Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes insta ao Goberno Local a aproveitar as obras de Casimiro Gómez para revisar a galería soterrada e eliminar os colapsos no entronque do Valdecorvos con Fernando Olmedo

  • O líder socialista ve «absolutamente lóxica» a demanda veciñal de que se efectúe un diagnóstico completo do treito que discorre polo CGTD ata a rotonda da ponte dos Tirantes: «Non ten ningún sentido investir un millón de euros, levantar todo e non aproveitar a ocasión para inspeccionar o estado dunhas canalizacións e colectores que levan moitas décadas sen limparse, desatascarse ou ampliarse»
  • Puentes tamén reclama que se escoite á Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos á hora de deseñar e instalar a sinalización que marcará os puntos de interese do sendeiro que transcorre en paralelo ao regato, «de xeito que se lle dea prioridade de emprazamento a determinados puntos que consideran estratéxicos»

Pontevedra, sábado 31 de outubro de 2026.- A medida que avanzan as obras de reforma urbana que o Concello está a acometer na rúa Casimiro Gómez, crece o temor da veciñanza do barrio de que non se aproveite esta ocasión, co pavimento aínda levantado, para revisar o estado no que se atopa a galería soterrada e eliminar os colapsos que se producen neste ‘punto negro’, de entronque do río Valdecorvos con Fernando Olmedo (e polo tanto, unha das causas das recorrentes inundacións que padecen). Unha preocupación que os afectados veñen de trasladarlle a Iván Puentes nunha reunión sobre o terreo e que o portavoz municipal do PSOE pretende consensuar co Goberno Local, ao considerar «absolutamente lóxica» a demanda de que se efectúe un diagnóstico completo do treito que discorre a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ata a rotonda da ponte dos Tirantes: «Non ten ningún sentido investir un millón de euros nesta actuación, levantar todo e non aproveitar a ocasión para tentar resolver o principal problema que padece esta zona da cidade».

Tal e como sinalou Puentes tralo encontro mantido con representantes de Afirval (Asociación de Afectados polas Inundacións do Río Valdecorvos), no que tamén participaron o concelleiro Marcos Rey e a deputada autonómica Paloma Castro, «falamos de canalizacións e colectores que levan moitas décadas sen limparse, desatascarse ou adaptarse, polo que descoñecemos por completo o estado no que se atopan». «Coincidimos en que parece de sentido común -asegurou- que aproveitemos esta ocasión para inspeccionar a galería colapsada baixo a rúa Casimiro Gómez. Pedímoslle ao Goberno Local que se reúna cos veciños e que teña en conta as súas demandas (entre as que se incluirían a retirada do colector e mesmo a ampliación da galería durante a execución destas obras e maila revisión, medición e diagnóstico completo do tramo soterrado, especialmente á altura do CGTD e do cruce co colector antes da rotonda da ponte dos Tirantes)».

Ao tempo que urxen a execución da primeira das actuacións coa que se tratarán de frear as inundacións no ámbito de Casimiro Gómez e Fernando Olmedo, a do novo colector de José Malvar (á que se consignou un millón de euros grazas á última modificación de crédito negociada entre PSOE e BNG), os representantes de Afirval reclaman outras solucións paliativas para evitar o desbordamento simultáneo de augas pluviais mesturadas con fecais en Fernando Olmedo, o cruce de José Malvar coas rúas da Sequiña e A Seca. Iván Puentes expresoulles ademais o seu «optimismo» en relación ao proxecto que el mesmo deseñou e impulsou para crear balsas de inundación natural no parque de Valdecorvos: «Como xa nos transmitiron desde un primeiro momento, cando lles presentamos esta proposta e comezamos a traballar con eles no seu desenvolvemento, cónstanos que Augas de Galicia quere facer esta obra, que será esencial para poñer fin á meirande parte dos asolagamentos que se producen neste barrio».

No transcurso da reunión, os veciños trasladáronlle a Puentes outras peticións para que se retire a varanda que separa a avenida de Lugo co parque de Valdecorvos e se pinten novos pasos de peóns tanto neste contorno entre o estacionamento do Aldi e o taller de Bosch como nas rúas José Malvar e Sequiña, dándolle continuidade aos sendeiros do regato Valdecorvos. O acondicionamento do parque existente entre a avenida de Lugo e a rúa Prado Novo tamén se atopa entre as reivindicacións que a veciñanza de Fernando Olmedo e Casimiro Gómez lle fixo chegar aos socialistas de Pontevedra.

O treito da Vía Verde entre A Seca e a Estación de Ferrocarril, xa orzamentado na modificación que se aprobará o luns

A pesar de ter solicitado reunións para falar destas cuestións en diversas ocasións, os veciños quéixanse de que o Goberno Local está a ignorar estas peticións (o responsable da obra de Casimiro Gómez e da área de Servizos Urbanos é o concelleiro Xaquín Moreda). Segundo explica Puentes, á marxe das demandas relativas á revisión da galería soterrada que se atopa colapsada, «os afectados tamén queren que se escoite á Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos (plataforma da que Afirval forma parte xunto coa Asociación de Veciños Altamira-San Antoniño, o Centro Social A Pedreira, Vaipolorío, a APDR e a Anpa Vilaverde) á hora de deseñar e instalar a sinalización que marcará os puntos de interese do sendeiro que discorre en paralelo ao regato, de xeito que se lle dea prioridade de emprazamento a determinados puntos que consideran estratéxicos».

«Unha vez máis, parece bastante lóxico que, antes de abordar esta sinalización (que conta xa pequena consignación económica), o Concello conte co inxente traballo de visibilización, recuperación e compilación toponímica desenvolvido pola Mesa», sostén Puentes, que aproveitou a ocasión para lembrarlles aos representantes veciñais que, na modificación de crédito que será aprobada este luns polo Pleno da Corporación, inclúese unha partida de 600.000 € destinada ao proxecto da futura Vía Verde das Rías Baixas, «en concreto, para o treito que conectará A Seca coa Estación de Ferrocarril».

Unha sesión plenaria que, precisamente pola importancia que as achegas contempladas teñen para darlle unha solución aos históricos desbordamentos do Valdecorvos no barrio, contará coa presenza e as reivindicacións dos veciños de Fernando Olmedo e Casimiro Gómez (así llo avanzaron a Iván Puentes durante o encontro).

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes