Saltar al contenido

¡Síguenos!

As claves do acordo entre PSOE e BNG para a aprobación dos Orzamentos de Pontevedra para 2025: unha vintena de proxectos e melloras coa sinatura socialista

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz socialista, Iván Puentes, asinan o documento que garante a aprobación dunhas contas que xorden froito «do mellor que pode haber en política, que é o consenso, o diálogo e a capacidade de poñerse de acordo en beneficio dunha cidade e dos seus veciños e veciñas». «Creo na política do consenso, fronte a outros que cren na confrontación permanente e na política de terra queimada», asegura Puentes

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2025.- «Culminamos con esta sinatura dous meses de negociacións para poñernos de acordo nun orzamento e, polo tanto, sobre o que queremos facer en Pontevedra neste 2025. Como acontece sempre que hai acordos, este non sería o orzamento que faría o PSOE en solitario, nin o que faría o BNG en solitario, pero iso non é unha debilidade, senón unha tremenda fortaleza: este orzamento xorde do mellor que pode haber en política, que é o consenso, o diálogo e a capacidade de poñerse de acordo en beneficio dunha cidade e dos seus veciños e veciñas. Creo na política do consenso, fronte a outros que cren na confrontación permanente, que dá moitos titulares, pero non nos leva a ningún lugar ou cando menos a ningún lugar bó». Deste xeito valorou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o acordo asinado esta mañá co alcalde, Miguel Anxo Fernández, para garantir a aprobación das contas deste ano, que serán as máis altas da historia de Pontevedra (superarán os 98 millóns de euros).

Puentes ironizou sobre o anunciado voto en contra do PP, asegurando que «se tivese tan claro que me toca a Lotería como que o PP ía votar que non ao orzamento, sería bastante rico a día de hoxe». Na súa opinión, os ‘populares’ fixeron o que mellor se lle dá a Rafa Domínguez, «que é a política de terra queimada, votar que non a todo e tentar desgastar ao máximo a quen está gobernando a costa de non darlle ‘alimento’ e de privarlle dos cartos necesarios para facer as actuacións que os veciños reclaman». «Eu non o comparto. Cando hai posibilidade de acordo, o valente e o responsable é chegar a acordo. Iso é o que os veciños nos piden, que por enriba das diferencias, sexamos capaces de poñernos de acordo. Quero que, dentro de dous anos, os veciños fagan un balance do que lle deben a Rafa Domínguez e do que lles deben ao PSOE e ao BNG neste mandato. De momento, en 2024 e 2025, a Rafa Domínguez non lle van deber nada», subliñou.

A boa sintonía vivida nestas negociacións tamén foi transmitida polo rexedor municipal, quen agradeceu «especialmente o talante, a disposición e o compromiso do PSOE para aprobar este orzamento e para que poidamos traballar conxuntamente en mellorar a calidade de vida da xente, en avanzar e en mirar cara ao futuro». Segundo explicou, son «uns orzamentos de futuro, que nos van permitir adiantarnos aos retos que están por chegar ao longo dos vindeiros anos», que teñen como eixos fundamentais «a adaptación contra o cambio climático, a mellora da calidade de vida de tódolos veciños e veciñas, a promoción e proxección da cidade e a continuidade do mantemento de espazos e equipamentos públicos». 

Lores destacou a importancia de chegar a este acordo «cos seus socios preferentes de Goberno, historicamente», admitindo que «en 25 anos, se esta cidade avanzou foi porque tivemos o apoio do PSOE, estivese no Goberno ou non». «Se non, non poderiamos ter chegado a onde chegamos. Agardo que poidamos seguir así, porque ao final o que nos move a todos é continuar avanzando e situando a Pontevedra como referente de moitas cousas», afirmou.

🌹O acordo acadado co Goberno Local para a aprobación dos Orzamentos de Pontevedra para 2025 fundaméntase nunha vintena de aportacións e melloras que o Grupo Municipal do PSOE considera esenciais. Os compromisos clave acadados nesta negociación que levan a sinatura socialista son os seguintes:

1. Renaturalización da ribeira urbana do Lérez e do Verdugo: redacción dos proxectos de execución material das obras de renaturalización e recuperación da ribeira urbana do río Lérez na súa marxe dereita, entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9 (rúas Rafael Areses, Xoan Manuel Pintos e Domingo Fontán); rematando, tamén, o proxecto da chamada “parcela dos circos” en Mollabao e supervisando co Ministerio para a Transición Ecolóxica a licitación e contratación das obras para a recuperación da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio (50.000 €).

2. Proxecto de recuperación do Ben de Interese Cultural (BIC) das Aceñas do Lérez: no treito comprendido entre a avenida de Bos Aires, a praia fluvial, o salóns do Lérez, o contorno do Mosteiro de San Bieito e a Illa das Esculturas; en base ao plan financiado en 2022 pola Xunta e o Goberno de España dentro da convocatoria de ‘Proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico’, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da UE (50.000 €).

3. Parque de Valdecorvos (inundacións Fernando Olmedo): redacción do plan de mellora ambiental, paisaxística e de usos de lecer da zona verde situada ao longo do rego de Valdecorvos, en paralelo á rúa Prado Novo, integrado co proxecto para crear balsas de inundación natural e previr os recorrentes asolagamentos na rúa Padre Fernando Olmedo (15.000 €).

4. Río dos Gafos: redacción do proxecto de execución material para a recuperación e restauración ecolóxica do río dos Gafos no treito comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida das Corbaceiras, dando continuidade ao xa executado entre a rúa da Tablada e Xeneral Rubín e ao pendente de contratación no tramo soterrado que discorre por Campolongo (50.000 €).

5. Mellora da mobilidade no contorno de San Roque e Raíña Vitoria: elaboración dun estudo de mobilidade que oriente a ordenación de tráficos e o uso do espazo público nesta zona, desde o Campo da Torre ata a rúa dos Palamios (25.000 €).

6. Praza de Mollabao: urbanización da parcela situada baixo a ponte da autoestrada AP-9, entre a rúa Rosalía de Castro e o Parque de Educación Viaria, instalando previamente a rede de protección entre ambos taboleiros da ponte para evitar a caída de obxectos (47.572 €).

7. Parque entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires: execución do novo parque infantil e das obras de axardinamento e mellora de todo este espazo, unha vez se materialice a cesión dos terreos por parte da Xunta (280.000 €).

8. Prezo da vivenda: completar os trámites para a declaración de Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado (sen necesidade de consignación orzamentaria).

9. Chan industrial: elaboración dun estudo para a ubicación e xeración de novo chan industrial en Pontevedra, en particular no que atinxe á creación dun Porto Seco en Leborei, na parroquia de Cerponzóns (50.000 €).

10. Mantemento de colexios públicos: consolidar o incremento de 200.000 € realizado nesta partida (a través das modificacións de crédito de 2024), ata situala en 400.000 €/ano, tendo en conta esta contía anual para a futura licitación do novo contrato en 2025.

11. Subvencións a entidades deportivas: incremento dun 10 % (equivalente ao IPC desde 2021) nas subvencións anuais, convocando en 2025 as axudas correspondentes ao período 2025-2026 (uns 30.000 € máis). 

12. Circuíto de pump track: xestionar co Instituto Galego de Vivenda e Solo a cesión ao Concello de Pontevedra das parcelas sobre as que se sitúa o circuíto BTT de Monte Porreiro e, unha vez que estean cedidas, estudar a transformación deste espazo nunha pista de pump track (sen necesidade de consignación orzamentaria).

13. Incremento do Contrato de Pequenas Obras de Reparación e Acondicionamiento nas Vías Públicas Rurais de Pontevedra: destinando aproximadamente 100.000 euros máis para o mantemento de camiños e 480.000 máis para apertura de novos camiños e obras maiores nos xa existentes, achegando o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE propostas de actuación concretas que serán estudadas xunto co do BNG (incremento en 580.000 €).

14. Centros socioculturais: executar un programa plurianual de mantemento e mellora dos centros sociais dos barrios e parroquias do Concello, destinando aproximadamente 200.000 € para mantemento e 200.000 para obras maiores nestes espazos (400.000 €).

15. Saneamento: redacción dun plan para a extensión da rede de saneamento municipal que, en paralelo ás obras contempladas no contrato de concesión de Viaqua, permita completar dita rede en todo o termo municipal, dándolle este servizo ás vivendas que quedan excluídas no antedito contrato (15.000 €).

16. Saneamento en Ponte Muíños: conexión á nova rede de saneamento das vivendas pendentes en Ponte Muíños, con financiación a cargo do canon de Viaqua (100.000 €).

17. Rede de desfibriladores DEA/DESA: compra e instalación de 10 desfibriladores externos, 3 móbiles para Policía Local, Bombeiros e Protección Civil e 7 para instalacións municipais e puntos centrais da vía pública (15.000 €).

18. Rede de cambiadores inclusivos do Concello de Pontevedra: transformación de, polo menos, dous aseos de dependencias institucionais ou locais comerciais en cambiadores inclusivos completos, non só para persoas ostomizadas (100.000 €).

19. Benestar Social: incremento do persoal da Área de Benestar Social, cubrindo con carácter inmediato a praza vacante de técnico/a A2 que existe na actualidade e a de administrativo/a que quedará vacante por xubilación. Ademais, na primeira modificación do cadro de persoal que se remita a Pleno no ano 2025, crearase unha nova praza de traballador/a social. Procurarase, na medida do posible, garantir o carácter estable e permanente dos postos de traballo desta área (100.000 €).

20. Carreira profesional dos traballadores/as do Concello de Pontevedra: creación dunha partida específica para a análise da carreira profesional do plantel municipal, dotándoa neste 2025 do orzamento necesario para o estudo previo e o inicio dos traballos (irase suplementando a partida coa cantidade de cartos precisa).

21. Produtividade dos traballadores do Concello de Pontevedra: incrementar ata os 200.000 euros a partida de produtividade, duplicando os cartos destinados a esta fin e acordando uns criterios obxectivos de reparto efectivo destes cartos entre os traballadores durante o 2025 (aumento en 100.000 €).

22. Normativa municipal. Rematar a emisión de informes e a tramitación dos expedientes correspondentes ás tres proposicións normativas rexistradas polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no ano 2024:

1- Modificación da Ordenanza Municipal Reguladora da Venda Ambulante para trasladar a feira semanal.

2- Modificación da Ordenanza Municipal Reguladora da Mobilidade Amábel e da Utilización dos Espazos Públicos no Concello de Pontevedra para favorecer o transporte de menores e o uso de remolques en bicicleta.

3- Iniciar a tramitación da Ordenanza Municipal de Protección, Benestar e Tenza de Animais de Compañía do Concello de Pontevedra.

🌹O acordo tamén se fundamenta na execución, ao longo de 2025, daqueles pactos acadados entre os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE para a aprobación das modificacións de crédito tramitadas nos exercizos 2023 e 2024, incorporando ao orzamento de 2025 aquelas que legalmente sexa posible. Deste xeito, aos 2.207.572 € dos novos compromisos acadados (1,4 millóns de € de investimento, 545.000 € en axudas e mantemento e 200.000 en persoal), hai que sumarlle 1.931.627,45 € de compromisos en vías de execución mediante modificacións de crédito. Así, as melloras e proxectos negociados polo Partido Socialista ascenden a un total de 4.139.199,45 €.

🌹Os acordos pendentes:

1. Modificación de crédito 8/2023: incorporar directamente ao orzamento de 2025 e executar as seguintes actuacións:

✔️ Convenio coa Asociación Os Palleiros para o funcionamento da canceira municipal, regularizando o seu financiamento: 40.000 €

✔️Execución dos proxectos incluídos no PSTD (Plan de Sostibilidade Turística en Destino): 

– Continuación da Vía Verde do Salnés ata Pontevedra: 576.888 €.

– Programa de iluminación de espazos naturais (Illa das Esculturas e Xunqueira de Alba): 218.562 €.

– Conexión peonil Alba-Parque da Tomba200.000 €.

2. Modificación de crédito 11/2023: incorporar vía modificación de crédito ao orzamento de 2025, licitar e contratar, as seguintes obras: 

✔️ Reforma integral da Praza de Pasarón399.985,04 €.

✔️Apertura ao público dos xardíns Uned151.193,41 €.

✔️Obra para dotar dunha malla protectora a ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso polo barrio de Mollavao45.000 €.

3. Modificación de crédito 4/2024: incorporar directamente ao orzamento de 2025, licitar e contratar:

✔️Reforma paisaxística das zonas axardinadas das rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña (Monte Porreiro): 299.999 €.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes