Iván Puentes alerta da proliferación de ‘cemiterios’ de coches abandonados en diversas zonas de Pontevedra e insta ao Goberno Local a retomar con urxencia o servizo de retirada e desguace de vehículos das vías públicas: «O incendio do Seat Ibiza de Mollavao amosa que son bombas de reloxería»
- Puentes lamenta que o Concello fixera «caso omiso das advertencias» que os veciños e os propios socialistas lle trasladaron tras unha recente visita ao barrio e asegura que «os catro anos sen retiradas traducíronse en máis dun centenar de coches abandonados en barrios, parroquias e en case tódalas rúas do centro urbano»
Pontevedra, luns 24 de agosto de 2026.- O perigoso incendio sufocado polos Bombeiros este domingo nun Seat Ibiza abandonado e destartalado en Mollavao, baixo a ponte da autoestrada AP-9, é en opinión do Grupo Municipal do PSOE «só a punta do iceberg dun problema provocado por catro anos de mandato sen servizo de retirada de vehículos da vía pública». Un problema que se está a agravar cada vez máis, rebordando en diversas zonas de Pontevedra, e que, como denuncia o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, traduciuse na presenza de máis dun centenar de coches convertidos en chatarra «en barrios, parroquias e, tamén, en case tódalas rúas do centro urbano».
En opinión de Puentes, «as lapas que calcinaron o Seat Ibiza de Mollavao poñen de manifesto que estes vehículos abandonados supoñen unha ameaza sanitaria e unha auténtica bomba reloxería, ao xerar puntos de ‘trapicheo’ e consumo de substancias ilícitas e unha acumulación de lixo que supón un perigoso combustible». «O máis preocupante é que este incendio foi algo anunciado e que se podía ter evitado. Este Seat Ibiza -lamentou- estivo máis dun ano abandonado no Campo da Torre (San Roque) e, cando o Concello o retirou de alí, en lugar de levalo ao depósito ou a desguazar, decidiu inexplicablemente recolocalo en Mollavao. Os socialistas xa advertimos deste perigo no mes de maio, tras visitar o barrio e manter unha reunión coa súa Asociación de Veciños… Pero o Goberno Local fixo caso omiso das nosas advertencias e das dos propios veciños».




Unha práctica de ‘reubicación’ que se ten detectado de xeito palpable en Mollavao, pero que tras todo un mandato sen realizarse a retirada de practicamente ningún vehículo, tamén agroma noutros ‘cemiterios’ de coches abandonados en Valdecorvos, o aparcadoiro de Tafisa, Ponte Sampaio, Xeve e as diversas arterias do centro urbano. «Instamos ao Goberno Local a retomar con urxencia o servizo de retirada, desguace e tratamento de coches abandonados nas vías públicas, xa que, de non actuar, falamos dun problemón que, ademais, tamén afecta á supresión de moitísimas prazas de estacionamento no noso concello», subliñou.
Non obstante, o propio Iván Puentes abordou no pasado mandato, cando estaba á fronte da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, unha intensa campaña de retirada de coches abandonados, ao entender que, xa naquel momento, se trataba dun importante cabalo de batalla para previr consecuencias sanitarias e incidentes tan perigosos como o acontecido onte.


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS