastos de comunidade); ofrecer asesoramento e tramitar as diferentes axudas de vivenda en réxime de alugueiro, rehabilitación ou compra; e coordinar tódolos programas vixentes das distintas administracións públicas (locais, autonómicas ou estatais) nunha ventanilla única. Asemade, o Ayuntamiento de Avilés, a través da Fundación San Martín, iniciou de xeito pioneiro o programa de intermediación ‘Avilés Alquila’, actuando estreitamente coas axencias inmobiliarias, incentivando e ofrecendo garantías ás persoas propietarias e creando unha Rede de Axentes Colaboradores implicados no proxecto con funcións como a captación de vivendas baleiras ou a mediación entre arrendadores e arrendatarios.
Un exitoso modelo que, segundo considera Iván Puentes, «é perfectamente exportable a Pontevedra e amosa que tódalas administracións, incluídos os concellos, debemos involucrarnos activamente en solventar un dos maiores problemas que afrontan os cidadáns, como é o acceso a unha vivenda digna e a un prezo asequible». «Os socialistas xa levamos a Pleno, e logramos a aprobación, de iniciativas destinadas ao control dos exponenciais prezos do alugueiro, e en concreto -lembra- para a declaración da nosa cidade como zona de mercado residencial tensionado (unha declaración que o propio Ayuntamiento de Avilés xa ten en marcha); pero o Goberno Local continúa cunha actitude pasiva, de certa desidia, e sen implicarse nunha das cuestións que máis afoga os petos da nosa veciñanza. Non serve dicir que os concellos temos unhas competencias limitadas nesta materia e o caso de Avilés representa sen dúbida un exemplo notable, con anos de experiencia aplicada».

Deste xeito, seguindo o espírito de ‘Avilés Alquila’, o programa que Puentes pretende implantar na nosa cidade estaría encamiñado a que as persoas propietarias (físicas ou xurídicas) de vivendas desocupadas en Pontevedra as poñan en alugueiro para persoas demandantes, abrindo a colaboración a axencias inmobiliarias que exerzan a súa actividade en locais ou oficinas con atención ao público e aceptando tódolos implicados as condicións establecidas polo Concello. O portavoz do PSOE explica que, mediante o incremento da oferta de alugueiro e co obxectivo último de diminuír os prezos das rendas, «este programa buscaría incentivar aos propietarios a poñer no mercado novas vivendas para o alugueiro, asegurando o bo estado dos inmobles e o cobro do arrendamento, e facilitar o alugueiro co establecemento dunha limitación de prezos».
«Entre as ferramentas para logralo -sinala- empregaríanse incentivos tecnolóxicos e de publicidade e estableceríase un sistema de seguros, dirixidos tanto ás axencias colaboradoras como a propietarios e inquilinos, con cobertura de danos, impagos, asistencia xurídica… De cara a evitar que estes incentivos supoñan unha suba indirecta dos alugueiros, aplicaríamos a mesma receita que xa se testou con moi bos resultados en Avilés: unha ‘zonificación’ dos barrios cuns límites máximos de alugueiro por mes, que redunde en que a persoa arrendataria se beneficie non só dun prezo máis baixo que o do mercado libre, senón tamén na sinatura dun contrato de alugueiro tipo».
Iván Puentes subliña que a Oficina Municipal de Vivenda (OMV) de Pontevedra podería actuar como mediadora, pola vía dalgún convenio específico de mediación con algunha institución ou organismo, nos casos de conflito entre arrendadores e arrendatarios (por solicitude das partes), «buscando unha solución legal e áxil, que proporcione seguridade e confianza e que evite a xurisdición contenciosa e o incremento de custes ás partes». Entre as garantías que recibirían os propietarios incluiríanse seguros multirrisco para o fogar durante os tres primeiros anos, a elaboración de estudos-proposta dos inquilinos con capacidade do pago da renda, seguros por impago do 100% da renda mensual de ata 12 meses (cunha franquía dunha mensualidade) durante un máximo de 5 anos ou a duración do contrato de alugueiro e seguros por actos vandálicos ou de mala fe ao finalizar o contrato (vencellado ao propio seguro multirrisco ou ata un máximo de 3.000 euros).
«O programa Avilés Alquila suma xa 683 contratos asinados desde o seu inicio», apuntou Puentes.
Rehabilitación de vivendas mediante unha sociedade urbanística municipal: o caso de Ruasa
Outra das iniciativas que o portavoz do PSOE pretende desenvolver para incrementar o parque de vivenda pública da nosa cidade, facilitar a emancipación da mocidade pontevedresa e, ao mesmo tempo, abordar o rexuvenecemento integral da poboación dos nosos barrios, pasa polo impulso de proxectos de iniciativa municipal para a rehabilitación de inmobles. Neste ámbito, tamén o concelleiro Manuel Campa puxo sobre a mesa os éxitos acadados polo Ayuntamiento de Avilés a través da sociedade urbanística municipal Ruasa (Rehabilitacións Urbanas Avilés, SAU), orientada á promoción e construción de vivenda protexida, así como á rehabilitación e reforma de inmobles (sobre todo no casco histórico).
Entre os traballos impulsados mediante Ruasa inclúese a reforma das coñecidas como Vivendas dos Mestres, situadas no barrio da Luz, coa finalidade de destinalas ao alugueiro para familias xoves con limitados ingresos anuais e menores de 35 anos que sexan asalariados e emprendedores. O resultado foron un total de 30 vivendas distribuídas en catro bloques de 1, 2 e 3 dormitorios, un local de uso común e unha praza de estacionamento por fogar. Os alugueiros fixados para 2025 foron de 350 euros/mes para as vivendas dun dormitorio con 40,95 m2 (para unidades dun ou dous membros); de 400 euros/mes para as de dous dormitorios con 66,55 m2 (unidades cun máximo de 4 membros); 450 euros/mes para as de 3 dormitorios con 91,17 m2 (unidades de 3 a 5 membros); e 400 euros/mes para as de 2 dormitorios en planta baixa con 64,49 m2 (para un máximo de 4 membros e preferencia ás unidades cun membro con mobilidade reducida).
Unha fórmula que, en opinión de Iván Puentes, «resultaría tremendamente efectiva en Pontevedra para aumentar a oferta inmobiliaria, favorecer a emancipación da mocidade e establecer alugueiros a prezos que sexan accesibles para todo o mundo».
Axudas a negocios e empresas locais
Coa finalidade de ofrecer nun único espazo tódolos servizos para empresas e emprendedores cunha idea de negocio, Avilés puxo en marcha o Centro de Empresas La Curtidora. As axudas que o concello avilesino dirixiu desde este centro neurálxico a negocios que iniciaban a súa actividade e a formar a empresas locais en estratexias de sostibilidade tamén centraron o interese de Iván Puentes, quen considera que «este tipo de inxeccións económicas son imprescindibles para favorecer e botarlles unha man aos emprendedores e pequenos comerciantes e para que poidamos ir da man cos nosos empresarios á hora de impulsar un desenvolvemento sostible e concienciado dos efectos do cambio climático». «Francamente, Pontevedra ten aínda bastantes eivas en ámbolos aspectos e estas iniciativas de dinamización económica e promoción do emprego son máis que factibles para o noso Concello», sostén.
No que atinxe ás axudas ao inicio de actividade, o Ayuntamiento de Avilés destinou este ano máis de 80.000 euros a 45 negocios que comezaron a funcionar durante 2024: ata un máximo de 2.000 euros para sufragar gastos tales como os custes de alugueiros, certificados de seguridade, seguros do local, altas en subministracións, compra de mercadorías e existencias para o desenvolvemento da actividade. Un tipo de axudas que, en opinión de Iván Puentes, «son totalmente asumibles para o Concello de Pontevedra, tanto a nivel económico como de xestión administrativa, e que moitos comerciantes de diferentes barrios da cidade nos veñen demandando desde hai tempo nas reunións que mantivemos con eles».

En relación á formación en estratexias de sostibilidade, seguindo unha vez máis o exemplo de iniciativas xa testadas con éxito en Avilés, o portavoz municipal do PSOE propón a implementación dun programa (Pontevedra Sostible) que apoie, de xeito gratuíto e previo proceso de selección, a unha serie de empresas «na elaboración dun Plan Estratéxico de Sostibilidade que lles permita mellorar a súa competitividade e capacidade de supervivencia». «Como acontece no caso de Avilés, a loita contra o cambio climático debe ser unha absoluta prioridade para Pontevedra -asegura- e este tipo de formacións (coa combinación de aulas conxuntas e consultorías individualizadas) permiten fomentar a implicación activa das empresas locais na sostibilidade, promovendo a redución do impacto ambiental das súas actividades mediante a elaboración de plans estratéxicos responsables e aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible».
Recepción na Casa do Pobo de Oviedo
A comitiva pontevedresa pechou a rolda de visitas institucionais da xornada de hoxe cunha recepción que os compañeiros da Agrupación Municipal Socialista de Oviedo/Uviéu lles brindaron na Casa do Pobo da capital asturiana. Iván Puentes e os concelleiros do PSOE de Pontevedra mantiveron un encontro co seu portavoz municipal, Carlos Fernández Llaneza; a súa secretaria xeral, Delia Losa; o seu secretario de Organización, Mario Pelaez; o secretario de Política Municipal, Manuel Ángel Valle; e mailos concelleiros Natalia Sánchez Santa Bárbara, responsable de Deportes e Educación, e Jorge García Monsalve, secretario de Estratexia. A reunión serviu para intercambiar impresións sobre os proxectos e necesidades das respectivas cidades, poñendo o acento na necesidade de potenciar a presenza pública en determinados servizos, en especial o de recollida e tratamento do lixo, ou na promoción de vivenda social.







Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS