O PSOE cualifica os orzamentos da Xunta de «terroríficos para Pontevedra» e anuncia unha batería de emendas para reclamar «os investimentos que a nosa cidade merece» e evitar que as contas se convertan «nunha nova oportunidade perdida»
- Iván Puentes quere evitar que o PP aplique o seu «rodillo» da maioría absoluta e impulsa un paquete de emendas para lograr que os orzamentos garantan a dotación de novo chan industrial, o financiamento de Pasarón, uns prezos xustos para as expropiacións do PIA de San Amaro, a mellora da estrada que conecta Ponte Bora con Barro (PO-224), un Plan de Reforma e Reparación Integral dos colexios públicos e un estacionamento gratuíto en Montecelo
- A deputada autonómica Paloma Castro asumirá a defensa parlamentaria destas emendas fronte a «unha película de terror que hipoteca o futuro da nosa cidade» e reta a Rafa Domínguez a demostrar o seu peso político en Santiago: «Imos comprobar se defende os intereses de Pontevedra ou os do seu partido»
Pontevedra, venres 23 de outubro.- Atopámonos ás portas do Samaín e semella que a Xunta de Galicia decidiu converter os seus orzamentos de 2027 nun relato de terror que imos padecer os veciños e veciñas da nosa cidade. Un «conto de medo» do que os socialistas de Pontevedra agardan espantar o meigallo a través dunha batería de emendas coas que reclamarán «os investimentos que merece unha capital de provincia» e buscarán evitar que estas contas se convertan «nunha nova oportunidade perdida».
O contido destas emendas foi anunciado esta mañá nunha comparecencia conxunta protagonizada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e maila deputada autonómica Paloma Castro. Empregando unha referencia cinematográfica, Puentes asegurou que estes orzamentos «semellan catro funerais e unha voda (no canto da famosa película ‘Catro vodas e un funeral’)», polo que, con estas propostas de rectificación, os socialistas «imos tentar que haxa máis vodas que funerais e que, polo tanto, a Xunta sexa sensible a aquelas necesidades que non cubriu neste borrador de orzamentos e que agardemos que si cubra no documento definitivo».
«Esperemos que o PP non faga uso do ‘rodillo’ da maioría absoluta, que atenda as emendas que lle imos presentar. Trátase de emendas que non son polémicas nin partidarias, senón lóxicas, de sentido común, que atenden cuestións que nos reclama a cidadanía de Pontevedra e que teñen única e exclusivamente que ver con mellorar a calidade de vida de todos os que vivimos aquí», sinalou.
Con tal motivo, o líder do PSOE entende que estas emendas «deberían ser escoitadas», máis aínda «tendo en conta que o presidente da Xunta é de Pontevedra e que, polo tanto, debería ser especialmente sensible ás demandas dos seus veciños e veciñas».
Neste mesmo sentido, a parlamentaria Paloma Castro afirmou que «ás portas do Samaín, non hai un xeito máis acaído de definir estas contas que dicir que son uns orzamentos terroríficos para Pontevedra; uns orzamentos que dan medo, pero non polo que traen, senón precisamente polo que deixan fóra, porque, un ano máis, o Partido Popular presenta unhas contas que condenan á nosa cidade a seguir agardando, que frean o seu crecemento e que lle negan as oportunidades que necesita para avanzar». «Son os orzamentos do terror para Pontevedra -aseverou-, porque condenan o futuro da nosa cidade. E o máis preocupante é que esta película de terror xa a vimos demasiadas veces. Cambian os anos, pero o resultado é sempre o mesmo: Pontevedra segue sen recibir os investimentos que merece».
Castro advertiulles a Xunta e PP que «no caso de rexeitar estas emendas, terán que explicarlles aos veciños e veciñas de Pontevedra por que lles dan as costas, unha vez máis, ás necesidades da súa cidade». A deputada autonómica tamén se dirixiu ao vicepresidente provincial, o ‘popular’ Rafa Domínguez: «Agora imos comprobar cal é realmente o seu peso dentro do PP. Imos ver se é capaz de defender os intereses de Pontevedra diante da Xunta ou se, unha vez máis, prefire defender os intereses do seu partido. E tamén imos poder comprobar que futuro lle agardaría a Pontevedra se algún día Rafa Domínguez chegase a gobernala; un futuro de subordinación á Xunta, de promesas repetidas e de oportunidades perdidas… Algo que, afortunadamente, estamos convencidos, non vai acontecer».
Na súa opinión, «estes orzamentos son unha nova oportunidade perdida para Pontevedra» e, por iso, reclámalle á Xunta e ao PP «que non lle conten máis contos de medo a uns veciños e a unha cidade que quere investimentos, compromisos e, sobre todo, futuro».
As seis propostas ineludibles para os socialistas:
Tal e como precisou Iván Puentes, «son seis fundamentalmente as propostas» que os socialistas van presentar para que sexan aceptadas como emendas a estes orzamentos:
1. A xeración de novo chan industrial en Pontevedra. Como indicou Puentes, «os traballadores, os empresarios e os sindicatos reclámannos constantemente que xeremos máis chan industrial; Pontevedra, non ten practicamente un só metro cadrado de chan libre se unha empresa mañá quere asentar e xerar emprego nesta cidade». «A Xunta -apuntou- leva máis dunha década prometendo que vai ampliar o polígono industrial do Campiño e, do que nos prometeron hai tres anos, que era unha pequena ampliación que apenas daba para asentar unha grande empresa, nin sequera sabemos nada a día de hoxe. Hai que reclamar a ampliación do Campiño, pero sobre todo, hai que buscar novo chan industrial. A Zona Franca de Vigo xa está a facer un estudo neste sentido e, partir del, hai que financiar os novos polígonos». A Dado que a responsabilidade é da Xunta, os socialistas reclamarán que se poñan cartos nos orzamentos con esta finalidade.
2. A reforma do terreo de xogo de Pasarón. Iván Puentes lembrou que o Pleno do Concello de Pontevedra decidiu por unanimidade que a Xunta asumise unha parte do que custa renovar ese terreo de xogo (un terzo dunha cifra que rondaría entre os 1,7 e os 2 millóns de euros), «exactamente igual que está facendo en cidades como Ferrol e noutros estadios de titularidade municipal». «Aínda que xa dixo dúas veces que non, tanto no Parlamento como na visita que o conselleiro Diego Calvo fixo a Pontevedra, seguimos a insistir en que a Xunta financie a parte que lle corresponde (uns 563.000 euros). O que Rafa Domínguez non soubo facer negociando cos seus compañeiros de partido en Santiago, agardamos conseguilo nós con estas emendas».
3. O Plan de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro. Sensibles á preocupación dos veciños e veciñas afectados, que están a ver como as súas vivendas lles van ser expropiadas a un prezo que non consideran xusto, os socialistas esixirán que a estes propietarios se lles pague unha cantidade axeitada. «Por suposto -aclarou-, queremos que se faga vivenda pública en Pontevedra, pero non a costa das persoas que teñen alí as súas casas e as súas parcelas. E se hai que expropiar, que se expropie, pero pagando un prezo xusto que compense o dano e as perdas que van ter eses propietarios».
4. Unha vella demanda dos veciños de Bora, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido, que é a de mellorar a estrada autonómica que conecta Ponte Bora con Barro (PO-224). O portavoz do PSOE considera que, aínda que xa se fixo unha renovación do asfalto, «esa estrada debe mellorarse no seu trazado e dotarse de sendas peonís que aporten máis seguridade e optimicen a conectividade en zonas como o contorno do Pontillón do Castro». «Por iso, ímoslle pedir á Xunta que modifique ese treito, que mellore e faga máis segura unha estrada que podería funcionar como circunvalación de Pontevedra alternativa á A-57».
5. Solicitarlle á Xunta que faga un Plan de Reforma e Reparación Integral das deficiencias de tódolos centros educativos de Pontevedra: a ampliación do CEIP Álvarez Limeses, defectos estruturais nos CEIP Xunqueira 1 e Xunqueira 2, o ascensor e outras necesidades do IES Frei Martín Sarmiento…
6. Novo estacionamento do Hospital de Montecelo gratuíto para pacientes e acompañantes e necesidade de persoal e equipamento dos centros de saúde. «Queremos introducir a partida orzamentaria correspondente para que ese proxecto de parking se modifique e que ese estacionamento atenda as necesidades que nos solicitan a plataforma SOS Sanidade Pública e, en xeral, os usuarios da sanidade pública; e que tamén -engadiu Puentes- se teñan en conta as melloras necesarias, tanto en persoal como en equipamento, nos centros de saúde Virxe Peregrina, A Parda, Monte Porreiro e Ponte Sampaio, para que non sofran os recorrentes recortes e inconvenientes que os usuarios estamos a padecer».
Os bulos do señor Domínguez:
Para Paloma Castro «resulta especialmente sorprendente escoitar a Rafa Domínguez presumir de que a Xunta destina máis de 400 millóns de euros á nosa cidade», un bulo polo que debería pedirlles desculpas aos pontevedreses e ás pontevedresas, aos que intentou venderlles unha realidade que non é tal». «Unha cousa é o gasto total que a Xunta contabiliza en Pontevedra -explicou a deputada autonómica do PSOE- e outra moi distinta é o investimento que realmente realiza na nosa cidade. Para chegar a esa cifra de máis de 400 millóns, Rafa Domínguez mete no mesmo saco absolutamente todo: os salarios dos funcionarios, o funcionamento dos edificios públicos, a luz, a calefacción, o papel, o mobiliario e todos os gastos correntes necesarios para que os servizos públicos funcionen (obrigas ordinarias dunha administración pública). Querer presentar todo iso como se fosen novos investimentos é mentirlle á cidadanía».
Castro asegurou que «este relato triunfalista do Partido Popular vense abaixo cando falamos de investimentos reais en Pontevedra», xa que «unha parte moi importante do mesmo concéntrase nunha única actuación: o Novo Montecelo, un hospital que, por certo, levamos anos e anos agardando». «É unha infraestrutura absolutamente imprescindible -aclarou-, que defendemos e que queremos ver rematada canto antes, con todos os servizos e con todas as garantías, pero tamén hai que dicir que é unha obra que acumula anos de atrasos, promesas incumpridas e prazos que nunca se respectan. E hai unha cuestión fundamental que o PP pretende esquecer: Montecelo non é un hospital exclusivo para a cidade de Pontevedra, é un hospital que presta servizo a toda unha área sanitaria. Polo tanto, non se pode utilizar unha infraestrutura sanitaria de ámbito supramunicipal como escusa para deixar sen investimentos o resto das necesidades da capital».
No que atinxe ao resto de partidas, Castro criticou que «nos volvamos atopar outra das especialidades do Partido Popular, que é a de prometer o mesmo unha e outra vez: a rehabilitación do Pazo de Lourizán, a dragaxe do Lérez… Proxectos dos que levamos anos escoitando falar, que aparecen unha e outra vez nos orzamentos e que seguen sen converterse nas realidades que necesita Pontevedra».
Unha conselleira de Vivenda sen ‘cintura’ política e que ‘pasa’ dos veciños afectados polo PIA
A parlamentaria detívose especialmente na cuestión da vivenda, amosando a súa ledicia polo feito de que «por fin, a Xunta aposte pola construción de vivenda pública en Pontevedra, porque é unha necesidade urxente, especialmente para a mocidade e para as familias que teñen enormes dificultades para acceder a unha vivenda». Non obstante, matizou que «esta aposta chega despois de demasiados anos de inacción» e que «o PP non pode apropiarse de todo o mérito, xa que o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 establece unha achega do 60 % por parte do Goberno de España e do 40 % por parte das comunidades autónomas».
Paloma Castro aproveitou a ocasión para trasladarlle unha mensaxe á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue: «Facer política de vivenda non consiste só en poñer cifras nun papel, anunciar milleiros de pisos ou debuxar novos barrios nun plano; facer política de vivenda tamén consiste en escoitar as persoas, dialogar coa veciñanza e procurar solucións consensuadas. E isto é especialmente importante no caso do PIA de San Amaro. Señora conselleira, hai veciños e veciñas que levan meses reclamando respostas, que están preocupados polas súas casas, polas súas propiedades e polo seu futuro. Por iso, pedímoslle á conselleira que sente cos afectados, que os escoite de verdade, que atenda as súas propostas e que busque unha solución consensuada para desenvolver este proxecto».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS