O PSOE urxe ao Goberno Local a chegar a un acordo coa Comunidade de Augas para abastecer de auga potable o CEIP Santo André de Xeve: «Ás portas do inicio do curso escolar, un centro público carece de algo tan básico como a auga»
- Os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey esíxenlle ao concelleiro nacionalista Xaquín Moreda «que poña todo enriba da mesa para chegar a un acordo», xa que as condicións que a Comunidade de Augas lle pon ao Concello «son perfectamente asumibles e moi razoables»
Pontevedra, mércores 26 de agosto de 2026.- Faltan apenas dúas semanas para que o CEIP Santo André de Xeve retome a súa actividade educativa tralas vacacións estivais e o centro carece de subministración de auga apta para uso humano. Ante esta acuciante situación que padece a comunidade educativa do colexio pontevedrés, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e mailo concelleiro Marcos Rey, urxen ao Goberno Local e ao edil nacionalista Xaquín Moreda a «poñer todo enriba da mesa para chegar a un acordo coa Comunidade de Augas de Santa María de Xeve», xa que as condicións que lle pon «son perfectamente asumible e moi razoables» e resulta inadmisible que «ás portas do inicio do curso, un centro público de Infantil e Primaria careza de algo tan básico como a auga potable».
A situación denunciada polos socialistas faise eco das reiteradas queixas que lles veñen trasladando tanto a dirección como a Anpa do colexio de Infantil e Primaria de Santo André de Xeve. Non obstante, aínda que o centro carece de auga potable «desde hai anos», a problemática «agravouse máis desde hai aproximadamente un ano».
Segundo relatou Puentes no transcurso dunha comparecencia conxunta co concelleiro Marcos Rey, «o problema é de sobra coñecido: o colexio non tivo traída de auga nunca e abasteceuse sempre a través dun pozo que tiñan as propias instalacións do centro». «Desde hai tempo -explicou-, as analíticas de auga dese pozo dan un niveis altos de manganeso, o que fai que a auga, directamente, non sexa potable nin apta para o uso humano».
O asunto xa foi levado hai un ano polo Grupo Municipal do PSOE á Comisión de Educación do Concello de Pontevedra, onde se emprazou ao concelleiro responsable, Xaquín Moreda, a solucionar este problema de abastecemento. Unha solución que pasaba por chegar a un acordo coa Comunidade de Augas de Santa María de Xeve para subministrar ao colexio, do mesmo xeito que se fai co resto da veciñanza, e que para os socialistas semellaba inicialmente unha boa idea.
Tal e como lamentou Iván Puentes, tras un tempo prudencial agardando a que ese acordo coa Comunidade de Augas se puidese materializar, «atopámonos unha vez máis con que, a dúas semanas de que empece o curso escolar, o colexio de Xeve continúa sen auga, o pozo segue contaminado con manganeso e os alumnos e alumnas, e o conxunto da comunidade educativa, sen auga no centro». «Queremos trasladar o noso apoio á dirección, á Anpa e á comunidade educativa -subliñou-, e sobre todo urxir ao Goberno Local, ao BNG e particularmente ao concelleiro Xaquín Moreda a que poña todo enriba da mesa para chegar a un acordo coa Comunidade de Augas e para abastecer de auga potable de maneira urxente ao CEIP Santo André de Xeve».

Ao líder do PSOE cónstalle que a Comunidade de Augas ten «toda a vontade do mundo de chegar a un acordo co Concello de Pontevedra e que as condicións que lle pon ao Goberno Local son perfectamente asumibles e moi razoables, tendo en conta que incorporarán a un usuario máis consumindo a súa auga e que isto lles vai obrigar tamén a introducir diversos cambios na forma de potabilización e de subministración desa auga». Na súa opinión, «o normal é que o Concello colabore nesa modernización e nesa transformación que debe implementar a Comunidade de Augas».
Puentes incidiu en que «os membros da comunidade educativa necesitan urxentemente a auga; a Comunidade e Augas, que é a solución que a todos nos parecía máis razoable, está totalmente disposta a ofrecer ese abastecemento de auga ao colexio; e o que falta é que o BNG e o Goberno Local poñan as pilas e negocien sen descanso para que, cando empece o curso escolar, un centro de ensino público como o CEIP Santo André de Xeve dispoña de algo tan básico como a auga para poder desenvolver a súa actividade educativa e non educativa».
Rey asegura que Moreda «leva meses sen atender á Comunidade de Augas e nin sequera lles colle o teléfono»
Bo coñecedor da parroquia e da situación que viviu o colexio ao longo destes anos, o concelleiro Marcos Rey lembrou que «mesmo se chegou a facer un segundo pozo libre de manganeso» para tentar resolver o problema, pero que «secou por mor das vibracións que provocaron as actuacións realizadas pola Xunta entre as estradas PO-224 e a PO-223». Asemade, baralláronse outras alternativas, como a posibilidade de traer a auga desde o Teleclub de Santo André de Xeve (algo que non solucionaba a situación, ao tratarse de auga que non é apta para o consumo).
«Con moi boa disposición -afirmou Rey-, a Comunidade de Augas de Santa María de Xeve ofreceu a posibilidade de traer a auga desde as instalacións dos propios comuneiros e comuneiras desta parroquia. É máis, hai un ano enviáronlle ao Concello unha proposta vía Rexistro municipal coas condicións que lle poñían e, en principio, todo estaba de acordo… Pero o concelleiro Xaquín Moreda leva meses sen atender a esta Comunidade de Augas e nin sequera lles colle o teléfono, privando así ao colexio de auga pública (alí hai unha vivenda dun conserxe que non pode nin cociñar por ter a auga contaminada con manganeso)». A solución que puxo o Concello naquel momento foi instalar uns bidóns de auga potable.
Marcos Rey esíxelle a Moreda «que exerza como concelleiro, que non omita as súas funcións, que atenda ás chamadas da Comunidade de Augas de Santa María e que impulse a solución máis coherente das que están enriba da mesa».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS