- O portavoz socialista Iván Puentes porá voz ás demandas da comunidade educativa a través dunha moción plenaria na que se lle reclamará á Consellería de Educación da Xunta a instalación dun ascensor para comunicar as seis alturas do centro, a renovación das canalizacións e sumidoiros, o arranxo do problema de fumes provocado polas caldeiras, a dotación doutra/o profesional para o Departamento de Orientación e a subministración dos 200 pupitres e cadeiras que a Dirección solicitou o ano pasado
- A iniciativa do Partido Socialista tamén lle porá algúns ‘deberes’ ao Goberno Local, ao solicitarlle o cambio de emprazamento da actual parada de autobuses que presta servizo ao alumnado do instituto, situada nas inmediacións da glorieta do Froiz da avenida de Vigo e que, polo tumulto que se xera nesta concorrida zona de María Vitoria Moreno, obriga aos rapaces a invadir a estrada e dá lugar a situacións de risco
Pontevedra, venres 7 de agosto de 2026.- Unha visita polas labirínticas instalacións do IES Frei Martín Sarmiento, da man do seu director, David Camiños, e dun grupo de nais da Anpa Xocas, permitiu que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, constatase o seu estado de abandono e deterioración por parte da Xunta e, sobre todo, as «graves deficiencias» que presenta o centro educativo en cuestións tan relevantes como a accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Ante a «máis que comprensible indignación» da comunidade educativa, o socialista decidiu tomar cartas no asunto e darlles voz ás súas reclamacións a través dunha ofensiva política que axitará o inicio do curso escolar e que se traducirá en sendas iniciativas que chegarán ao Pleno de Pontevedra e ao Parlamento Galego no vindeiro mes de setembro.
Estas medidas de presión ante unha Consellería de Educación que parece facer caso omiso ás demandas da Dirección e da Anpa (comunicadas á Unidade Técnica e xamais respondidas) foron consensuadas coa Dirección e as representantes da Anpa nunha reunión na que, ademais de Iván Puentes, tamén estiveron presentes os concelleiros Marcos Rey e Carmen Hermo (antiga docente do centro) e maila deputada autonómica Paloma Castro. Tal e como sinala Puentes, «unha das cuestións máis vergoñentas é que a Consellería de Educación aínda non se dignase a resolver o histórico problema do ascensor».
«Alguén -asegura- parece non ter a máis absoluta idea de como é este centro educativo a nivel arquitectónico. Falamos dun edificio cheo de escaleiras para comunicar aulas situadas en seis alturas diferentes, polo que debe priorizarse a accesibilidade e urxe analizar a solución técnica máis acaída, xa se trate dun ascensor ou dun montacargas, para permitir a mobilidade de todos aqueles alumnos e profesores que o precisen». A falta de sensibilidade da Xunta con esta situación chegou a tal estremo que, segundo denunciou o propio director, a conserxe que acaban de incorporar ten practicamente imposible o desempeño do seu labor, ao estar incapacitada para subir escaleiras e mover pesos.
A execución de obras para reformar unhas canalizacións en estado lamentable e uns sumidoiros absolutamente obsoletos é outra das demandas urxentes contempladas no SOS que a comunidade educativa lle enviou á Xunta, denunciando as constantes filtracións e os terribles olores que teñen que padecer. Así mesmo, a moción que o portavoz do PSOE levará ao Pleno de setembro fará fincapé na necesidade de renovar as dúas caldeiras de ladrillo que o IES Frei Martín Sarmiento ten nestes momentos: «Alumnos e profesores viven coa incerteza diaria de se o fume irá para dentro ou para fóra… E cando vai para fóra atópanse cun vestíbulo completamente cheo de fume».




Outra das peticións que recollerá a proposición socialista será a de reforzar o plantel do Departamento de Orientación do instituto, que actualmente conta cunha única orientadora para máis de 1.000 nenos e nenas (falamos dun centro no que 108 profesores imparten ESO, Bacharelato e catro familias profesionais de FP), cunha nova/o profesional. En opinión de Iván Puentes, «chama poderosamente a atención que, cando nos consta que están asignando máis profesionais a outros centros e moitos contan con dúas orientadoras, no entanto, ‘pasen’ olimpicamente das necesidades dun IES que, polas súas dimensións, se atopa desbordado neste eido».
Asemade, e tras comprobar ‘in situ’ a antigüidade de gran parte do mobiliario que teñen as aulas, a moción impulsada polos socialistas tamén lle esixirá á Consellería de Educación a subministración de 200 novos pupitres e cadeiras que a Dirección solicitou xa o ano pasado. «Aínda non mandaron absolutamente nada», subliña Puentes.
Pola súa banda, a deputada Paloma Castro trasladará a ofensiva ao Parlamento Galego a través dunha pregunta, que ten previsto formular no mes de setembro, e coa que interpelará directamente ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acerca de todas estas deficiencias e demandas.
Un cambio de parada de autobús que incrementaría a seguridade e reduciría o ruído que padecen os veciños de Campolongo
A proposición plenaria que os socialistas rexistrarán tamén lle porá algúns ‘deberes’ ao Goberno Local, ao solicitarlle o cambio de emprazamento da actual parada de autobuses que presta servizo ao alumnado do instituto, situada nas inmediacións da glorieta do Froiz da avenida de Vigo e que, polo tumulto que se xera nesta concorrida zona da rúa María Vitoria Moreno, obriga aos rapaces a cruzar polo paso de peóns para acceder a un espazo no que só entran dos buses e polo que habitualmente pasan ata cinco liñas diferentes. «A consecuencia -explica- é que os rapaces acaban tendo que invadir a estrada, dando lugar a situacións de evidente risco».
Por este motivo, as nais e pais da Anpa do IES Frei Martín Sarmiento pídenlle ao Concello que estude pasar esta parada «ao outro lado» de María Vitoria Moreno, habilitando por exemplo unha zona de servizos reservada ao autobús durante algunhas horas da mañá e da tarde. Segundo apunta o portavoz municipal do PSOE, «a acumulación de autobuses nun espazo tan pegado ás vivendas é motivo de queixas e malestar por parte dos veciños de Campolongo, xa que teñen que soportar os ruídos dos motores nas súas vivendas e na propia rúa mentres os vehículos permanecen estacionados á espera da recollida dos pasaxeiros».
Ademais deste cambio de emprazamento da parada do bus, tanto a Dirección do centro como a Anpa solicítanlle ao Concello a súa colaboración para delimitar todo o perímetro do instituto como un espazo libre de tabaco e fumes (mediante unha sinalización que prohiba expresamente fumar neste contorno do edificio).


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS