Saltar al contenido

¡Síguenos!

As demandas dos veciños de Mollabao serán defendidas no Pleno polo PSOE a través dunha moción que reclamará a dotación de novos espazos de lecer e deporte ao aire libre baixo o viaduto da AP-9 e a realización de obras de urbanización e cambios de sentido en rúas transversais a Rosalía de Castro

  • A iniciativa plenaria, na que tamén se lle esixirá á Xunta que reubique a zona de xogos infantís e o parque biosaludable previstos inicialmente diante da gasolineira de Repsol, foi anunciada polos socialistas Iván Puentes e Marcos Rey tras unha camiñada polo barrio acompañados por membros da directiva da nova Asociación Veciñal de Mollabao

Pontevedra, xoves 28 de maio de 2026.- Caderno en man e acompañados por membros da directiva da nova Asociación Veciñal de Mollabao, os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey achegáronse hoxe ata o barrio pontevedrés para realizar con eles unha camiñada por diversos puntos do mesmo e que serviu para verificar os graves problemas de abandono e deterioración que vén arrastrando nestes últimos anos. Conscientes de que esta zona da cidade, cuxo desenvolvemento quedou hipotecado pola implantación da factoría de Ence e a construción da ponte da autoestrada AP-9, debe ter prioridade de actuación no que queda de mandato, o portavoz municipal do PSOE anunciou considera esencial que, na concreción dos proxectos de humanización e urbanización previstos, se teñan moi en conta as demandas dos veciños e veciñas. Con tal motivo, Puentes avanzou a súa intención de impulsar unha moción plenaria na que se recollan as peticións máis importantes.

Tralo ‘roteiro’ cos voceiros veciñais, o líder socialista ratificou que Mollabao «é un dos barrios de Pontevedra que desde logo ten máis necesidades de atención e de investimentos por parte do Goberno Local. Segundo explicou, a visita cos membros do colectivo que preside Mateo González centrouse fundamentalmente en tres áreas de intervención, con diversas propostas en cada unha delas.

«En primeiro lugar, sobre a parte baixa do viaduto da autoestrada AP-9, onde o Partido Socialista tiña traballado xa no seu momento cando formaba parte do Goberno Municipal. Coincidimos cos veciños e veciñas -sinalou- en que debe ser aproveitada, ademais do estacionamento que pretende crear o actual equipo de Goberno, para xerar nesa zona novos espazos de lecer para a cidadanía».

Tal e como apuntou, o PSOE, ao igual que a veciñanza, entende que espazo comprendido entre a ría e a rúa Rosalía de Castro «debe estar destinado precisamente a esta finalidade de ocio, esparexemento e deporte ao aire libre, mentres que a zona entre Rosalía de Castro e a parte final do viaduto cara ao sur é a máis axeitada para acoller o estacionamento».

Outra das cuestións que se abordaron durante a reunión tivo que ver co deseño e as obras programadas para a reurbanización de Rosalía de Castro e dese novo vial que, a través da ‘parcela dos circos’, derivará cara á ría desde a estrada vella de Marín. «Aí coincidimos con eles en aproveitar esta actuación para efectuar diversas obras de mellora nas rúas transversais a Rosalía de Castro, con cambios de sentido de circulación e a humanización e reurbanización dalgunhas desas vías (que a reforma prevista polo Concello quere inicialmente deixar á marxe)».

Paradas de bus que desapareceron e unha zona de xogos infantís e un parque biosaludable que foron suprimidos

Un dos puntos que os socialistas reclamarán na súa moción está vencellado ás obras que a Xunta de Galicia executa na estrada vella a Marín, que, como afirmou Iván Puentes, «aínda non están rematadas e que xa sofreron varias modificacións por parte da Administración autonómica». Recollendo as demandas veciñais, o PSOE esixirá que se efectúen «varias modificacións que nós entendemos totalmente apropiadas, entre elas a de recuperar a execución dunha zona de xogos infantís e un parque biosaludable que estaban previstos diante da gasolineira de Repsol, aos que se ían destinar 70.000 euros e que foron suprimidos pola Xunta».

«A Xunta -engadiu- parece que non os quere executar e o que os veciños propoñen, con toda a lóxica do mundo, é que cando menos se poida reubicar nun espazo próximo ao que sería a zona verde proxectada no contorno de Malvar».

Por último, o líder do PSOE pontevedrés incidiu na necesidade «de falar coas empresas concesionarias do servizo de autobús para que continúen a facer parada nos puntos nos que as facían antes de que se iniciasen as obras e que, segundo denuncian os veciños, a día de hoxe sáltanse en moitas ocasións».

«En definitiva, diversas actuacións e demandas que os veciños e veciñas nos demandan, todas elas razoables e executables, e que o Partido Socialista transformará nunha moción que será levada proximamente ao Pleno do Concello de Pontevedra co obxectivo de instar, tanto ao Goberno Local como á Xunta de Galicia e ao Goberno de España (as tres administracións implicadas nos proxectos en marcha en Mollabao), a impulsalas e executalas; a que pouco a pouco, con pequenos pero constantes pasos, vaiamos mellorando a calidade de vida da veciñanza de Mollabao».

Puentes quixo tamén poñer en valor o entusiasmo e orgullo de barrio que lle transmitiron os membros da Asociación de Veciños de Mollabao, destacando o feito de que «xente tan nova e tan capacitada decida poñer unha parte do seu tempo libre para defender os intereses dun barrio cheo de potencial». 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes