O socialista Iván Puentes bota en falta unha maior reacción do alcalde ante situación de inseguridade que padecen veciños e comerciantes de Galerías Oliva, A Ferrería e Campolongo: «A Subdelegación do Goberno incrementou a vixilancia policial… Falta que o Goberno Local faga exactamente o mesmo»
- No transcurso dunha reunión cos comerciantes das Galerías Oliva, o portavoz municipal do PSOE rebatiu o manido argumento de Miguel Anxo Fernández Lores, lembrando que «a Policía Local si ten competencias en materia de seguridade cidadá» e, polo tanto, debe colaborar coa Policía Nacional para garantir a convivencia na rúa
- Os socialistas trasladarán as preocupacións dos comerciantes á vindeira Comisión de Réxime Interior, solicitando que se informe polo miúdo das medidas concretas que adoptará o Concello e unha implicación máis decidida na solución desta problemática
Pontevedra, 26 de marzo de 2024.- O Grupo Municipal do PSOE trasladará á vindeira Comisión de Réxime Interior a preocupación dos comerciantes das Galerías Oliva ante a crecente situación de inseguridade e suciedade pola presenza de persoas que consumen alcohol e outras substancias na rúa. Os socialistas de Pontevedra pretenden que o Concello informe polo miúdo das medidas concretas que adoptará trala Xunta Local de Seguridade celebrada na pasada semana e velará porque o Goberno Local se implique de xeito máis decidido na solución desta problemática, que tamén afecta a outros puntos da cidade como a Praza da Ferrería e o contorno da avenida Augusto García Sánchez (Campolongo).
«Intensificar a vixilancia policial nas rúas -sostén o portavoz do partido, Iván Puentes- é o punto de partida para que a situación mellore. A Subdelegación do Goberno está a cumprir coa súa palabra. O subdelegado dixo que ía trasladar este problema á Dirección da Policía, que se ían adoptar medidas inmediatas e, a partir da Xunta Local de Seguridade, podemos comprobar que a presenza da Policía Nacional xa está a incrementarse na zona da Ferrería e en Augusto García Sánchez… Falta que o Goberno Local faga exactamente o mesmo e cumpra tamén coa súa parte: ao contrario do que repite o alcalde, a Policía Local si ten competencias en materia de seguridade cidadá. Basta con ler a Lei de Coordinación de Policías Locais para saber que estas teñen que colaborar tamén na seguridade cidadá (a lexislación dío expresamente). Ademais, falamos dun problema de convivencia na rúa e iso é unha competencia case exclusiva da Policía Local».
Estas valoracións foron realizadas por Puentes tras unha reunión cos afectados das Galerías Oliva desenvolvida na sede de Churruchaos e na que tamén participaron as socialistas Yoya Blanco e Carmen Hermo. O líder do PSOE quixo trasladar aos comerciantes unha mensaxe de serenidade, subliñando que, pese aos problemas de convivencia que se están a reproducir nos últimos meses, «Pontevedra é unha das cidades máis seguras e tranquilas que hai en Galicia e no conxunto de España, que xa de por si é un país especialmente seguro e que destaca por esta cuestión a nivel europeo e mundial». «Iso non quere dicir -matizou- que non teñamos problemas que debemos atallar no tempo, porque, como puidemos comprobar nestes anos, se non o facemos, vanse cronificando e incrementando».
Tal e como lembrou, o PSOE xa levou ao Pleno de xaneiro nunha moción (aprobada por unanimidade) a situación que padece a veciñanza de Augusto García Sánchez, «con xente que consume alcohol e drogas e que increpa aos habitantes desa zona da cidade». «Xa naquela moción -apuntou- faciamos mención aos problemas que se estaban a producir na Ferrería polo mesmo motivo e que foron aumentando nos últimos tempos, pasando de liortas entre as propias persoas que ocupan ese espazo, senón mesmo a conflitos con comerciantes e veciños».
Unha problemática moi semellante á que soportan os comerciantes das Galerías Oliva, obrigados mesmo a facer quendas de gardas nocturnas para evitar atoparse con escenas desagradables. Segundo lles trasladou Iván Puentes aos afectados, «non hai ningunha solución máxica», xa que «non existe ningunha lei que lle impida á xente estar na rúa, máxime cando se trata de persoas que carecen dunha vivenda», polo que «é necesario combinar dúas cuestións: por unha parte, falamos dun problema social, de persoas que están nunha situación vital vulnerable e que precisan ser axudadas, e que debemos atallar desde os Servizos Sociais municipais e da Xunta de Galicia para darlles alternativas de saída das drogodependencias e do alcoholismo; e por outra parte, debemos actuar tamén desde o punto de vista da seguridade cidadá, que é competencia da Policía Local e da Policía Nacional».
Neste sentido, Puentes considera que «se está comezando a tomar conciencia por parte do Goberno Local e a camiñar na dirección da solución grazas á presión dos veciños e dos partidos políticos no Concello de Pontevedra», pero «sobre todo a facer o máis importante, que é colaborar entre a Policía Nacional e a Policía Local para poder levar a cabo o labor de presión e vixilancia constante nestes puntos quentes da cidade, que acabe desincentivando eses comportamentos que xeran os problemas que temos». O portavoz socialista ten claro que esta situación «non se vai solucionar da noite para a mañá, pero si que podemos, pouco a pouco e coa colaboración de todos, ir poñéndolle fin a unha situación que, de non atallarse, irá a peor».
Ao seu xeito de entender, «se todos facemos a nosa parte, pouco a pouco, a medio prazo, poñendo un gran de area cada día, sen ollar cara a outro lado, que é o que se fixo até o de agora, podemos solucionar este problema».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS