Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes amósase «optimista» sobre a posibilidade de chegar a un acordo para aprobar os orzamentos de 2025 ao ver «unha vontade máis construtiva e dialogante» por parte do BNG: «O único ingrediente necesario é que haxa vontade de acordo por ámbalas partes»

  • O portavoz do PSOE considera que os nacionalistas comezan a asumir «que non teñen maioría, que están nunha situación máis precaria e que o noso partido é único fiable, confiable e co que se pode falar e negociar en positivo»
  • «Era necesario chegar ao extremo ao que chegamos coa cuestión de confianza? Eu creo sinceramente que non», sostén Puentes

Pontevedra, 11 de decembro de 2024.- O portavoz do PSOE, Iván Puentes, amosouse esta mañá «optimista» sobre a posibilidade de chegar a un acordo co BNG para aprobación dos orzamentos municipais de 2025, asegurando que «a día de hoxe hai unha vontade e unha posición máis construtiva e dialogante» que a exhibida hai un ano «por parte do Goberno Local, tanto do alcalde como do concelleiro de Facenda». Na súa opinión, os nacionalistas «asumiron que non teñen maioría e están nunha situación máis precaria da que estaban no mandato anterior, cun goberno en minoría e dous concelleiros menos, e que o PSOE é o único partido da oposición fiable, confiable e co que se pode falar e negociar en positivo», xa que co PP limítase a «votar a todo que non, buscar o mal-peor e desgastar ao Goberno para tentar gañar unhas eleccións pola vía de impedirlle facer as cousas». «Quen paga iso -matizou,- non é o BNG, senón os veciños e veciñas de Pontevedra, que non ven solucionados os seus problemas».

Puentes aclarou que as negociacións se atopan aínda nunha fase moi incipiente, na que estamos intercambiando proxectos e discutindo contías, polo que o tempo dirá se a actitude do BNG «se transforma non só nunha vontade, senón nunha realidade, e podemos ter ese orzamento pactado e negociado». «Por nós non vai quedar, sempre e cando -advertiu- haxa efectivamente vontade de acordo e todos asumamos que hai outros axentes que teñen propostas que deben ser escoitadas e negociadas. Mesmo naquelas cuestións nas que temos puntos de vista diferentes e posicións que non compartimos, seguro que, se hai vontade, existen vías intermedias para poder chegar a entendemento».

Segundo indicou, as propostas que o PSOE está a poñer sobre a mesa «están relacionadas con cuestións que fomos presentando a través de diferentes mocións ao longo destes case dous anos de mandato municipal, que foron tratadas e acordadas en modificacións de crédito, que os veciños e veciñas nos foron trasladando neste tempo e que teñen que ver coa vivenda, o emprego, a creación e asentamento de empresas en Pontevedra, a mellora dos Servizos Sociais e a atención ás entidades, a escola pública… E que en xeral forman parte das preocupacións fundamentais da cidadanía». 

Puentes afirmou que, ao igual que o ano pasado, o seu partido «non ten liñas vermellas, está aberto ao diálogo e é favorable a que haxa un entendemento», xa que «o mellor que lles pode pasar aos veciños e veciñas de Pontevedra é que a cidade teña un orzamento pola vía ordinaria en 2025, cunha maioría plenaria que se poña de acordo para aprobalo». «O único ingrediente necesario para que isto sexa posible -puntualizou-, é que haxa vontade de acordo e diálogo por ámbalas partes, algo que o BNG non tivo para os orzamentos de 2024».

O portavoz socialista sostén que as contas que se aproben para 2025 deben ser «de síntese entre as propostas do BNG e do PSOE, coincidentes en moitos casos, diverxentes noutros, pero eu coido que con capacidade de entendernos e de chegar a un acordo polo ben da cidadanía». Iván Puentes tamén fixo fincapé nos numerosos proxectos que inicialmente os nacionalistas rexeitaron á hora de negociar os orzamentos deste ano e que, co paso dos meses, si quixeron executar, como aconteceu coas balsas de inundación de Valdecorvos, o incremento de cartos para o mantemento dos colexios públicos, o aumento de persoal para os Servizos Sociais, duplicar as subvencións para os clubs deportivos municipais, o plan de mantemento de camiños rurais…

«Se hoxe collemos o decálogo que o PSOE presentou hai un ano para aprobar o orzamento, practicamente todo, salvo o que ten que ver coa negociación colectiva dos traballadores do Concello, foi incorporado despois, dun xeito ou doutro, pola vía das modificacións de crédito, cando non había mocións de confianza e os votos socialistas eran necesarios. Era necesario chegar ao extremo ao que chegamos coa cuestión de confianza? Eu creo sinceramente que non».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes