Saltar al contenido

¡Síguenos!

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia amosa o seu total apoio á iniciativa do PSOE de Pontevedra para a implantación dun Grao Universitario en Lingua de Signos

  • O asunto foi abordado no marco dunha xuntanza que os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey mantiveron coa presidenta da FAXPG, María Alonso, e maila coordinadora de Áreas Estratéxicas da Federación, Marité López, e na que volveron constatar «a realidade que se vive actualmente no país, cunha crecente demanda de intérpretes de Lingua de Signos e unha oferta formativa que unicamente se imparte en Madrid, na Universidad Rey Juan Carlos»

Pontevedra, martes 3 de marzo de 2026.- A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) amosou o seu total apoio á iniciativa impulsada polo PSOE de Pontevedra para lograr que a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia traballen conxuntamente na creación e implantación dun Grao Universitario en Lingua de Signos. O apoio do colectivo á creación deste demandado grao universitario foi refrendado no marco dun encontro que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro Marcos Rey mantiveron coa presidenta da FAXPG, María Alonso, e maila coordinadora de Áreas Estratéxicas da Federación, Marité López.

A xuntanza, desenvolvida na sede da Agrupación Socialista de Pontevedra, serviu para abordar diferentes asuntos que preocupan á comunidade xorda no conxunto de Galicia e sobre os dirixentes do PSOE lles trasladaron o seu compromiso de levalos ao ámbito institucional e de transformalos en iniciativas e mocións tanto no Parlamento Galego (a través da deputada autonómica Paloma Castro) como no Concello capitalino (mediante proposicións do Grupo Municipal Socialista). Segundo explicou Iván Puentes, entre esas «cuestións coas que se pretenden converter en decisións políticas destinadas a mellorar as condicións de vida e a plena integración das persoas xordas na nosa comunidade autónoma», no transcurso da reunión tamén se falou coas representantes da Federación «dun asunto concreto, que é a reclamación para que se implante unha titulación de Grao Universitario de Intérprete de Lingua de Signos».

«Unha demanda -sinalou Puentes- que o Partido Socialista xa abandeirou tanto no Parlamento galego como no Pleno do Concello de Pontevedra e que a Federación de Asociacións de Persoas Xordas respalda totalmente». De feito, tal e como asegurou, o encontro «permitiu volver constatar con elas a realidade que se vive actualmente no país, cunha crecente demanda de intérpretes de Lingua de Signos e unha menor oferta formativa, desde que no ano 2014 os estudos pasaron de ser un ciclo superior de Formación Profesional (FP) a converterse nunha titulación de grao universitario que unicamente se imparte en Madrid, na Universidad Rey Juan Carlos».

Neste sentido, María Alonso e Marité López expresaron o seu desexo de que Galicia conte cun Grao de Lingua de Signos e, dado que a FAXPG conta xa cun tempo de traballo e unha bagaxe importante coa Universidade de Vigo, comparten cos socialistas que esta institución universitaria é a máis acaída para poder desenvolver esta titulación de grao (con independencia de que se implante no campus de Pontevedra, como reclama o PSOE local, no de Ourense ou no de Vigo).

Non obstante, para Iván Puentes, «á marxe dese emprazamento físico, o máis importante é seguir pelexando e traballando xuntos para que o Grao de Lingua de Signos sexa unha realidade en Galicia canto antes e esa é a liña de traballo na que seguiremos afondando durante os vindeiros meses».

Unha eiva que arrastramos desde 2014: a conversión do título de FP que había en Coruña nun grao universitario deixou a Galicia orfa desta oferta formativa

Os socialistas de Pontevedra lograron que o Pleno da Corporación aprobara por unanimidade, na sesión celebrada o pasado mes de xaneiro, unha iniciativa na que se instaba á Xunta de Galicia a traballar conxuntamente coa Universidade de Vigo na creación e implantación do Grao Universitario en Lingua de Signos Española (LSE) e Galega (LSG) dentro do campus pontevedrés. A proposición do PSOE recollía as eivas que padecen os intérpretes e guías de intérpretes de Lingua de Signos a nivel de acceso a formación, denunciadas durante anos polas asociacións sen ánimo de lucro que traballan con persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva: o que ata 2014 era un título de FP pasou a converterse en grao universitario e Galicia perdeu a única titulación que tiña de técnico superior en Interpretación e Guíainterpretación de Lingua de Signos na cidade da Coruña.

Para o PSOE, Pontevedra e o seu campus universitario son o espazo ideal para acoller o primeiro Grao en Lingua de Signos de Galicia, evitando así que aqueles que desexen formarse neste eido teñan que marchar fóra do noso país para poder facelo; incentivando á nosa mocidade a optar por esta titulación; paliando o alarmante déficit de intérpretes e guías intérpretes que sofren tanto as persoas xordas, xordocegas e con perda de audición coma os colectivos que traballan con elas; e xerando un espazo docente e investigador oficial no que estudar, difundir e potenciar a Lingua de Signos Galega, xunto coa española.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes