O PSOE advirte dos riscos que os bolardos supoñen para as intervencións de Bombeiros e Policía: «Que acontecería no caso de producirse un incendio de certas dimensións nalgunha rúa do centro histórico? A opinión dos servizos de emerxencias non é tranquilizadora»
- Representantes sindicais de CC OO, CSIF e UGT trasládanlles aos socialistas que a situación que se produce co peche da glorieta de Compostela non é un problema puntual, senón que se suma a toda unha serie de barreiras que se atopan no día a día nesta cidade para poder actuar: os bolardos que están en García Camba e que lles impiden atravesar directamente da zona da Praza de Galicia cara a Daniel de la Sota; os bolardos de ‘Boa Vila’ da Ferrería e Curros Enríquez, nos que desinstalar cada unha das letras require de varios minutos, acumulando serios atrasos nas intervencións; os ángulos rectos nas esquinas de diversas rúas, que fan que os camións non poidan xirar; as catenarias de luz instaladas en rúas como Michelena, que impiden que os bombeiros poidan actuar coas escaleiras e alcanzar os pisos superiores dos edificios en caso de incendio…
- O portavoz socialista Iván Puentes considera que «o argumento exposto polo concelleiro César Mosquera para xustificar a súa colocación é un insulto á intelixencia, defendendo a barbaridade de que unha media de 500 coches ‘atallan’ a diario pola glorieta de Compostela, ao tempo que obvia a verdadeira autopista na que se teñen convertido Michelena e a Praza de España ou vías de sentido único como a rúa Riestra»
A instalación de bolardos na rúa Peregrina segue a provocar unha catarata de reaccións entre os profesionais dedicados a preservar o benestar e seguridade da nosa veciñanza. Se nun primeiro momento foi un informe da Policía Nacional o que lle advertiu á Subdelegación do Goberno sobre os perigos que para as intervencións policiais e a seguridade cidadá supoñen estes elementos viais, Bombeiros de Pontevedra e Policía Local sumáronse a continuación a estas queixas, cuxo alcance resulta, en opinión do Grupo Municipal do PSOE, «moito máis preocupante do que parece, ao afectar ao deseño e vertebración de vías de emerxencia para atallar acontecementos que requiran dunha intervención urxente».
«Á marxe das dificultades que os bolardos xa lles están a provocar nas súas actuacións diarias, tanto Bombeiros como Policía Local trasládannos unha pregunta que o Goberno Local debería tomar moi en serio: Que acontecería no caso de producirse un incendio de certas dimensións nalgunha rúa do centro histórico? A opinión dos profesionais afectados non é precisamente tranquilizadora», denuncia o portavoz socialista Iván Puentes.
Esta cuestión foi abordada no marco dun encontro que Puentes mantivo con representantes sindicais dámbolos corpos (CC OO, CSIF e UGT) e no que tamén participaron a parlamentaria Paloma Castro e os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Carmen Hermo e Marcos Rey. Na reunión, os sindicatos expresaron o seu malestar ante uns bolardos que lles impiden o paso directo desde o centro histórico e a zona da Peregrina cara á avenida de Vigo e Joaquín Costa.
Segundo explicou o portavoz do PSOE, «a principal preocupación é que, no caso dun incendio ou dunha intervención urxente, estes elementos que cortan a rúa esíxenlles dar un rodeo para chegar aos mesmos puntos e, en consecuencia, demoran de xeito substancial os tempos de resposta ante as emerxencias». Os socialistas entenden, ao igual que os sindicatos de Policía e Bombeiros, que houbese «un problema excesivo de tránsito de vehículos de reparto no contorno da glorieta de Compostela, desde logo non maior do que se produce noutras zonas da cidade nas que non existen bolardos».
En opinión de Iván Puentes, «unha vez máis, o argumento exposto por César Mosquera para xustificar a súa colocación é un insulto á intelixencia, defendendo a barbaridade de que unha media de 500 coches ‘atallan’ a diario pola glorieta de Compostela, ao tempo que obvia a verdadeira autopista na que se teñen convertido Michelena e a Praza de España ou vías de sentido único como a rúa Riestra».
Opcións que xa se aplican noutras cidades: bolardos automáticos que identifiquen matrículas ou cámaras que multen a vehículos non autorizados
Bombeiros e Policía Local poñen ademais en discusión o propio sistema de bolardos empregado, ao tratarse de elementos estáticos, que obrigan a deter os vehículos para proceder á súa retirada e quitarlles os parafusos cunha chave (operación que se complica ao atoparse con parafusos moi ancorados por efecto da oxidación da choiva e o po). Neste sentido, Puentes comparte que se opte por solucións alternativas que se aplican noutras cidades, «como os bolardos automáticos que identifican matrículas dos vehículos de emerxencias e baixan ao recoñecelas ou, directamente, cámaras que len matrículas, multan a aqueles que non están autorizados a pasar e non multan aos que si o están, que son Policía, Bombeiros…».
O portavoz socialista subliña que os problemas «non se dan unicamente para os vehículos de emerxencias, senón tamén para os doutros servizos municipais, como os do lixo, que tamén deberían poder pasar por aí». «O que os representantes sindicais nos transmitiron é que isto non é un problema puntual desta zona -indicou Iván Puentes-, senón que se suma a toda unha serie de barreiras que se atopan día a día na cidade para poder actuar: por exemplo, os bolardos que están en García Camba e que lles impiden atravesar directamente da zona da Praza de Galicia cara a Daniel de la Sota; os bolardos de ‘Boa Vila’ que temos na Ferrería e na Praza de Curros Enríquez, nos que desinstalar cada unha das letras require de varios minutos cada vez que o camión de Bombeiros precisa pasar por alí, acumulando serios atrasos na intervención; os ángulos rectos nas esquinas de diversas rúas, que fan que os camións de Bombeiros non poidan xirar; as catenarias de luz que hai instaladas en rúas como Michelena, que impiden que os bombeiros poidan actuar coas escaleiras e alcanzar os pisos superiores dos edificios en caso de incendio…».
Os socialistas de Pontevedra anunciaron a súa intención de analizar cada un destes problemas polo miúdo, co propósito de realizar unha radiografía da situación dos servizos de emerxencias neste concello e propoñer as correspondentes melloras que permitan «desfrutar desa cidade peonil e sen coches que todos defendemos» e que, ao mesmo tempo, non se poñan en perigo as intervencións de Bombeiros e Policía, «facilitando que poidan dar resposta no menor tempo e coa maior seguridade posibles». Nos vindeiros días, o Grupo Municipal do PSOE ten tamén previsto manter encontros con representantes sindicais da Policía Nacional (CEP, SUP e Jupol) coa finalidade de seguir recollendo o seu sentir sobre os perigos que a instalación dos bolardos supón para o seu exercicio profesional e por ende, para a seguridade cidadá no seu conxunto.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS