O socialista Iván Puentes impulsa unha iniciativa para lograr que Pontevedra sexa declarada zona de mercado residencial tensionado
- A proposición do PSOE, que será levada a Pleno para o seu debate, agarda contar co apoio unánime de toda a Corporación (ao igual que a xa aprobada en novembro para limitar as Vivendas de Uso Turístico), e pretende contribuír a atallar «o grave problema de acceso á vivenda que padece a nosa cidade, cun descontrolando incremento dos custes de compra e alugueiro», abrindo a porta a que a Xunta poida adoptar solucións como fixar topes aos prezos
- Puentes insta ao concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, a poñer en marcha os traballos e estudos necesarios «sen escusas» orzamentarias: «Cando a Xunta de Goberno acordou encargar un estudo sobre a situación actual dos alugueiros había un orzamento prorrogadao e desde o 1 de xaneiro dispoñen de 60.500 euros para partidas de estudos e traballos técnicos»
Pontevedra, 7 de marzo de 2024.- Tras lograr o apoio unánime da Corporación á súa moción para que o Concello desenvolva unha ordenanza que limite a implantación de Vivendas de Uso Turístico (VUT) no noso termo municipal (na sesión plenaria celebrada o 9 de novembro), o Grupo Municipal do PSOE continúa adiante coa súa ofensiva para regular os descontrolados prezos do alugueiro en Pontevedra. Os socialistas levarán agora a Pleno unha proposta na que se insta ao Goberno Local a iniciar os trámites para que a nosa cidade sexa declarada zona de mercado residencial tensionado, abrindo a porta a que a Xunta (administración competente), a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, poida botar man de solucións como fixar topes aos prezos do alugueiro.
A iniciativa, asinada e rexistrada polo seu portavoz, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, pretende así contribuír a atallar «o grave problema de acceso á vivenda que padece a nosa cidade desde hai tempo, cun descontrolado incremento dos prezos, tanto no caso da compra coma do alugueiro». Tal e como subliñou o propio Puentes esta mañá en rolda de prensa, «Pontevedra é, en base aos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a urbe galega con menos oferta de vivenda en alugueiro e a terceira cos alugueiros máis caros de Galicia, cun prezo medio que se sitúa xa nos 852 euros mensuais». «É, ademais -sinalou-, a capital galega na que máis subiu a vivenda usada en 2023, un problema ao que tampouco escapa a vivenda nova, que subiu en Pontevedra ata catro veces máis que a media galega no pasado ano, nin tan sequera a cada vez máis recorrente fórmula de compartir piso, un 52% máis caro hoxe que hai oito anos (Diario de Pontevedra e Fotocasa)».
Puentes, que estivo acompañado na súa comparecencia polos concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña e Paloma Castro, considera que esta realidade, combinada cun salario medio dos pontevedreses/as duns 1.300 € netos (Instituto Galego de Estatística) ao mes, unha renda media por fogar e ano de 28.682 € e un prezo medio da vivenda de 160.656 €, «implica un esforzo desorbitado e mesmo, ás veces, unha imposibilidade manifesta para que moitas persoas accedan a unha vivenda no noso concello». Así, segundo apuntou, «os pontevedreses e pontevedresas temos que destinar de media 5,6 anos do noso salario neto íntegro para poder adquirir unha vivenda na nosa cidade, ocupando o número 74, de entre os 8.132 concellos que hai en España, dos municipios nos que hai que facer un maior esforzo financeiro para acceder a unha vivenda (Fotocasa)».
A proposta defendida polo portavoz do PSOE busca axudar a paliar esta situación amparándose tanto na Lei 12/2023, de 24 de maio, polo dereito á vivenda, que lles recoñece ás comunidades autónomas a posibilidade de declarar “zonas de mercado residencial tensionado”, como na disposición vixésimo cuarta da Lei 8/2012, de 29 de xuño, de vivenda de Galicia, «que establece a competencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo para declarar como zonas de mercado residencial tensionado, por solicitude previa do concello interesado, aqueles ámbitos territoriais de Galicia nos que concorran determinados supostos». Entre eles, que a carga media do custe da hipoteca ou do alugueiro no orzamento persoal ou da unidade de convivencia, máis os gastos e subministros básicos, supere o 30% dos ingresos medios ou da renda media dos fogares desa zona; ou que o prezo de compra ou alugueiro da vivenda tivera experimentado nos cinco anos anteriores unha porcentaxe de crecemento acumulado cando menos tres puntos porcentuais por enriba da porcentaxe de crecemento acumulado do IPC da comunidade autónoma.
Iván Puentes explicou que «a declaración de zona de mercado residencial tensionada exixirá que, con carácter previo á presentación da correspondente solicitude ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, o Concello de Pontevedra constitúa unha mesa sectorial na que se analizará a proposta municipal de declaración, así como o proxecto de plan específico que inclúa as medidas correctoras e o calendario de desenvolvemento das mesmas». Na mesa sectorial deberán estar representados, en todo caso, os colexios profesionais ou asociacións de administradores de predios, de axentes da propiedade inmobiliaria e de persoas promotoras de vivendas.
Non obstante, a solicitude de declaración deberá ir acompañada, amais do acordo do órgano municipal competente, dunha serie de documentación, entre a que se inclúen as actas coa análise e conclusións alcanzadas no seo da mesa sectorial; estudos de distribución espacial da poboación e dos fogares, a súa estrutura e dinámica, así como a zonificación por oferta, prezos e tipos de vivendas, ou calquera outro estudo que permita evidenciar ou previr desequilibrios e procesos de segregación socio-espacial en detrimento da cohesión social e territorial; unha xustificación das deficiencias ou insuficiencias do mercado de vivenda na zona, en calquera das súas modalidades, para atender axeitadamente a demanda de vivenda habitual e, en todo caso, a prezo razoable, segundo a situación socioeconómica da poboación residente e as dinámicas demográficas, así como as particularidades e características de cada ámbito territorial; unha memoria xustificativa, e un proxecto de plan especifico que inclúa as medidas correctoras e o seu calendario de desenvolvemento.
A vixencia é de tres anos, coa posibilidade de prórrogas anuais a petición expresa do concello interesado
O Goberno do Estado publicou recentemente un índice de prezos de referencia para o alugueiro, un sistema que ofrece un rango de prezos, como referencia e a título orientativo, para a fixación da renda nos novos contratos de arrendamento (a partir dunha serie de características da vivenda como a superficie, o estado de conservación, o ano de construción, a disponibilidade ou non de ascensor e aparcadoiro…). O portavoz do PSOE precisou que «en zonas de mercado residencial tensionado, o valor superior deste rango será o que marque o límite do prezo da renda nos novos contratos de alugueiro de grandes propietarios, así como en tódolos novos contratos de alugueiro de vivendas situadas nestas zonas tensionadas, que non foran arrendadas nos últimos cinco anos».
Segundo recolle a moción impulsada polos socialistas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, como administración competente en materia de vivenda, «poderá declarar a zona solicitada como zona residencial tensionada, logo de comprobar a integridade e a suficiencia da solicitude e a documentación achegada polo Concello, e unha vez valoradas as circunstancias concorrentes, especialmente a incidencia da declaración na política autonómica de vivenda». A súa resolución motivada comunicarase á Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e notificarase ao concello interesado, que no prazo de dous meses deberá aprobar o plan específico que conteña as medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados, así como o calendario de desenvolvemento das mesmas.
«A vixencia da declaración dunha zona como de mercado residencial tensionado será de tres anos -matiza a proposta rexistrada polo PSOE-, que poderán ser prorrogados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo anualmente, seguindo o mesmo procedemento, cando subsistan as circunstancias que motivaron tal declaración e logo de quedaren xustificadas as medidas e as accións públicas adoptadas para reverter ou mellorar a situación desde a anterior declaración. A prórroga deberá ser solicitada expresamente polo concello interesado».
En opinión de Iván Puentes, «o acceso á vivenda converteuse nun dos principais problemas desta cidade, polo que urxe que o Concello de Pontevedra adopte canto antes as medidas e solucións que xa ten enriba da mesa». Neste sentido, Puentes vén de interpelar no pasado Pleno ao Goberno Local para exhortalo a cumprir a moción socialista (aprobada por unanimidade) para elaborar unha ordenanza que regule e limite a proliferación de Vivendas de Uso Turístico (VUT), especialmente no centro histórico, e poñer en marcha, no seo da Comisión de Urbanismo, dun Grupo de Traballo para a Regulación da VUT no noso municipio: o obxectivo desta é precisamente que, no prazo dun ano, estude as modificacións necesarias a introducir no PXOM e no PEPRICA para ordenar este tipo de vivendas.
Tal e como indicou Puentes, a iniciativa xa lle fora comunicada ao Goberno Local o pasado martes na última xuntanza da Comisión de Urbanismo e Vivenda, aprobándose esta mañá na Comisión de Benestar Social para poder debatirse no Pleno ordinario previsto para o vindeio luns 18 de marzo. «O obxectivo -asegurou- é que os pontevedreses poidamos vivir no noso concello en condicións dignas e sen facer esforzos case imposibles para cubrir unha necesidade básica: ter un fogar digno para nós e para as nosas familias».
«Sei que acaba de chegar e que aínda lle está a tomar o pulso á Concellería, pero pediríalle ao señor Oubiña que fale cun pouco de rigor»
Iván Puentes explicou que a declaración de Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado compleméntase con outras iniciativas xa impulsadas na cidade polo PSOE, como a devandita proposta para a regulación e limitación das Vivendas de Uso Turístico ou «a construción de 73 vivendas públicas a prezos asequibles comprometida polo Goberno de España (e ratificada recentemente pola ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, nunha visita á cidade) no terreos que o Ministerio de Defensa posúe en Campolongo e Mollabao». Ao seu xeito de entender, «estas medidas deberían complementarse tamén con outras que terían que impulsar a Xunta de Galicia e o Goberno Local, como é a construción de vivenda pública por parte de quen ten competencias, que é a comunidade autónoma, nos terreos que o Concello lle leva ofrecidos de xeito reiterado á Xunta no Campo do Boi, Tafisa e Valdecorvos».
O portavoz socialista agarda que a moción poida ser aprobada no Pleno e que «a partir de aí, o Goberno Municipal poida iniciar de inmediato os traballos, que son moitos e complexos, pero que hai que iniciar canto antes para poder declarar a Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado». «E que ademais o faga sen escusas. Sen as escusas que tivemos que escoitar esta semana en boca do concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, que dicía que o acordo da Xunta de Goberno Local do día 23 de novembro de 2023 para encargar un estudo sobre a situación actual dos alugueiros na cidade non está feito, case catro meses despois, porque non había orzamento… Sei que acaba de chegar, que lle está a tomar o pulso á Concellería, pero pediríalle ao concelleiro de Urbanismo que, por favor, fale cun pouco de rigor», lamentou.
Neste sentido, evidienciou que «o 23 de novembro Pontevedra tiña un orzamento, o prorrogado de 2022, co que a cidade funcionou perfectamente durante todo 2023, e que ademais, desde o 1 de xaneiro, Pontevedra ten o mesmo orzamento, o prorrogado de 2022, que entre outras cuestións prorroga as partidas de estudos e traballos técnicos vencellados a Área de Urbanismo e Vivenda, que suman 60.500 euros». «Desde o 1 de xaneiro -subliñou-, Alberto Oubiña e o Goberno Municipal teñen 60.500 euros á súa disposición para poder encargar este estudo. E se non os tiña en novembro, cando a Xunta de Goberno aprobou este acordo, foi porque os agotara o BNG, que ocupaba a Concellería de Urbanismo en 2023 con ese mesmo orzamento… Polo tanto, que inicien xa eses trámites, sen escusas».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS