O PSOE urxe a Xunta e Concello a «atallar a invasión de lixo e maleza» no antigo treito da estrada autonómica PO-542 que discorre por Marcón
- A Asociación Veciñal de San Miguel de Marcón transmítelle ao socialista Iván Puentes a súa inquedanza e malestar ante o estado de abandono deste vial, situado a carón do Muíño do Pontiña e da rotonda de conexión coa Ronda Leste (no lugar de Vilafranca) «e convertido nun vertedoiro incontrolado»
- A preocupación pola acumulación de lixo, voluminosos, silveiras, entullos, e mesmo dalgún vehículo abandonado no contorno do Merkaponte, será trasladada ao Goberno Local en Comisión de Urbanismo e ao Parlamento Galego a través dunha iniciativa da deputada Paloma Castro
Pontevedra, luns 2 de novembro de 2026.- No antigo treito da estrada autonómica PO-542 que discorre polo lugar de Vilafranca (na parroquia de Marcón) existen dous contedores de recollida de lixo separados por 20 metros e que se atopan nun incomprensible e inaceptable estado de abandono: tras máis de dous anos sen recollida e de cinco sen desbroces de cunetas, o contorno dos colectores converteuse nun vertedoiro incontrolado e a maleza e silveiras das fincas lindeiras invaden o vial. Unha preocupante situación que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, puido comprobar ‘in situ’ nunha visita na que mantivo un encontro con representantes da Asociación Veciñal de San Miguel de Marcón e na que estivo acompañado polo concelleiro Marcos Rey e a parlamentaria Paloma Castro.
Tal e como verificou Puentes, este vello treito de estrada, convertido nunha sorte de vial de servizos coa creación da rotonda que conecta co barrio da Parda e con Montecelo (a través da Ronda Leste) e cos nós do Marco e O Pino, «atópase invadido de lixo, voluminosos, silveiras, entullos e todo tipo de residuos, obviamente pola falta de civismo dalgunhas persoas, pero sobre todo por unha falta de recollida e limpeza que se prolonga durante anos». «Nestes momentos, podemos atopar varios colchóns e electrodomésticos acumulados nun espazo que ten ao seu carón elementos patrimoniais como o rehabilitado Muíño da Pontiña -explica-, visitado a miúdo por moitos viandantes que levan esa lamentable lembranza da porcallada e a sucidade do contorno».
Ademais, na zona de estacionamento situada fronte ao concorrido bazar Merkaponte atopámonos cun problema que, segundo denuncia o líder socialista, «ao longo deste mandato se ten estendido por practicamente tódolos barrios e parroquias de Pontevedra: o dos vehículos abandonados que, convertidos en esqueletos de ferruxe e óxido, alén da deplorable imaxe de deixamento de funcións, supoñen un risco sanitario e unha bomba de reloxería (como demostra o recente incendio dun coche en Mollavao)».


Iván Puentes tamén puido comprobar os efectos que esta desidia institucional tivo sobre a expansión dunha maleza que non só se foi apoderando dos contedores e fagocitando o propio lixo, senón que incluso ameaza a seguridade dos tendidos eléctricos situados neste antigo treito da PO-542.
Puentes teme un efecto chamada aínda maior: «Se non queren limpar os colectores, que procedan a retiralos»
Aínda que os veciños xa denunciaron formalmente a situación hai uns meses ante o Goberno Local e a Xunta de Galicia con sendas reclamacións acompañadas de reportaxes fotográficas, ningunha das administracións semella estar polo labor de tomar cartas no asunto. No caso do Concello, a solicitude non foi admitida a trámite, ao informar o técnico responsable do Servizo de Limpeza «que esa limpeza non é competencia municipal, posto que a estrada é de titularidade da Xunta de Galicia, o mesmo que os colectores que se atopan nese tramo e son eles quenes se encargan da limpeza e baleirado».
Transmitida a queixa á Axencia Galega de Infraestruturas e á Consellería de Facenda e Administración Pública, a Xunta tamén segue sen facer absolutamente nada.


«Xunta e Concello están a lavar as mans e a ignorar á veciñanza de Marcón, pero cómpre arrimar o ombreiro e atallar canto antes esta invasión de lixo e maleza, que como xa aconteceu noutros casos, lamentablemente soe ter un efecto chamada -advirte Iván Puentes- e atraer aínda máis ciscallos e sucidade. Semella que tanto a estrada como os contedores son competencia autonómica, polo que se non quere proceder a limpar os colectores, cando menos debería retiralos; pola banda do Concello, é evidente que podería facer algo máis no que atinxe á retirada de vehículos abandonados».
A este respecto, os socialistas de Pontevedra anunciáronlles aos veciños que todas estas cuestións serán trasladadas tanto ao Goberno Local, na Comisión de Urbanismo de mañá, como ao Parlamento Galego, a través dunha iniciativa presentada pola deputada socialista Paloma Castro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS