Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra distinguirán á histórica traballadora e militante do partido Marisa Calvo no seu tradicional acto de recoñecemento polo Día da Muller

  • A homenaxe terá lugar este xoves 14 de marzo ás 20:00 horas na sede da Agrupación Municipal do PSOE (rúa Irmáns Nodales, 6)

Pontevedra, 12 de marzo de 2024.- Tal e como vén sendo tradición desde 2014, a Agrupación Socialista de Pontevedra volverá celebrar este ano, coincidindo coa conmemoración do 8M (Día Internacional da Muller), un acto de recoñecemento a unha muller do partido que, co seu traballo, compromiso e implicación contribuíu a manter viva á organización na nosa cidade. Nesta edición, a Executiva Local do PSOE decidiu dedicar esta homenaxe á histórica traballadora e militante Marisa Calvo. O acto de entrega da distinción terá lugar este xoves 14 de marzo na sede da Agrupación Municipal (rúa Irmáns Nodales, 6) ás 20:00 horas.

Nada en 1955, Calvo é membro de UGT desde 1988 (período no que o presidente do partido en Pontevedra, Benito Gama, era secretario xeral do sindicato) e leva afiliada ao PSOE desde 1999. Desempeñou o seu labor como administrativa no Hotel Comercio, en Garaje Rivas, no Hospital Provincial, en Correos e, posteriormente, ata a súa recente xubilación, no seo da propia Agrupación Socialista.

Segundo apunta o secretario de Memoria Histórica do PSOE pontevedrés, Roxelio Pérez Poza, «aparte de administrativa, Marisa foi unha persoa con dedicación absoluta ao partido, que nas campañas e accións concretas sempre se puña a disposición da dirección, sen límites nos seus horarios». Casada con José Miguel Carril, un destacado militante da Federación do Metal de UGT e afiliado do partido, Calvo tiña, como subliña Pérez Poza, «unha atención persoal con cada afiliado, mantendo con eles unha relación moi próxima».

Entre as calidades que Calvo amosou durante a súa traxectoria, e que para os socialistas de Pontevedra a fan merecedora desta distinción, destacan que «como traballadora, sempre tivo ese pouso, esa forte vinculación e compromiso sindical en apoio e defensa dos dereitos da clase traballadora». Tal e como salienta o seu compañeiro José Antonio García Lores ‘Cáceres’, ex secretario xeral da Agrupación do PSOE, na súa condición de empregada do partido, «parafraseando aquela famosa fábula de Esopo, da cigarra e da formiga, Marisa sería a formiga, a ‘curranta’ silenciosa, laboriosa, previsora e disciplinada».

«Moito tempo xuntos -subliña-, dedicado ao partido, coincidimos os dous nunha cousa: gustábanos a fontanería, eses tubos que non se ven e que permiten encher o vaso de auga. Marisa era a persoa que gran a gran, encheu a carretilla, o traballo que constrúe, a que che facilitaba as cousas: a intendencia das asembleas, as papeletas, as urnas, a propaganda, as cuotas, as eleccións, a sede…».

Sinxela, con calidade humana e conviccións

Ademais, García Lores resalta que «como muller, sempre a percibín como unha persoa sinxela, con calidade humana, non ostentosa, que tiña claras as ideas que herdabamos dos vellos principios do antigo socialismo, o compromiso coa igualdade, cos desfavorecidos (recordo cando un compañeiro, Solleiro, necesitou dunha persoa que lle fixera compañía mentres estaba  hospitalizado), coas melloras sociais, a defensa do público…». «Como militante -sinala-, Marisa é unha persoa  ‘empapada’, como adoitamos dicir: orgánica, afiliada, con  conviccións. Outra rosa vermella do xardín socialista. Vermella de sangue, ata o fondo, ata a medula, activista e participativa, agarrada ao puño e á rosa».

O acto deste xoves contará coa presenza da secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e da parlamentaria Paloma Castro, así como da secretaria xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba, e do seu secretario de Organización, Iván Puentes.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes