- O delegado da institución pública, David Regades, asegura estar á espera de que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lle propoña posibles emprazamentos para a posta en funcionamento do centro de emprendemento: «Estaremos encantados de que sexa canto antes. Queremos darlle velocidade a esa idea»
- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, insta ao Concello «a poñerse mans á obra» cunha iniciativa incluída «dentro do acordo orzamentario para 2026», no que tamén se contempla «o desenvolvemento do convenio para xerar novo chan industrial en Pontevedra»
Pontevedra, luns 16 de marzo de 2026.- O delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, ratificou esta mañá o compromiso da institución pública de poñer en marcha o centro de negocios e emprendemento proxecto polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, na cidade de Pontevedra. Regades asegurou que «nestes momentos, temos presenza xa en moitos lugares da provincia, como Baiona, Nigrán, Vigo, Gondomar, Salvaterra, Redondela… E estariamos encantados de contar tamén cun emprazamento aquí, en Pontevedra, onde existe unha vocación innovadora e empresarial».
Esta aposta decidida de Regades polo centro de emprendemento foi expresada no marco dunha visita á nosa cidade para participar no acto de entrega de premios da Xornada StartTic, organizada pola Zona Franca e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía en colaboración con Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) para impulsar unha incubadora de alta tecnoloxía. Tal e como lembrou o delegado especial do Estado, o proxecto foi tratado nunha reunión que, a instancias de Iván Puentes, mantiveron hai uns tres meses o propio Regades e mailo alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores.
«Naquel encontro -subliñou- marcámonos como obxectivo que, no primeiro trimestre do ano se ubicaría un espazo para poder poñer en funcionamento ese centro de emprendemento, promoción económica e apoio á economía en Pontevedra. O alcalde dixérame que si, que o Concello de Pontevedra ía plantexar posibles emprazamentos, e pola nosa banda estaremos encantados de que sexa canto antes. Queremos darlle velocidade a esa idea».

Neste sentido, Regades afirmou que a Zona Franca está «agardando a que nos dean esas posibles ubicacións e imaxínome que, no que queda de marzo, chegarán esas propostas. Estudarémolas con moito agarimo e, sobre todo, con moita celeridade e con moita eficacia». O delegado do Consorcio cre que a posta en marcha do centro de negocios e emprendemento pode perfectamente seguir a vía da colaboración e as accións formativas do proxecto StartTic, financiado con fondos da UE (que ademais achega o 60% de 3,5 millóns de euros para construír un edificio que albergue unha aceleradora de alta tecnoloxía para empresas tecnolóxicas en Vigo).
«Non descartamos -apuntou- que, para o modelo que queremos desenvolver na cidade de Pontevedra, busquemos outras alianzas. Si que cremos que, por lealdade institucional, debemos facelas en colaboración co Concello. No seu día recibimos o encargo que nos fixo Iván Puentes, falamos co alcalde e seguiremos adiante con esa idea».
Puentes: «Pontevedra non pode quedar fóra desa rede que xa está dando oportunidades a milleiros de emprendedores de toda a provincia»
O portavoz municipal do PSOE agradeceu as Regades a súa aposta por Pontevedra e pola súa integración dentro da rede de áreas empresariais e de centros de negocios da Zona Franca, afirmando que «a capital da provincia non pode estar fóra desa rede que xa está dando oportunidades a milleiros de emprendedores no conxunto da provincia». En opinión de Puentes, a vontade do Consorcio é clara e só falta que o Concello «se poña mans á obra», xa que «ademais do encontro que Redades e Lores mantiveron hai uns meses, no acordo orzamentario para 2026 entre o Partido Socialista e o BNG está incorporado o avance nesta liña e está incorporado que en 2026 se atope ese lugar para o centro de negocios e se desenvolva o convenio para xerar novo chan industrial e para xerar unha área empresarial de xeito inmediato que nos permita asentar industria, máis emprego e máis oportunidades de vida plena para os nosos veciños e veciñas».
Puentes aclarou que, alén da proposta para crear esas bolsas de chan industrial en Leborei (Cerponzóns), «que é unha proposta máis entre as posibilidades plantexadas», o acordo de Orzamentos 2026 estableceu o compromiso de traballar para xerar «a maior cantidade de metros cadrados, sen afectar a vivendas ou a recursos patrimoniais e ambientais que teñan que ser protexidos». «Pontevedra é moi extensa, ten varias zonas que poderían acoller esta nova área industrial e estou seguro que, co bo facer dos técnicos de Zona Franca, seremos capaces de localizala e de poñer a chincheta no mapa».


O líder dos socialistas de Pontevedra sinalou que «sempre fomos partidarios de que este tipo de iniciativas, ademais de cumprir co fin fundamental de acoller a empresas que poidan desenvolverse e consolidarse ao calor de Zona Franca, teñan tamén un impacto real nos barrios e na dinamización de determinadas zonas da cidade». Con tal motivo, a raíz de conversas mantidas coa Asociación de Veciños de Pontevedra Leste, Puentes matizou que «a nós parecíanos interesante, se era posible atopar un local axeitado, que o centro de negocios se ubicase no leste da cidade, en torno a Loureiro Crespo, a pasarela de 12 de Novembro, a rúa da Estrada, O Gorgullón…».
«Esa zona da cidade que non é estrictamente o meollo do centro urbano e que podería supoñer unha oportunidade para una barrio como este. Pero sempre supeditados a que exista un local axeitado. É verdade que existen outras opcións xa máis no centro, na parte baixa da zona vella, en Pardo Bazán e toda a zona de Beiramar, nas que podería haber un local de titularidade municipal para esta fin. O importante é buscar un sitio axeitado e que se axuste ás necesidades», engadiu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS